A fin da temporada alta do verán e da época turística de maior afluencia apenas fixo subir desta vez o paro rexistrado en Galicia. Medrou en tan só 280 persoas en agosto, fronte ás máis de 2.000 no mesmo mes do ano pasado, ata as 127.725 persoas rexistradas nas oficinas de emprego.
A suba é dun escaso 0,22% respecto ao mes de xullo -semellante á do Estado, de 0,93%-, segundo os datos publicados este luns polo Ministerio de Traballo. Con todo, son 14.187 persoas desempregadas menos apuntadas nas antigas oficinas do INEM que hai doce meses, un descenso interanual do 10%, superior á baixada que se deu no conxunto do España que chegou ao 7,6%.
O paro subiu en 280 persoas en agosto en Galicia, que destruíu 217 empregos
Ademais, o remate da temporada tradicional de vacacións e de maior afluencia turística en Galicia tampouco supuxo un forte impacto na perda de emprego e moito menor que o que se deu no mesmo mes do pasado ano. Se daquela a Seguridade Social perdera case 3.000 persoas afiliadas en Galicia, neste pasado agosto a perda foi de 217, un ínfimo 0,02%, menor ao do 0,9% que se deu no conxunto do Estado.
Son un total de 1.077.911 afiliadas á Seguridade Social en Galicia, 22.580 máis que hai un ano, o que supón un incremento do 2,14%, en liña tamén co que se deu a nivel estatal, que alcanzou o 2,76%.
O paro só subiu no sector servizos mentres baixou lixeiramente na agricultura, a industria e a construción
O mercado laboral galego volve frear en agosto, seguindo a tendencia que xa marcaban os anos prepandemia, con -maioritariamente- lixeiras subas do paro rexistrado neste mes, pero faino de maneira moi moderada e amosando unha maior estabilidade. Ademais, o incremento dáse exclusivamente no sector servizos, onde se engadiron 517 persoas á listaxe de parados, fronte ás lixeiras baixadas na agricultura (-89), na industria (-86) e na construción (-56).
Ademais, neste último agosto asináronse en Galicia 64.507 contratos, 11.400 menos que o mes anterior e uns 7.300 menos que no mesmo mes do ano pasado. Do total de contratacións que se levaron a cabo, un cuarto delas foi indefinida, fronte ao 29% de hai un ano e o 7,7% de hai dous.
Desde o Ministerio de Traballo, a súa titular, Yolanda Díaz, destaca que o do paro é "o menor incremento en sete anos e mantense no nivel máis baixo desde 2008 neste mes" e advirte que "a reforma laboral está conseguindo que o emprego sexa cada vez máis estable e que se reduzan as oscilacións estacionais".
Ademais, desde a Xunta, a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade destaca que Galicia anotou a segunda cifra de paro máis baixa de toda a serie, desde 1996. e que é "a terceira comunidade autónoma con maior descenso porcentual do paro respecto de agosto de 2022".
Así, sinala tamén que o paro feminino está "no seu mínimo para un agosto desde que hai rexistros" (2005) e que o de longa duración é o menor en quince anos neste mesmo mes.