Ademais de líderes independentistas vascos e cataláns, tamén foi espiado mediante o sistema Pegasus o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. E tamén a ministra de Defensa, Margarita Robles, que hai escasos días xustificou a utilización deste dispositivo de control dos teléfonos móbiles contra representantes soberanistas de Catalunya.
O Goberno data as intrusións nos móbiles de Sánchez e a ministra Robles en maio e xuño de 2021
Nunha convocatoria de prensa realizada de urxencia -máis inusual se cabe polo feito de producirse nunha xornada festiva en Madrid-, o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, expuxo as que, di, son as principais conclusións de senllos informes encomendados ao Centro Criptolóxico Nacional. Eses traballos, din, constatan sen lugar a dúbidas que os móbiles de Sánchez e Robles sufriron "intrusións" con Pegasus, software da empresa israelí NSO, en maio e xuño de 2021, respectivamente.
Preguntado ao respecto, Bolaños reitera que as pescudas permiten asegurar que estes foron "ataques externos" e, daquela, que o Goberno de España os considera alleos a calquera "organismo oficial" do Estado. Esta información, detalla, xa foi trasladada á Audiencia Nacional para que "se investigue toda a verdade". A utilización deste programa espía, acrecentou, "só está autorizada a organismos oficiais e sempre con autorización" da autoridade xudicial.
O ministro Bolaños asegura que as comprobacións nos móbiles do Goberno de España se realizaron a raíz da investigación internacional que revelou a espionaxe a líderes cataláns e vascos, a mesma que está a facer abalar a maioría parlamentaria do Executivo do PSOE e UP
Segundo especifica o ministro, a "verificación" de posibles ataques espías aos teléfonos móbiles de membros do Goberno de España produciuse precisamente a raíz da investigación publicada por The New Yorker e o grupo de pescuda canadense The Citizen Lab na que ficou acreditada que máis de 60 líderes políticos e sociais vascos e cataláns foran albo da espionaxe con Pegasus. Aínda que polo momento non contan con probas doutras intervencións, admite que están en marcha comprobacións para acreditaren se outros membros do Executivo central foron tamén espiados.
No que atinxe á información obtida coa espionaxe a Sánchez e Robles, o ministro da Presidencia indica que o que teñen acreditado son as datas (maio e xuño e 2021) e o "volume" de información descargada: 2,6 xigabytes e 130 megabytes en senllos ataques no caso do móbil do presidente e apenas 9 megas no terminal da ministra. Naqueles meses, un dos asuntos que ocupaba boa parte da axenda política estatal eran os inminentes indultos aos presos do procés catalán, ademais da xestión dunha nova desescalada de restricións da COVID. Bolaños di rexeitar especular sobre os motivos por tras dos ataques.
Con este pano de fondo e mentres o escándalo da espionaxe de Pegasus fai abalar a maioría parlamentaria do Executivo do PSOE e Unidas Podemos precisamente pola banda catalá, Bolaños asegura que o gabinete que preside Pedro Sánchez xa "adoptou medidas" para evitar estas intrusións e que estas se van "reforzar". Tamén, asegura, compartirán estas precaucións coas comunidades autónomas.