O Goberno galego acelera a precampaña electoral tamén no exterior publicitando as súas axudas para a diáspora e o retorno
Ademais dos anuncios de novas axudas directas que vén lanzando o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nas últimas semanas, e da súa xira por vilas de toda Galicia para darse a coñecer como líder do PPdeG, acompañada das súas aparicións en programas da TVG, o Goberno galego está a acelerar a precampaña electoral tamén no exterior. Así o fixo esta fin de semana o propio Rueda en Suíza e Liecthtenstein e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, en Bos Aires de venres a domingo e en Montevideo este luns, os dous publicitando as axudas que a administración galega dirixe á emigración ou ao retorno a Galicia.
O presidente Rueda asistiu o sábado en Xenebra ao 50 aniversario da Irmandade Galega en Suíza. E o domingo estivo en Liechtenstein na inauguración do Centro Español Apóstol Santiago e mantivo en Zurich un encontro coa Asociación Cultural As Xeitosiñas.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura visitou o venres en Bos Aires o Colexio Santiago Apóstolo, participou nunha xuntanza extraordinaria do Padroado da Fundación Galicia-América, reuniuse con membros da entidade social Ospaña e participou no 124 aniversario do Centro Galego de Avellaneda. O sábado participou nunha festa do Centro Lalín, Agolada e Silleda. E o domingo visitou o Centro Cultural do Partido da Estrada. Este luns está previsto que teña tamén varios actos en Montevideo.