"Hai que loitar contra a idea de que a acción exterior é unha excentricidade ou un malgasto"

Cartel do congreso © IGADI

ENTREVISTA - XULIO RÍOS

O 28 de xuño de 1936 aprobábase en referendo o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia. A escolla do 80 aniversario desta efeméride para a realización do I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia non é casual e pretende ser un recordatorio do carácter universalista e aberto ao mundo da Xeración Nós e do galeguismo dos anos 20 e 30 do século pasado. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra acolle as sesións deste encontro, organizado polo IGADI e a Universidade de Vigo, no que se debaterá o actual estado da internacionaliación na política, na cultura, na sociedade ou na economía galegas.

As 16 horas terá lugar a inauguración e unha conferencia a cargo de Ramón Villares (presidente do Consello da Cultura), titulada "Galicia, célula de universalidade". A seguir (18 horas) celebrarase a primeira mesa de debate, centrada nos aspectos institucionais e políticos, coa participación de Jesús Gamallo Aller, Pilar Pin, Xoán A. Pérez Lema, e moderado por Celso Cancela. O mércores haberá tres debates máis, un dedicado ao ámbito económico-empresarial (con Fernando González Laxe, Abel Veiga Copo, Manuel González López e moderado por María Xosé Porteiro), outro dedicado ao ámbito social (con Emilio Martínez, Teresa Moure, Xavier Alcalá e moderado por Álvaro X. López Mira) e outro centrado no ámbito educativo-cultural (con Margarita Ledo, Antón Reixa, Xosé Ballesteros e moderado por Xulio Ríos). Finalmente, unha sesión explorará os contrastes entre a acción exterior galega e a que se realiza en Catalunya e Euskadi, coa participación de Marián Elorza e Manel Manonelles, presentados por Miguel Ángel Rodríguez Souto, director do Diario de Pontevedra.

"Queremos crear sinerxías e converxencias, establecendo unha especie de programa de mínimos que nos poida orientar no futuro inmediato"

Que obxectivos ten este Congreso? É unha forma de poñer de manifesto un certo esquecemento da acción exterior en moitos ámbitos da sociedade e da política galega?

O obxectivo é facer unha especie de brainstorming ao redor da situación dos estudos internacionais en Galicia, facendo un diagnóstico dos niveis de internacionalización dos diferentes sectores -política, cultura, sociedade, economía e empresa- co intercambio de visións de profesionais de distintos ámbitos. Queremos crear sinerxías e converxencias, establecendo unha especie de programa de mínimos que nos poida orientar no futuro inmediato

"A idea é que tanto o autogoberno e a universalidade son as dúas caras dunha mesma moeda"

A escolla desta data (28 de xuño) para o inicio do Congreso non é casual. Unha forma de facer fincapé no carácter universalista e atento ao mundo do galeguismo dos anos 30?

A idea é que tanto o autogoberno e a universalidade coma a autonomía e o fomento da internacionalidade son as dúas caras dunha mesma moeda. É importante que entendamos que eses dous preceptos non están confrontados, senón que son perfectamente complementarios e deben selo. É importante que sociedade galega no seu conxunto, pero sobre todo os partidos, asuman este concepto e se comprometan a interiorizalo e a poñelo en práctica na súa acción política, para dotar a Galicia das capacidades necesarias para xestionar esta política pública cun mínimo de dignidade.

"É criticable a crecente parcialización da acción exterior, parecendo que todo o que ten que ver co mundo da empresa e a economía é positivo, pero outras cousas, sobre todo de carácter identitario, non o son tanto"

A pesar de que o tempo presente parece obrigar a unha maior preocupación por estes temas, dá a impresión de que en Galicia nos últimos anos retrocedemos máis que avanzamos. Tes esta impresión? 

Hai cousas nas que avanzamos e outras nas que retrocedemos e estamos atrás, queremos que este congreso sirva para facer este balance. Creo que si unha traxectoria importante neste campo e que contar cunha entidade coma o IGADI é un activo moi relevante. E hai que salientar como positivo, igualmente, que  nun momento dado se realizara un Libro Branco da Acción Exterior, do que outras comunidades carecen.

"Unha acción exterior propia simplemente implica unha idea de presenza no mundo con identidade, o que debería ser unha obriga para Galicia"

Entre os aspectos negativos, creo que está esa idea moi estendida de que todo o que ten que ver coa acción exterior é unha excentricidade ou un malgasto, polo que se trata dunha política pública prescindible. Tamén é criticable que exista unha crecente parcialización da acción exterior, dándose a entender que todo o que ten que ver co mundo da empresa e a economía é positivo, pero outras cousas, sobre todo as cuestións de carácter identitario, non o son tanto. Hai que reivindicar que o feito de que se queira desenvolver unha acción exterior propia non significa que queiras ser un Estado máis no concerto das nacións, senón que simplemente implica unha idea de presenza no mundo con identidade, o que debería ser unha obriga para Galicia. Hai unha idea que vai moito máis alá do mundo da empresa e que debe incorporar unha visión multidisciplinar e integral.

 

Cartel do congreso © IGADI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.