A Comisión Europea dá o visto e prace ao plan para que os gobernos español e portugués limiten o prezo do gas e así baixar o custo da luz. O primeiro ministro portugués, António Costa, avanzou este martes a aceptación da UE ao proxecto elaborado xunto ao gabinete de Pedro Sánchez, polo que só resta que sexa aprobado nos consellos de ministros de ambos Estados, o cal sucederá esta semana -previsiblemente, este martes-. Nese momento, a aceptación preliminar virará definitiva. O límite temporal quedará fixado nunha media de 50 euros o megavatio / hora. Na imaxe, Sánchez e Costa en Bruxelas o pasado marzo, tras lograren que a Comisión aceptase a 'excepción ibérica' para o prezo do gas [© Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa]
Fálase
A maxistrada que xulgará o accidente de Angrois a partir de outubro rexeita que dous avogados do Estado poidan intervir á vez nunha mesma sesión en defensa de Adif. As normas ditadas para o xuízo estableceron que cada parte pode mudar os seus avogados cando queira ao longo do xuízo pero que nunha mesma sesión só pode intervir un único letrado. Adif solicitou que no seu caso poidan intervir dous, un como parte prexudicada polo accidente do Alvia e outro como posible responsable subsidiario do mesmo no caso de que tamén o seu ex-director de Seguridade sexa condenado, pero a xuíza rexéitao co argumento de que ambas cuestións están ligadas.
Dios Ke Te Crew estrea este luns o videoclip do tema Haters, protagonizado por Xosé A. Touriñán. É o segundo avance do seu novo EP En que ano estamos?! que verá a luz a vindeira semana e que será presentado o 27 de maio cun concerto na Sala Capitol.
O Pontevedra celebra o seu ascenso a Primeira RFEF logo do empate ante o Salamanca na penúltima xornada de Liga. O cadro granante sobe de categoría de maneira virtual ao ter que manter na última xornada unha diferenza de 15 goles a favor respecto ao segundo clasificado.
Feijóo entrará no Senado para confrontar con Pedro Sánchez. O senador galego por designación autonómica, Juan Serrano, presentará este luns a súa renuncia ao cargo e o PPdeG propondrá o aínda presidente da Xunta en funcións para ocupar a súa vacante.
Os Follas Novas premian a Diego Ameixeiras, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, David Pintor ou Antonio M.Fraga. Os premios renderon homenaxe ao escritor Xesús Alonso Montero, a libreira Mercedes Corbillón, e a escritora portuguesa Ana Luísa Amaral.
Ducias de desaparecidos nun ataque a unha escola de Lugansk, no leste da Ucraína. O gobernador da provincia denuncia o ataque do exército ruso en Bilohorivka a un centro de ensino onde se refuxiaban 90 persoas, das que 60 permanecen desaparecidas. Foto: © UNICEF/UN0598027/Evgeniy/UNIAN
Unha moza de Viveiro, falecida na explosión do Hotel Saratoga na Habana. O seu acompañante, un mozo das Pontes, está ferido de gravidade. Ambos os dous estaban de vacacións en Cuba. No sinistro morreron 25 persoas. Foto: CC-BY-SA Jim Freiheittown.
Vitoria histórica do Sinn Féin nas eleccións de Irlanda do Norte. Co 29% dos votos, saca case oito puntos ao Partido Unionista Democrático (DUP), que perde un 6,8% respecto aos anteriores comicios.
O Sergas oferta máis de 2.500 prazas para a estabilización no emprego. A oferta que anuncia a Consellería de Sanidade recolle un total de 2.524, das que 1.650 serán por concurso de méritos e 840 por concurso oposición.