Novo veto con diferente explicación pero con idéntica finalidade: que o Congreso dos Deputados non chegue a debater a lei para traspasar as competencias sobre a AP-9 á Xunta, toda vez que o actual xogo de maiorías permitiría, con toda probabilidade, que saíse adiante. O Goberno de España vén de iniciar unha manobra parlamentaria, a segunda en apenas medio ano, para vetar a tramitación nas Cortes da proposición aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia o pasado maio cunha redacción reformulada para, precisamente, tentar salvar o bloqueo que o gabinete de Mariano Rajoy xustificou aínda estando en funcións a partir de cálculos erróneos.
O vicevoceiro parlamentario de En Marea e responsable deste grupo en materia de Infraestruturas, Antón Sánchez, revelou este venres que o secretario de Estado de Relacións coas Cortes, José Luis Ayllón, vén de rexistrar na Cámara Baixa no que o Ministerio de Fomento recoloca a súa estratexia para, a falta de mencións explícitas na lei galega a un eventual rescate da autoestrada, -motivo no que baseou o anterior veto, aínda que figurase no texto só como hipótese-, procurar un novo argumentario para o veto. Trátase, ao cabo, de outorgarlle arquitectura xurídica á intención política xa evidenciada polo ministro, Íñigo de la Serna, con razóns que no primeiro veto nin sequera aparecían.
Desta volta Fomento elaborou un informe, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, notablemente máis elaborado que o de 2016 e no que inclúe un percorrido pola historia da AP-9, a súa privatización polo Goberno de Aznar e os sucesivos acordos para as súas ampliación, así como para a bonificación das peaxes. Ademais de inserir de novo no seu informe o devandito cálculo erróneo do rescate da concesión -4.400 millóns que non se corresponden co establecido na lexislación vixente na materia- Fomento aférrase precisamente a esas ampliacións e descontos para concluír que o traspaso tería impacto nos Orzamentos Xerais do Estado e, daquela, pode invocar o artigo 134.6 da Constitución, que permite que o Goberno vete os proxectos de leis que supoñan incremento de gastos ou mingua de ingresos.
Tras a eliminación no texto da mención ao eventual rescate o Goberno de España procura outra arquitectura xurídica para o veto á lei que en Galicia foi aprobada por unanimidade
A proposición galega, esgrime Fomento, estipula que unha vez aprobada a transferencia á Xunta o Goberno de España seguiría asumindo os gastos derivados de acordos asinados mentres as competencias foron estatais, caso por exemplo das obras de ampliación e das bonificacións. Dado que a lei aprobada por unanimidade en Galicia sinala tamén que a Xunta pasaría a ter competencias sobre tarifas, peaxes e descontos, Fomento lánzase a formular outra hipótese: como os convenios asinados con Audasa en 2011 en 2013 prevén financiar s obras "con cargo ao incremento das tarifas da peaxe", estas obras "poderían non ser compensadas desa forma e terían que ser asumidas na súa totalidade polo Estado" cun gasto, calcula, duns 224 millóns de euros.
Fragmento do informe rexistrado polo Goberno de España no Congreso para vetar a lei galega
Fomento formula un veto a partir da hipótese de que a Xunta podería rebaixar as peaxes e non compensar as obras de ampliación e as bonificacións
Adicionalmente, sinala o Ministerio, as bonificacións de peaxe vixentes dende 2006, "cifradas nuns 7 millóns de euros cada ano, aproximadamente", e as fixadas en 2013, na contorna "dos 4 millóns anuais". Estas cantidades segundo a lei galega, di, "tamén seguirían sendo abonadas polo Estado", o que "implica un custo da orde de 210 millóns de euros", por unha banda, e de 120 pola outra ata a fin da concesión en 2048. Aínda que Alberto Núñez Feijóo vén resaltando que de agora en diante Fomento será quen se faga cargo deses pagamentos o Ministerio asegura agora que "non existen consignacións nos créditos orzamentarios" do departamento para tal fin.
Neste contexto, o Goberno de España suma todas as súas propias estimacións para asegurar que tras o traspaso tería que se facer cargo de 554 millóns de euros que "poderían ascender ata un total de 4.570 millóns de euros", agrega sumando "repercusións económicas" ata a fin da concesión. Por todo isto o Goberno central "non presta a conformidade" á tramitación da lei, contradicindo así o expresado reiteradamente polo PPdeG e polo Goberno de Galicia e ratificando os temores expresados pola oposición durante a tramitación da norma. Obvia, do mesmo xeito, que a propia lei galega estipula que sería unha comisión mixta Galicia-Estado a que fixaría as condicións concretas do traspaso a través dunha negociación.
"Un informe mentireiro" polo que debe "responder" Feijóo
Antón Sánchez: "Ou Feijóo é cómplice desta operación mentireira ou non pinta nada e non exerce de presidente"
Tras facer público o novo veto o vicevoceiro de En Marea pon o foco na "responsabilidade" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, neste "informe mentireiro e cheo de falsidades" co que o Goberno de España, di Antón Sánchez, "volve faltar ao respecto ao pobo galego". "Ou o señor Feijóo é cómplice desta operación mentireira, desta estafa" ou "non pinta nada e non exerce de presidente" e por iso "deixa facer este tipo de cousas ao seu partido" contra unha lei aprobada por unanimidade en Galicia, afirmou en declaracións á prensa no Parlamento.
O feito de que o propio informe estea baseado en "hipóteses" é para Sánchez a demostración de que "isto non é unha cuestión técnica", senón mostra da "vontade política de que esta infraestrutura non se controle" dende Galicia. "Recorren a mentiras, falan de modificacións orzamentarias baseadas en hipóteses" e "ademais, falsas", di, para evitar que se chegue a votar unha lei que, lembra, foi redactada "baixo a supervisión dos letrados do Parlamento" para evitar, precisamente, que colisionase co artigo 134.6 da Constitución. "Se non hai un pronunciamento claro, contundente e con resultados" por parte do presidente, advirte, "teremos que concluír " que colabora "no obxectivo de manter o negocio" da AP-9 o máis "afastado" posible das persoas que a utilizan e pagan, di.