Feijóo garante agora os fármacos para a Hepatite C porque "isto non é Venezuela"

Feijóo, nun intre do pleno © Ana Varela

Arrecendo a titulares de campaña. Hai dúas semanas a desesperación dos doentes de Hepatite C que agardan polos seus tratamentos estouraba no pleno do Parlamento cando o PP votaba en contra da iniciativa que, apoiada por toda a oposición, esixía o "acceso ás novas terapias" de "acordo cos criterios dos médicos especialistas" e "dispoñendo de todos os recursos que sexan precisos". Quince días despois a protesta segue a arreciar e o presidente da Xunta foi cuestionado ao respecto por partida dupla, polas bandas de AGE e BNG. O que comezou como unha resposta de marcado ton institucional rematou como un duro retruque asentado nalgúns dos titulares máis pirotécnicos da prensa estatal nos últimos días: "isto non é Venezuela".

Ao seren dúas preguntas sobre a mesma cuestión a Presidencia da Cámara acumulounas, polo que Feijóo puido responderlles ao mesmo tempo a Yolanda Díaz e mais a Francisco Jorquera. As solicitudes de tratamento de persoas que "están no corredor da morte" non se "poden tramitar como se fosen licenzas de obra, falamos de persoas", destacou Jorquera. "Cal é o prezo que ten a vida humana para o presidente da Xunta?", preguntouse Díaz, quen ve a Feijóo como "un covarde político coa súa ausencia" durante a tensa votación de hai dúas semanas.

A "preocupación" polos doentes é "compartida" polo PP "e polo presidente", porque "ademais de ser presidente, son un galego máis", comezou Feijóo, quen agora garante que "imos tratar de forma inmediata a todos e cada un dos pacientes" que "cumpran os criterios" marcados dende o "comité científico", os mesmos que o Ministerio de Sanidade flexibilizou hai escasos días. "Asumirei todas as decisións dos médicos, tanto do Sistema Nacional de Saúde como do Sergas", di, nun contexto no que "isto é o suficientemente serio" como para "preocuparse" de que "os afectados galegos teñan os tratamentos de acordo cos criterios médicos e as evidencias científicas". Isto, asegura, xa aconteceu no "98%" dos casos de solicitudes de acceso aos novos tratamentos.

O Ministerio flexibilizou a súa postura hai escasos días

Pero o que transitaba por vías inusitadamente institucionais pola banda presidencial descarrilou ao abordar o que Feijóo considera unha "cuestión torticeiramente economicista". AGE, reprocha, refírese ao caso concreto dun doente que agarda polo tratamento despois de ter que recibir dous transplantes de fígado, cando "un transplante ten un custo moi superior a calquera tratamento". "Se quere xogar cos transplantados de fígado é que non ten corazón", espetoulle á deputada, á que acusa de "facerlles o xogo ás multinacionais" que producen o fármaco.

Díaz: "Cal é o prezo da vida humana para o presidente?"

"A presión social, coas eleccións ás portas, fai que celebren como un triunfo o mesmo contra o que votaron hai quince días", retromou Jorquera, convencido de quen quen "xoga cos doentes" é precisamente Feijóo, "amparándose" nos criterios dunha "subcomisión" estatal no canto de "concretar cartos, orzamento e prazos". E Feijóo concretou orzamentos, pero non da Hepatite: "Dedicamos 35 millóns de euros aos enfermos de VIH", 78 millóns "para os medicamentos dos cancros de sangue, das leucemias" e 66 "á diabete". Por iso "dicir que non damos" o tratamento da Hepatite "por cuestións económicas cando estamos dando tratamentos superiores con pacientes con maior gasto sanitario" é "unha insidia que non podo aceptar".

Jorquera: "A presión social fai que celebren como un triunfo o mesmo contra o que votaron hai quince días"

O PP, asegura Feijóo, votou en contra da proposta da oposición "porque non querían aceptar que son os médicos os que receitan", pero "coincidimos en mirar a enfermidade de fronte e buscar unha solución con independencia do custo económico". Non hai unha "resposta distinta" en autonomías como Andalucía ou Asturias e tampouco a haberá en Galicia, afirma. Estes, proclama, son os argumentos para garantir os tratamentos porque, dille a AGE, "isto non é Venezuela, aquí hai unha boa sanidade para todos" e ademais "non se deteñen os alcaldes democráticos".

O grupo de AGE dálle as costas a Feijóo durante a súa resposta CC-BY-SA Praza Pública
Jorquera, cos doentes ás portas da Cámara CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.