Galicia destruíu 6.800 empregos no pasado outubro coa fin dos principais meses da temporada turística. O peche do verán supuxo a perda na Seguridade Social, concretamente, de 6.799 persoas afiliadas, un descenso de máis do 0,6% que constata co pequeno aumento (+0,1%) que se deu no conxunto do Estado.
Son un total de 1.071.112 persoas afiliadas de media á Seguridade Social en Galicia durante o mes de setembro, 21.766 máis que hai un ano, o que supón un incremento do 2%, en liña tamén co que se deu a nivel estatal, que alcanzou o 2,7%.
Galicia destrúe 6.800 empregos e suma case 3.000 persoas paradas co final do verán
Esta destrución de emprego coincide ademais coa suba do número de persoas paradas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego de Galicia. Sumáronse 2.918 máis en setembro con respecto ao mes anterior (+2,3%), ata alcanzar un total de 130.643 desempregadas.
O ritmo de crecemento do paro foi tres veces maior ao da media estatal (+0,73%), sendo Galicia a terceira comunidade autónoma na que máis medra o desemprego rexistrado en cifras totais, só por tras de Andalucía e de Madrid, mentres baixa en seis territorios.
Con respecto a hai un ano, o paro rexistrado baixou en 13.466 persoas en Galicia, o que supón un 9,43% menos, sendo un descenso, neste caso, maior á da media do Estado, que alcanza o 7,46%.
O paro sobe en todos os sectores pero faino de maneira especial, como sempre, no dos servizos, onde se acumulan máis do 68% do total de persoas apuntadas en setembro ás oficinas de emprego como demandantes. Ademais, destaca tamén a suba que se produciu no colectivo sen emprego anterior, con 430 persoas paradas máis.
No que ten que ver cos contratos, en Galicia asináronse en setembro máis de 70.000, dos que o 31,4% foron indefinidos e dos que case o 75% pertencen ao sector servizos. No que vai de ano, un terzo das contratacións en Galicia foron fixas.
Así, desde a Xunta destácase que Galicia pechou setembro coa cifra de paro máis baixa neste mes desde hai 27 anos e que diminuíu o número de persoas sen emprego "entre os colectivos prioritarios para o Goberno galego", como son os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración".
Desde os sindicatos, os datos non son tan positivos. "Galicia necesita algo máis que turismo e Xacobeo para medrar e crear emprego de calidade", dixo a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, que insiste en que o país precisa un sector industrial forte e un sector servizos de alto valor engadido, "algo que só se consegue con con políticas sectoriais axeitadas".
Os sindicatos advirten do "fracaso dun modelo económico baseado no turismo": "Galicia necesita algo máis que turismo e Xacobeo para crear emprego de calidade"
Desde a CIG, o seu secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, cre que os datos de setembro “confirman o fracaso da reforma laboral”, mais tamén "o dun modelo económico baseado no turismo".
Así, cuestiona "a suposta estabilidade no emprego" que ía traer consigo a reforma laboral, porque “o que está pasando é o mesmo que ocorría antes da súa aprobación". "O sector servizos, e neste caso a hostalaría e o persoal de contratos eventuais perden o seu posto de traballo cando remata o período estival”, di.
Para UGT-Galicia, pola súa banda, "é hora de acabar" cos graves problemas do mercado de traballo: "a precariedade laboral que aínda continúan sufrindo miles de persoas nos seus postos
de traballo" e o desemprego de longa duración, "que continúa en niveis moi elevados".