Os gobernos europeos véñense vendo obrigados desde hai meses a intervir paulatinamente no mercado enerxético para protexer os consumidores, xa sexa con subsidios ao consumo de gasolina, coa extensión de créditos ás eléctricas ou mediante a creación da excepción ibérica, no caso de España. Pero foi este mércores cando a Comisión Europea propuxo finalmente intervir a gran escala e de maneira temporal o mercado para asegurar que as familias poden permitirse pagar a factura da luz durante os próximos meses.
"O mercado xa non funciona (...). Nestes tempos, os beneficios deben repartirse e canalizarse cara a quen máis o necesita", sinalou a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, no seu discurso do Estado da Unión, nun ton nada común para un líder dun partido conservador.
A Comisión Europea propón limitar os ingresos extraordinarios das eléctricas que producen enerxía barata e impoñer unha "contribución solidaria" sobre os beneficios extra das que usan fontes fósiles. En total, uns 140.000 millóns para rebaixar a factura da luz
Bruxelas suxire introducir un límite aos ingresos extraordinarios das empresas eléctricas que producen enerxía barata, as renovables e a nuclear, as chamadas tecnoloxías inframarxinais. A Comisión entende que os elevados prezos da luz levan a estas compañías a ingresar moito máis do esperado, mentres cidadanía e empresas sofren para pagar as súas facturas cada mes.
"Os produtores de electricidade que non usan gas están a rexistrar uns beneficios que non imaxinaran na súa vida", afirma Carlos Torres, consultor do mercado eléctrico en Rystad Energy. "E mediante esta especie de impostos pódese redistribuír estas ganancias entre as familias para axudalas no seu día a día", engade o experto.
A Comisión Europea propón aos gobernos que as empresas que comercializan enerxía renovable e nuclear poidan ingresar como máximo 180 euros por megawatt hora, de maneira que se se vende electricidade por riba deste prezo "como ocorre agora", o diñeiro restante acaba nas arcas públicas para despois empregarse en axudar as persoas consumidoras.
Ademais desta medida, coa que se pretenden recadar 117.000 millóns de euros en toda a Unión e que estará activa até marzo de 2023, Bruxelas promove tomar parte dos beneficios extraordinarios das empresas de enerxías fósiles no que denomina "unha contribución solidaria", que estima en 25.000 millóns e que se prolongará até o inverno do ano que vén.
Por último, a Comisión propón unha pequena redución obrigatoria de consumo de electricidade, que axudaría a reducir a queima de gas. Todas estas ideas serán agora estudadas polos estados membros e negociadas e votadas o 30 de setembro na cimeira de ministros de Enerxía e espérase que estean operativas antes do 1 de decembro.
As axudas ás persoas consumidoras
O obxectivo final da intervención de Bruxelas é rebaixar o prezo da factura da luz, e iso dependerá do que faga cada goberno co diñeiro recadado. A falta de que se acorde o texto final, que é susceptible de cambios, a Comisión propón que cada país xestione o recadado segundo as súas necesidades.
"Estes ingresos poden utilizarse para proporcionar axudas á renda, descontos [na factura de electricidade], investimentos en enerxías renovables, eficiencia enerxética ou en tecnoloxías de descarbonización"
"Estes ingresos poden utilizarse para proporcionar axudas á renda, descontos [na factura de electricidade], investimentos en enerxías renovables, eficiencia enerxética ou en tecnoloxías de descarbonización", sinala a proposta. Desta forma, os gobernos poderán apostar por transferir directamente este diñeiro á cidadanía ou investíreno en reforzar o seu sistema enerxético cara ao futuro.
"Non hai unha solución rápida, os seguintes invernos seguirán sendo difíciles", advertiu o mércores Frans Timmermans, vicepresidente da Comisión Europea para asuntos climáticos, durante unha rolda de prensa.
O mandatario subliñou durante a súa intervención a importancia de combinar estes investimentos cunha redución da demanda eléctrica, o terceiro dos alicerces da nova proposta. "Se non aforramos enerxía, non lograremos nada", dixo Timmermans. Pero sempre de forma racional: "Non pedimos á xente que pase o inverno sen calefacción, senón que faga o posible para aforrar na factura", engadiu.
Neste sentido, a Comisión propón que todos os estados membros reduzan de maneira obrigatoria o seu consumo de luz polo menos un 5% durante as tres ou catro horas que máis cara custe a enerxía -normalmente, á primeira hora do día e durante a hora da cea-. E pide aos gobernos que ademais reduzan de maneira voluntaria o seu consumo de electricidade un 10% até o próximo 31 de marzo.
As horas de maior consumo cóbrense coa enerxía máis cara: "Se aplanas a curva necesitarás acender menos plantas de ciclo combinado, que son as que funcionan con gas"
Ana María Jaller-Makarewicz, analista enerxética do IEEFA, coincide coa opinión de Bruxelas, e explica que rebaixar esta medida ten moito sentido, xa que as horas de gran consumo cóbrense coa enerxía máis cara. "Nas horas pico prodúcese moita electricidade que no resto de horas non vas necesitar, pero se aplanas a curva necesitarás acender menos plantas de ciclo combinado, que son as que funcionan con gas".
No punto do aforro, o ministerio de Transición Ecolóxica reitera desde verán que os cidadáns non sufrirán unha redución forzada do consumo, senón que buscaría mecanismos alternativos como as recomendacións a través de campañas de concienciación. Polo momento, España rexistrou en agosto unha demanda bruta de electricidade un 0,1% superior ao ano pasado, pese ao decreto de eficiencia enerxética, debido á calor anómala deste verán.