Unha moza de Viveiro, falecida na explosión do Hotel Saratoga na Habana. O seu acompañante, un mozo das Pontes, está ferido de gravidade. Ambos os dous estaban de vacacións en Cuba. No sinistro morreron 25 persoas. Foto: CC-BY-SA Jim Freiheittown.
Fálase
Vitoria histórica do Sinn Féin nas eleccións de Irlanda do Norte. Co 29% dos votos, saca case oito puntos ao Partido Unionista Democrático (DUP), que perde un 6,8% respecto aos anteriores comicios.
O Sergas oferta máis de 2.500 prazas para a estabilización no emprego. A oferta que anuncia a Consellería de Sanidade recolle un total de 2.524, das que 1.650 serán por concurso de méritos e 840 por concurso oposición.
O Festival de Ortigueira abre a votación online para seleccionar as bandas finalistas do Concurso Runas 2022, que vén celebrándose dende o ano 2000. O xurado seleccionou dez formacións, procedentes de Galicia, Euskadi, Madrid, Castela-León, Escocia ou Irlanda, das que sairán os tres grupos finalistas que actuarán na edición deste ano do festival, que se celebrará entre o 10 e o 17 de xullo. Entre os candidatos figuran os galegos Batea, De Ninghures, Dobregalúa, Leirabuxo e Pelepau
A Consellería de Sanidade informa ao Ministerio de dous novos casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida en Galicia, onde se detectaron xa un total de cinco.
O aínda presidente en funcións da Xunta muda o seu identificador de Twitter do anterior @FeijooGalicia a @NunezFeijoo.
O Concello de Lugo comunica que foi "víctima dun ciberataque" que xa foi denunciado ante o Centro Criptolóxico Nacional e a Policía Nacional. A UDEF xa iniciou unha investigación dos feitos, sobre os que descartan "que se trate dunha actuación de tipo indiscriminado dirixida por mafias", pois "parece obedecer a un ataque dirixido especificamente contra a Institución local xa que foi executado empregando como reclamo datos concretos e moi elaborados relacionados coa actividade da Administración".
O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, cualifica de "parvos" á poboación que ten a tarifa regulada da luz, á que fai responsable de pagar máis por esa elección. As súas declaracións pódense escoitar en RTVE e o vídeo do momento, nesta ligazón. Na imaxe, de arquivo, Sánchez Galán con Feijóo, na inauguración en 2017 da central hidroeléctrica San Pedro II, nos Peares.
- DATOS | A inflación supera o 10% en Galicia impulsada pola luz e os carburantes
- HEMEROTECA | A Xunta dá voz nun comunicado oficial ao presidente de Iberdrola para que eloxie a “visión e o impulso” de Feijóo
- HEMEROTECA | O Supremo ve "sorprendente" un novo intento de Iberdrola de reducir o imposto galego aos encoros e lémbralle que "abusa" da xustiza
- HEMEROTECA | O BNG acusa a Feijóo de "complicidade coas eléctricas" amosando nas rúas a súa aperta co presidente de Iberdola
A directora do CNI admite escoitas a 18 líderes independentistas cataláns con autorización xudicial, segundo transcendeu da súa comparecencia na coñecida como comisións de segredos oficiais do Congreso. Entre os líderes espiados, segundo algunhas fontes, estaría o actual presidente da Generalitat catalá, Pere Aragonès. Na imaxe, Paz Esteban tomando posesión como máxima responsable dos servizos de intelixencia do Estado en 2020.
O derradeiro Consello da Xunta presidido por Feijóo aproba o cesamento de Mar Sánchez Sierra como secretaria xeral de Medios para incorporarse ao gabinete do agora líder do PP no partido. Aproba, igualmente, o cesamento da directora xeral do Gabinete da Presidencia, Marta Varela, que pasa a ocupar un posto semellante na dirección estatal do PP. Na imaxe, [CC-BY-SA Xunta], Sánchez Sierra intervén na súa toma de posesión en 2013. Previamente, exercera como directora xeral de Comunicación e anteriormente, outros cargos no equipo de confianza do agora presidente saínte.