Bruxelas dá o visto e prace ao pacto ibérico para pór tope ao prezo do gas e baixar a factura da luz

A ministra Teresa Ribera e o seu homólogo portugués, José Duarte Cordeiro, en Bruxelas © Ministerio para a Transición Ecolóxica

A ministra Ribera anunciou un "acordo político" coa Comisión Europea para instaurar un mecanismo que España prevé aplicar a comezos de maio

Visto e prace. A Comisión Europea deu luz verde este martes á proposta de España e mais Portugal para limitar o prezo do gas e do carbón que alimentan as centrais de xeración de electricidade, o que suporá unha considerable rebaixa da factura da luz para os fogares cunha tarifa regulada, o 40% do total no Estado.

A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, anunciou un "acordo político" coa Comisión Europea en Bruxelas, nunha rolda conxunto cabo do seu homólogo portugués, José Duarte Cordeiro, logo de que ambos se reunisen coa comisaria da Competencia, Margrethe Vestager. 

Recorte dun recibo da luz sobre unha imaxe dun tendido eléctrico CC-BY-NC-SA Foto: Fré Sonneveld / Unsplash | Montaxe: Praza.gal

O mecanismo sería implementado "inmediatamente", segundo asegurou Ribera, que confirmou despois que o Goberno de España levarao a vindeira semana ao Consello de Ministros para que ese tope ao importe do gas entre en vigor "a comezos de maio". 

Segundo o acordo alcanzado, o prezo de referencia do gas fixarase arredor dos 40 euros megavatio hora e marcará un prezo medio de 50 euros MWh durante os doce meses no que estea en vigor o mecanismo. 

O pactado supón aplicar a "excepcionalidade ibérica" que Portugal e España reclamaraon na UE: o procedemento que permita aos dous Estados, argumentando as baixas interconexións co resto do continente e a súa elevada cota de renovables, desmarcarse do resto de países cunha reulgación específica e temporal que permita abaratar a factura da luz, que nos últimos meses alcanzou cifras récord tras a invasión da Ucraína por parte de Rusia. 

O prezo da electricidade no mercado maiorista baixaría dos arredor dos 200 euros MWh actuais aos 130-140

De primeiras, Portugal e España poderán lijitar o prezo do gas e o carbón para as centrais eléctricas a 40 euros MWh, dez euros máis do que era a proposta inicial dos gobernos de ambos Estados. A Comisión Europea, para dar o seu visto e prace, impón a que o tope vaia subindo progresivamente ata alcanzar os 50 euros de media no ano que estará previsto este modelo. 

Co mecanismo, o prezo da electricidade no mercado maiorista baixaría dos arredor de 200 euros MWh actuais (para este mércores 27 o importe no mercado ibérico é de 220 aproximadamente) aos entre 130 e 140, incluíndo xa o custo dos deretios de emisión de CO₂. Supón menos da metade dos 283 euros de media en marzo sobre 50-60 euros menos dos algo menos de 200 euros de media no que vai de abril. 

Descarga dun buque gaseiro na planta de Reganosa © Reganosa

Porque a guerra de Ucraína e o temor ao veto ao gas ruso encareceu durante semanas e ata niveis récord o ciclo combinado, que marca o importe final da luz malia ser minoritario na xeración eléctrica. O gas, que multiplica por cinco o seu prezo, acaba por ser clave nun sistema de fixación de prezos marxinalista como o español. De non haber condicions para a produción de enerxía maioritariamente de fontes renovables -como si aconteceu durante varios días das últimas semanas nos que o prezo da electricidade baixou a mínimos-, a entrada desta tecnoloxía máis cara acaba por determinar o prezo final de todas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.