A eléctrica acusou ao alto tribunal de vulnerar os seus dereitos e cometer un erro “flagrante” nas sentenzas coas que a comezos de ano rexeitou as súas pretensións, pero os xuíces respóndenlle que só o di “porque non a agrada” o seu ditame avalando a taxa que creou o bipartito
“Negamos con rotundidade a existencia de erro algún, e menos aínda da natureza raiana na arbitrariedade que implicitamente -e inxustamente- se nos achaca”. Así rexeita o Tribunal Supremo un novo intento de Iberdrola, que os maxistrados cualifican de “sorprendente”, de reducir pola vía xudicial o imposto da Xunta aos encoros. Os maxistrados lembran á eléctrica que cos seus recursos sucesivos está a cometer un “abuso de dereito” polo simple feito de que “non lle agrada” o que xa resolveu a xustiza.
A comezos deste ano o Tribunal Supremo emitiu unha serie de sentenzas idénticas desestimando outros tantos recursos de Iberdrola contra decisións previas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que avalan tanto a lei galega impulsada polo bipartito que en 2008 creou o imposto sobre o dano ambiental causado polos encoros como o xeito en que a Xunta está a aplicar dito canon. Nesas sentenzas de comezo de ano os maxistrados rexeitaron o intento de Iberdrola de que o cálculo do imposto se realice dun xeito máis favorable aos seus intereses e considerou que a eléctrica recorrera ao Supremo con “abuso procesual” e sen “boa fe” pretendendo non tanto impugnar a decisión xudicial previa do TSXG como que o Supremo elevase as causas ao Tribunal Constitucional ou o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
“Negamos (...) a existencia de erro ningún, e menos aínda da natureza raiana na arbitrariedade que implicitamente -e inxustamente- se nos achaca”, responde o Supremo
Fronte a esas sentenzas do Supremo de comezos de ano Iberdrola presentou cadanseus incidentes de nulidade argumentando tanto un suposto “erro fáctico” do tribunal como unha vulneración do seu dereito á tutela xudicial por impedirlle ter acceso a recurso fronte á resolución xudicial adversa. Agora, nunha sucesión de autos similares emitidos durante as últimas semanas, o Supremo rexeita eses incidentes de nulidade e volve lembrar que xa acusara a Iberdrola de “abuso de dereito” polo seu xeito de recorrer á xustiza.
Os maxistrados do Supremo mesmo atribúen á eléctrica “certa desorientación” ao defender a súa postura e censuran a "soltura e desenfado" do seu novo recurso
O Supremo lembra que as súas propias sentenzas de comezos de ano xa foron en si mesmas froito de admitir a trámite os seus recursos contra as sentenzas previas do TSXG, polo que rexeita que a empresa non tivese acceso a unha segunda instancia xudicial. Sobre esa cuestión, os maxistrados do Supremo mesmo atribúen á eléctrica “certa desorientación” ao defender a súa postura. Noutro punto dos seus autos os xuíces censuran tamén a "soltura e desenfado" empregados por Iberdrola nos seus recursos.
Sobre o suposto “erro craso” que Iberdrola lles atribúe á hora de avalar o xeito de calcular o imposto sobre os encoros, os maxistrados négano “con rotundidade” e engaden que “aínda que a efectos hipotéticos admitíramos a comisión dese erro -que a parte recorrente é certamente confusa ao identificalo- non se trataría, en ningún caso, dun erro fáctico” senón “de interpretación xurídica”.
O Supremo conclúe que “o que no fondo se está pretendendo, mediante a alambicada atribución do erro, fáctico, ademais, é instrumentar unha especie de indebido recurso de reposición fronte á sentenza porque á recorrente non lle agrada o seu ditame”.
A Xunta ingresa algo máis de 10 millóns de euros ao ano co imposto, que as eléctricas repercuten no recibo da luz
O imposto creado polo bipartito en 2008 permite á Xunta ingresar cada ano algo máis de 10 millóns de euros. No seu momento o PP criticou o canon argumentando que acabaría producindo subas na factura da luz (como así sucedeu, ao igual que co canon eólico, o de saneamento ou o imposto sobre contaminación atmosférica) pero os gobernos de Feijóo mantivérono e defendérono nos tribunais ante as eléctricas.
No fondo da reclamación de Iberdrola está o xeito en que se calcula o canon aos encoros, con parámetros variables en función da auga que moven pero tamén con parámetros fixos como a potencia instalada ou o denominado “salto bruto”, definido como a “diferenza de cotas entre o nivel da auga no punto de toma e o punto en que a auga se reintegra ao río” logo de pasar polas turbinas.
As hidroeléctricas tentaron que a Xunta contabilizase para calcular o imposto os puntos de toma da auga máis baixos dos seus embalses e non os máis altos. A discrepancia sobre o xeito de calcular ese salto bruto levou, por exemplo, a Fenosa a considerara que no seu salto do Tambre debía ser de 8,33 metros, fronte aos 135,5 metros que ten en conta a Xunta e que foron avalados polo TSXG.
Malia o intento de Iberdrola de que o Supremo rectificase ao TSXG, argumentando que a Xunta estaba a mudar a lei que creara o imposto a través do regulamento que a desenvolve, a comezos de ano o alto tribunal rexeitou os seus recursos e considerou que os conceptos necesarios para calcular o imposto “veñen definidos de forma autónoma na propia lei, bastando a súa consideración para liquidar o tributo”. E agora insiste, ante o incidente de nulidade presentado contra aquelas sentenzas de comezos de ano, en que non ten nada que corrixir nelas porque non cometeu ningún erro nin arbitrariedade, como acusaba Iberdrola.