A presunta espionaxe política a líderes independentistas ameaza con pór en risco as relacións entre Moncloa e a Generalitat. O president catalán, Pere Aragonès, convocou o pasado martes de urxencia o seu Gberno e anunciou que, polo momento, queda "conxelada" calquera relación política co Executivo central á espera dunha investigación e da asunción de responsabilidades. O Goberno de España, mentres, desbota de maneira tallante ningún tipo de vinculación con actividades ilícitas de seguimento, aínda que non aclara se o Centro Nacional de Intelixencia (CNI) usou ou non o sistema Pegasus alegando razóns de seguridade.
O Goberno de España nega a súa vinculación con actividades ilícitas de seguimento, pero alude razóns de seguridade para non confirmar se o CNI usou o sistema Pegasus
"Hai asuntos que tratan da seguridade nacional que están protexidos pola lei e que son materias clasificadas, asuntos secretos sobre os cales non podo darlles conta", contestou este martes a ministra voceira, Isabel Rodríguez, á pregunta de se o CNI utilizara o programa de espionaxe. Antes, a propia portavoz encargouse de subliñar que o Goberno "non ten nada que ver nin nada que ocultar", así como que o Executivo "colaborará co esclarecemento dos feitos".
Desde Moncloa xa levan días tentando acougar as augas co independentismo e salvagardar un foro como o da mesa de diálogo para o que, por certo, ambas as delegacións traballaban nas últimas semanas en busca de pechar unha data próxima para convocala. Desde o Executivo aseguran que "de momento" eses contactos coa Generalitat non se deron "a nivel de presidentes", algo que non descartan que aconteza nos próximos días. En calquera caso, trasladan unha mensaxe de tranquilidade e de escasa preocupación a respecto das posibles consecuencias políticas dun caso do que senten alleos.
Fontes do Executivo consultadas por infoLibre deixan aberta, no entanto, a porta da fronte xudicial. Aseguran que no caso de que alguén "considere vulnerados os seus dereitos" será algo que deba resolverse "en termos xudiciais", un camiño para o que o Goberno mostrará "a máxima colaboración". Aínda así, Rodríguez quixo deixar claro en rolda de prensa que "España é un estado democrático pleno" no que "non se poden limitar dereitos e liberdades individuais se non é co amparo da lei", polo que o Goberno "non acepta que se poña en cuestión a calidade democrática de España", concluíu.
"Ofensiva xurídica internacional"
Desde Cataluña, con todo, o balbordo levantado polo escándalo da posible espionaxe axitou a axenda política. En Bruxelas, os principais líderes independentistas anunciaron este martes "unha ofensiva xurídica internacional". O ex-vicepresidente Oriol Junqueras acudiu á capital comunitaria para comparecer xunto ao ex-president e actual europarlamentario Carles Puigdemont. Á fronte dunha ampla delegación de representantes do independentismo catalán, ambos denunciaron o que consideran un ataque á democracia. Junqueras esixiu que os feitos "non queden impunes", mentres Puigdemont se referiu a "a un sistema enteiro que está corrupto", esperando que "o Estado renda contas".
Pere Aragonès, pola súa banda, convocou de urxencia ao conxunto do seu Govern este martes pola tarde. Nunha comparecencia de prensa posterior, o president da Generalitat esixiu saber "quen nos espiou, quen deu permiso para que nos espiase e quen tiña coñecemento de que se nos espiaba para que se depuren responsabilidades". O Executivo catalán non entrou a pormenorizar os detalles da "conxelación" de relacións anunciada, aínda que o propio Aragonès admitiu que o sucedido ten a suficiente gravidade como para afectar á mesa de diálogo e á comisión bilateral, aludindo mesmo a "graves consecuencias políticas inmediatas" que tampouco quixo detallar.
Segundo a investigación de Citizen Lab, máis de 60 dirixentes independentistas foron espiados mediante o programa israelí Pegasus, ao que só teñen acceso gobernos e institucións militares
O president chegou mesmo a comparar a calidade democrática española coa de países como Polonia ou Hungría: "Un Estado democrático non espía á cidadanía, non escoita a adversarios do seu Goberno e non vulnera os dereitos dun movemento pacífico, democrático e europeísta", denunciou. Aragonés pediu ademais unha reunión urxente a Pedro Sánchez para esixir explicacións e reconstruír unhas relacións que, segundo dixo, quedan gravemente danadas: "A confianza é mínima porque non se pode confiar en quen todo apunta a que che espiou"
Segundo o observatorio canadense Citizen Lab, o programa informático israelí Pegasus (ao que só teñen acceso gobernos ou institucións militares como exércitos), espiou os teléfonos móbiles de 63 dirixentes independentistas entre os que se atopan os ex-presidentes cataláns Artur Mas, Carles Puigdemont, Quim Torra e o actual president, Pere Aragonès. A ministra de Defensa, Margarita Robles, rexistrou no Congreso unha solicitude para comparecer a petición propia ao respecto.