Diseccionando o CNI: das súas orixes franquistas á súa escasa transparencia e limitado control

Acto de toma de posesión da actual directora do CNI, Paz Esteban, en febreiro de 2020 CC-BY-ND Marco Romero / MDE

O Centro Nacional de Intelixencia (CNI) é un dos organismos gobernamentais máis herméticos e opacos da administración do Estado, se cadra o que máis. Tanto é así que un dos seus ex-directores, Alberto Saiz, admitiu recentemente nunha entrevista en Salvados que "hai moitas cousas nas que se podería levantar o veo": "O dos segredos oficiais está ben, pero o de contar algo máis, ter máis visibilidade ante a cidadanía das cousas que fai o CNI estaría moi ben", admitiu. Unha declaración que corrobora un ex-alto cargo do ministerio de Defensa, que prefire non ser citado polo seu nome, en conversa con infoLibre: "Ás veces parece que sexamos o arquivo secreto do Vaticano", ironiza.

Un alto cargo de Defensa, que xustifica a espionaxe a independentistas cataláns, desmente que Pegasus sexa un software "que só se vende aos Estados"

As funcións do organismo, segundo establece a Lei reguladora do Centro Nacional de Intelixencia (Lei 11/2002, de 6 de maio) no seu artigo numero 1, son "facilitar ao presidente do Goberno e ao Executivo as informacións, análises, estudos ou propostas que permitan previr e evitar calquera perigo, ameaza ou agresión contra a independencia ou integridade territorial de España, os intereses nacionais e a estabilidade do Estado de dereito e as súas institucións". É precisamente un destes supostos, o da "ameaza ou agresión contra a independencia ou integridade territorial" á que a citada fonte alude para xustificar a presunta espionaxe aos líderes independentistas mediante o programa Pegasus. [O Goberno de España asegura que Pedro Sánchez tamén foi espiado con Pegasus]

"Ese artigo dá competencia clarísima ao CNI para investigar os independentistas que proclamaron a república catalá. O organismo está obrigado a informar o presidente do goberno de todos os asuntos no que estea en cuestión a integridade nacional de España e, se está debidamente acreditado por un xuíz, pode intervir os seus teléfonos", apunta. Este ex-alto cargo descoñece se houbo unha investigación, pero desmente que Pegasus sexa un software "que só se vende aos Estados": "Se mañá o merca Repsol, aínda que tería que xustificar o gasto porque é moi caro, podería acceder a el sen problemas".

Pedro Sánchez e Margarita Robles escoitan unha intervención de Félix Sanz, daquela director do CNI, na sede do Centro en xaneiro de 2019 © Pool Moncloa/CNI

A Antonio Rubio, un dos xornalistas de investigación que mellor coñece a actividade do CNI, non lle cabe a "menor dúbida" de que o centro de intelixencia por tras desa espionaxe. "O CNI está por tras e creo que a Policía tamén. É evidente que uns e outros tiñan acceso ao sistema", analiza. "Os servizos de intelixencia escoitaron no pasado, escoitan na actualidade e seguirán escoitando no futuro", explica a infoLibre.

Nese sentido Rubio dubida da promesa do ministro da presidencia, Félix Bolaños, de establecer unha "investigación interna" para esclarecer o ocorrido. "Iso é o equivalente a unha inspección de traballo. Non o vai a facer xente de fóra, vaino facer xente de dentro do organismo. O resultado dese control haberá que polo en corentena. A quen lle vas a meter o corno? Á túa xefa?", pregúntase. "Segundo o vexo eu, terán que rodar cabezas, como xa sucedeu en épocas pasadas". Unha das formacións do Executivo, Unidas Podemos, aliñouse coas peticións dos partidos soberanistas -entre eles, o BNG- e xa apuntan á ministra de Defensa, Margarita Robles.

As orixes franquistas do Centro Nacional de Intelixencia

Décadas despois do final da Guerra Civil e coas manifestacións estudantís de maio en Francia como referencia, o ditador Francisco Franco creou a Organización Contrasubversiva Nacional (OCN) no ano 1968. Fíxoo co fin de enfrontarse aos movementos de oposición ao réxime en diversos ámbitos, especialmente no universitario -que máis tarde se ampliou a outros campos-, solicitando información e represaliando a quen se opuñan á ditadura. En 1972 integraríase no Servizo Central de Documentación (SECED), pilotado polo entón vicepresidente, Luis Carrero Blanco. Coa chegada da Transición, Adolfo Suárez creou o CESID, precursor do actual CNI, integrando aos cadros da citada organización franquista.

"A herdanza franquista estivo máis presente no CNI que noutras institucións do Estado"

"A herdanza franquista estivo máis presente no CNI que noutras institucións do Estado", apunta o antigo alto cargo de Defensa. "A ditadura empregouse a fondo para a súa propia defensa e, por tanto, o seu compoñente militar era considerable: entrábase por recomendación e case de modo exclusivo desde o Exército, desde a Garda Civil, a Policía ou a propia Falange", expón. Aínda que houbo avances, a citada fonte cre que non se produciu "unha renovación": "De aí non se botou a ninguén. Os xenerais estiveron a dirixir o centro ata que o presidiu Jorge Dezcallar, que foi a primeira persoa civil en dirixir en centro". Dezcallar foi elixido o ano 2002 polo Executivo de José María Aznar.

Neste punto tamén se detén Rubio. "Até unha determinada época só podían optar a ser axentes do CNI xente que viña da vía militar ou da Garda Civil. Iso transformouse e comezou a haber oportunidades e a posibilidade de que entrase xente de carreira. O organismo abriuse tamén ás mulleres. Foron procesos positivos pero, do mesmo xeito que ocorreu en coa cúpula xudicial ou policial, aínda quedan restos do anterior sistema", explica.

Construción de instalacións para o CESID en 1985, actual sede do CNI en Madrid © CNI

Pola súa banda Isabel Bazaga, profesora de Ciencias Políticas na Universidad Rey Juan Carlos (URJC), especializada en políticas de seguridade, sinala que cando se fala de políticas "o peso da herdanza é evidente, o que pasou antes ten influencia no que pasa agora": "Houbo un proceso de modernización e democratización nos servizos secretos, pero sempre teñen a decalaxe entre o posible e o desexable".

As funcións dos servizos de intelixencia

O artigo 4 da Lei do CNI especifica que a súa función é "previr, detectar e posibilitar a neutralización daquelas actividades de servizos estranxeiros, grupos ou persoas que poñan en risco, ameacen ou atenten contra o ordenamento constitucional, os dereitos e as liberdades dos españois, a soberanía, integridade e seguridade do Estado, a estabilidade das súas institucións, os intereses económicos nacionais e o benestar da poboación". Tamén é competencia do CNI "promover as relacións de cooperación e colaboración cos servizos de intelixencia doutros países", é dicir, contribuír ao mellor funcionamento do que se chamou a "comunidade de intelixencia".

O CNI emite notas diarias que informan o Goberno sobre "asuntos de interese". "Algunhas veces son transcricións de conversas importantes"

Na práctica, isto equivale a que o centro emite notas diarias nas que informan o Goberno sobre "os asuntos de interese". Os destinatarios son o propio presidente do Executivo, a ministra de Defensa e, habitualmente, o do Interior. Segundo confirman varias fontes, estas notas tamén se dirixen á Casa Real cando procede. "Son unhas notas detalladas, algunhas veces son transcricións de conversas importantes", confirma o ex-alto cargo. "Se o CNI recae en Defensa, como ocorreu historicamente e pasa na actualidade, é o ministro o que aborda co director do CNI as posibles dúbidas que lle xurdan ao ler a información", relata.

Constantino Mendez, ex-secretario de Estado de Defensa en época de Carme Chacón e presidente do Consello de Seguridade e Defensa da Fundación Alternativas, confirma este 'modus operandi': "O que se emiten son notas técnicas de apoio", afirma. "Tamén se poden pedir informes específicos para coñecer a natureza dalgunha actividade ou o detalle dalgunha operación", relata en conversa con infoLibre.

Outra das características que define o carácter de excepcionalidade do CNI como órgano da Administración (que se recolle no punto 5 da lei), é a condición de segredo que afecta a todos e cada un dos aspectos da súa organización interna e funcionamento. O segredo das actividades, organización, estrutura interna, medios, procedementos, persoal, instalacións, bases e centros de datos e fontes de información é o que o Executivo está a utilizar como argumento para evitar dar detalles sobre a presunta espionaxe.

Simulación dunha nota de intelixencia, divulgada polo CNI na súa web © CNI

O control xudicial e parlamentario sobre o CNI

Robles recalcou recentemente que "todas as actuacións" do CNI "están suxeitas ao control parlamentario e xudicial". Unha analista en asuntos de intelixencia, que tamén prefire non ser citada, asegura que "a espionaxe é un tipo penal e todas as interceptacións de comunicacións que se realizan na contorna dos servizos de intelixencia teñen tutela xudicial": "O maxistrado que o determina e o segundo de oficio son absolutamente restritivos e legalistas", apunta. "As garantías constitucionais referidas ao dereito á intimidade pódense saltar con permiso escrito do maxistrado da Sala Terceira que outorga uns permisos sempre motivados".

Bazaga tamén mantén esa tese: "Se a intervención se fixo por vía xudicial, é lícita", sinala. "Se hai unha ordenación da man dun xuíz, consideraría que era relevante para a seguridade nacional", prosegue. Con todo, a experta tamén ve necesario abordar "o debate que se produce entre seguridade e liberdade": "En termos de opinión pública hai certo grao de tolerancia cara a certas restricións cando se trata de aumentar a seguridade nacional". Rubio concede que "ao xuíz motívaselle a escoita", pero destaca que "os investigadores poden utilizar ese recurso para facer outras cousas".

A 'comisión de segredos oficiais' limítase a "un control financeiro, e é moi escaso"

A respecto do control parlamentario e como xa explicou recentemente infoLibre, trátase dunha comisión que levaba máis de tres anos sen reunirse polos vetos da dereita aos portavoces de ERC e Bildu. Precisamente o martes a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, propuxo cambiar o método de elección dos deputados e diminuír a maioría de 210 deputados a 176. Pero isto tampouco acabaría de solucionar a falta de control, segundo Bernardino León, columnista de infoLibre e membro do proxecto europeo GUARDINT, que estuda as prácticas dos servizos de intelixencia occidentais, pon en corentena esa afirmación.

"No relativo ao control parlamentario o noso país carece dunha comisión dedicada exclusivamente ao control dos servizos de intelixencia, como si a teñen países como EUA", explica León. "En España tan só temos a Comisión de control dos créditos destinados a gastos reservados, máis coñecida como Comisión de Segredos Oficiais, cuxa responsabilidade é a de auditar os "fondos reservados" cos que se financia, entre outras institucións, o CNI. É un control financeiro. E é moi escaso", apunta. É máis, León destaca que varios deputados que participaron nesa comisión trasladáronlle a súa "pouca utilidade".

A directora do CNI, Paz Esteban, intervén en presenza da ministra Margarita Robles durante a súa toma de posesión, en febreiro de 2020 CC-BY-ND Ministerio de Defensa

O investigador cre as revelacións de Edward Snowden demostraron a falta de control dos servizos de intelixencia europeos e rexeita a "dobre impunidade" coa que as axencias operan. "Non só actúan sen un control democrático efectivo, como denunciou o Consello de Europa en numerosas ocasións, senón que ademais conseguen intimidar ou castigar a aqueles que tratan de denunciar as súas accións".

Os recursos económicos do CNI e o contexto internacional

O orzamento do CNI aumentou un 4%, até os 312.276.540 euros, na última partida dos Orzamentos Xerais do Estado. Os seus gastos de persoal supoñen o 66% do total, cun persoal que supera as 3.000 persoas. A partida de fondos reservados, que só controla a Comisión de Segredos Oficiais do Congreso, mantívose conxelada en 19,8 millóns de euros, igual que as dos departamentos de Interior, Defensa e Exteriores, cun monto total de 27,8 millóns.

Constantino Méndez, ex-secretario de Estado de Defensa: "O CNI estaba en disciplina orzamentaria como calquera outro, pero non se entraba no detalle nin na actividade"

Constantino Mendez asegura que o seu labor como secretario de Estado de Defensa estaba relacionado, exclusivamente, coa cuestión orzamentaria. "As conversacións que eu tiña limitábanse a "pasácheste", "que falta" ou "isto hai que revisalo dúas veces"", explica. "Calquera organismo do ministerio presentaba o seu orzamento pero tiña que especificar os seus contidos, o CNI estaba en disciplina orzamentaria como calquera outro organismo, pero non se entraba no detalle nin na actividade".

Ao contrario que noutros países da nosa contorna, en España non hai unha axencia que leve asuntos relacionados coa intelixencia interior -que se ocupa de asuntos que afectan a cuestións exclusivamente do propio Estado-, e outra coa intelixencia exterior -que se encarga das cuestións que afectan á seguridade do Estado pero que se producen ou se refiren a outros Estados-: todo pasa polo CNI. Isto si sucede en Estados Unidos coa FBI e a CIA ou no Reino Unido co MI6 e o o MI6, que se encargan respectivamente da intelixencia interior e exterior.

"Hai axencias que teñen dividido o traballo en virtude de se é nacional ou exterior, pero en España decidiuse que non somos tan grandes nin temos tanto peso no estranxeiro. Cando hai zonas de interese, o CNI destaca xente e obtén información no estranxeiro. Hai máis conversa entre servizo de intelixencia do que cremos e normalmente hai un transvasamento desa información entre países amigos", explica o ex-secretario de Estado. Ao seu xuízo, o sistema español "é correcto" porque "o CNI está presente alí onde hai un risco para o país". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.