O CNI colabora cos servizos secretos europeos na espionaxe de Internet

O director do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), xeneral Félix Sanz Roldán © El Diario

Os servizos secretos do Reino Unido, Alemaña, España, Francia e Suecia desenvolveron unha estreita colaboración na espionaxe das comunicacións en Internet no últimos cinco anos, segundo a investigación realizada por The Guardian a través dos documentos coñecidos grazas a Edward Snowden. A maior parte desa vixilancia lévase a cabo interferindo nos cables de fibra óptica polos que circula o tráfico de comunicacións e grazas á colaboración en segredo coas grandes empresas de telecomunicacións.

A maior parte desa vixilancia lévase a cabo interferindo nos cables de fibra óptica polos que circula o tráfico de comunicacións e grazas á colaboración en segredo coas grandes empresas de telecomunicacións

Un dos tres servizos de intelixencia británicos, o Cuartel Xeral de Comunicacións do Goberno (GCHQ nas súas siglas en inglés), é quen promoveu a colaboración entre estes países. Á súa vez, o GCHQ mantén excelentes relacións coa NSA norteamericana e asesora os servizos europeos para que poidan facer ese traballo saltando por riba das lexislacións de cada país.

Os documentos de Snowden revelan que a alianza co GCHQ e o CNI se viu moi beneficiada a partir de 2008 grazas á colaboración do servizo español cunha empresa británica de telecomunicacións con presenza en España, á que non se nomea. O GCHQ era puntualmente informado deses contactos. "O socio comercial entregoulle material ao CNI mentres nos tivo informados, o que nos permitiu convidar o CNI a discusións sobre vixilancia de IP este outono", di o documento datado en 2008.

O GCHQ descubriu que o CNI contaba con coñecementos técnicos moi avanzados na vixilancia de comunicacións en Internet

O GCHQ descubriu que o CNI contaba con coñecementos técnicos moi avanzados na vixilancia de comunicacións en Internet.

Os británicos tamén descubriron que o servizo de intelixencia alemán tiña coñecementos técnicos mesmo superiores aos seus á hora de poder picar cables de fibra óptica. O seu problema era que a lexislación alemá era moi restritiva á hora de permitirlles aos seus espías interferir en comunicacións privadas. A colaboración británica consistía en asesorar os alemáns para que puidesen convencer o seu Goberno para que aprobase cambios lexislativos que fixesen posible utilizar ao máximo esa vantaxe tecnolóxica.

 

Oferta de Snowden

Snowden pide axuda para conseguir que a presión internacional logre que "Estados Unidos abandone a súa actitude daniña" en relación coa espionaxe

Edward Snowden, o ex técnico da NSA, escribiulle unha carta a Angela Merkel e outras autoridades xermanas ofrecéndose a cooperar achegando novos datos e a confirmación da veracidade das informacións publicadas polos medios de comunicación.

Na misiva, que lle entregou o xoves en man ao parlamentario alemán dos Verdes Hans-Christian Ströbele, Snowden explica a súa actual situación como refuxiado temporal en Rusia e pide axuda para conseguir que a presión internacional logre que "Estados Unidos abandone a súa actitude daniña" en relación coa espionaxe.

O extécnico da NSA expresa na carta a súa satisfacción coa resposta obtida polas súas revelacións dentro e fóra de Estados Unidos. "Os beneficios desta información para a sociedade son cada vez máis patentes e os riscos dos que alerta están a ser mitigados", explica.

O director do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), xeneral Félix Sanz Roldán © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.