Feijóo nega que Villares poida "falar de pobreza en Galicia" porque "miles de venezolanos non poden comer"

Núñez Feijóo, durante a sesión de control CC-BY-SA PPdeG

Volve Venezuela, se é que algunha vez marchara. En maio de 2015 Alberto Núñez Feijóo despregou unha intensísima axenda de campaña para apoiar as candidaturas municipais dun PP que temía un devalo confirmado despois das urnas. Moitas das intervencións do presidente da Xunta e dos conservadores galegos centrábanse en advertir de supostos perigos de que as Mareas municipais chegasen ao poder, soas ou en compaña doutras formacións de esquerda. Así, Feijóo chegara a advertir de que, se o PP non gobernaba, diversos concellos galegos ían tornar en "pobos de Venezuela".

Villares reprocha a Feijóo a rebaixa do imposto de patrimonio "aos ricos" e o presidente retruca que "non é baixar ningún imposto" porque o tributo volve a niveis previos a 2013

Máis de tres anos despois e ás portas dunhas novas eleccións municipais o presidente galego vén de retomar a carta venezolana na súa baralla de respostas aos grupos da oposición. Botou man dela este mércores para retrucar ao voceiro de En Marea, Luís Villares, que na sesión de control instou o presidente a aclarar por que "baixa os impostos aos máis ricos". Referíase á baixada do imposto de patrimonio ata niveis previos a 2013 prevista nos Orzamentos de 2019 que, reprocha, sairá adiante mentres en Galicia segue a haber persoas "que teñen a desgraza de traballar e non saír de pobres", as persoas en pobreza severa seguen a superar as 100.000 ou "son máis de 1,2 millóns de persoas as que conforman o universo da precariedade", dixo en referencia a persoas empregadas nesas condicións e mais ás "súas familias".

Villares, durante a sesión de control / CC BY-SA En Marea

O presidente da Xunta aférrase a unhas declaracións de Íñigo Errejón (Podemos) a un medio chileno o pasado outubro

Alén de mofarse do voceiro de En Marea por esa cifra -non pode haber máis poboación "en precariedade" que ocupada, considerou- e de sentenciar que facer descender o imposto de patrimonio tras subilo en 2013 "non é baixar ningún imposto", Feijóo negou a Villares a posibilidade mesma de "falar de pobreza severa en Galicia" porque "estamos recibindo a miles de venezolanos que non poden comer en Venezuela". O xefe do Goberno galego lanzou esa advertencia porque o voceiro de En Marea, di, "vén no nome" da mesma "ideoloxía" que Íñigo Errejón, dirixente madrileño de Podemos que o pasado outubro sinalou nunha entrevista para un medio chileno que a poboación venezolana é quen de realizar "tres comidas ao día". Esa entrevista foi intensamente divulgado nos últimos días en redes sociais por diversos dirixentes do PP.

Neste contexto, Feijóo reprocha a Villares que "non le o que din" os membros de Podemos aínda que "sen Podemos vostede non estaría aí, é o que hai". Así e todo, recomendou, o que debera facer o voceiro de En Marea é "tomar nota" das baixadas de impostos ás "rendas medias e baixas" promovidas pola Xunta nos últimos anos e, no canto de "cuantificar as familias en situación de pobreza", unha "política que eu non comparto", "botar unha man" ao Goberno galego neste ámbito porque "os alcaldes das mareas non o fan", concluíu.

Contra a suba do salario mínimo a 900 euros e a prol das nucleares

Bancadas de PSdeG e BNG durante a intervención de Ana Pontón, líder do Bloque / CC BY-NC-SA BNG

O presidente da Xunta augura a "destrución de milleiros de postos de traballo dos mozos galegos e españois" se sobe o SMI a 900 euros

Feijóo fixo regresar Venezuela á vida política galega minutos despois de, en resposta ao voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, gabarse dos resultados do mercado laboral galego en comparación coas medias estatais e rexeitar a eventual suba do salario mínimo a 900 euros promovida dende o Goberno central no marco dos seus acordos con Podemos. "Todo o emprego creado na recuperación é temporal" e isto "condena a mocidade a encadear contratos temporais inestables" sen "salarios suficientes", sinalou o socialista. Subir o salario mínimo "abruptamente", retrucou Feijóo, vai significar que "a xuventude" vaia "sufrir" porque vai "destruír milleiros de postos de traballo dos mozos galegos e españois". A suba, coida, debera limitarse á pactada polo Goberno de Rajoy coas "organizacións sindicais sensatas", que supuña chegar aos 850 euros en 2020.

Na mesma sesión de control Feijóo foi cuestionado tamén, pola banda do BNG, a respecto da súa postura sobre o peche de Alcoa, toda vez que a xuízo de Ana Pontón ao presidente "só lle interesa ver a quen pode responsabilizar" do ERE formulado pola multinacional americana no canto de "poñer sobre a mesa solucións valentes", como unha intervención pública da compañía. Segundo Feijóo, non busca "culpables", senón "solucións", e por iso esixe ao Goberno central unha tarifa eléctrica estable para a industria durante, cando menos, cinco anos, pero tamén lle reclama "que as súas mensaxes en materia de enerxía non sexan apocalípticas", xa que dicir "que hai que pechar as nucleareas, as centrais de carbón ou financiar as primas ás renovables" supón "incrementar os prezos da enerxía".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.