"A Coruña ten a oportunidade de levar a cabo un gran proceso de transformación da cidade"

Instalacións portuarias na Coruña © Turismo de Galicia

O arquitecto urbanista Jorge Arévalo é socio fundador de Paisaje Transversal e experto en innovación urbana, reactivación económica, e desenvolvemento territorial. Leva a cabo as tarefas de coordinación de innovación e desenvolvemento e dirixiu, entre outros, o Plan HUCA, unha proposta de reordenación do recinto arredor do antigo Hospital Universitario Central de Asturias en Oviedo. Este venres intervén no Foro Tecendo Litoral, onde ofrecerá unha charla titulada "Como e cando transformar os terreos portuarios: reflexións desde o urbanismo adaptativo". Falamos con el.

"É importante comezar a deseñar as cidades con outro pensamento, incorporando a visión de renovar e rexenerar"

Que é o urbanismo adaptativo?

O urbanismo adaptativo propón unha lóxica diferente á hora de abordar a transformación da cidade: fronte a unha lóxica ortodoxa na que o urbanismo vén marcado polas normas de planeamento, o urbanismo adaptativo entende a transformación da cidade como un proceso. Non entende a planificación cunha perspectiva finalista, de cara a acadar un estadio final desexado, senón que está aberta á incorporación doutras dimensións. Hoxe a complexidade da sociedade é moito maior, as dinámicas son moito máis inmediatas e durante o proceso de transformación necesitamos dar resposta ás necesidades que van xurdindo. É importante comezar a deseñar as cidades con outro pensamento, incorporando a visión de renovar e rexenerar, fronte a outras visións de desenvolvemento do territorio.

E como se aplicaría a un proceso de transformación urbana como o que vai vivir A Coruña ou aos que tiveron que enfrontar outras cidades como Bilbao ou Valencia?

Nestes procesos téntase incorporar á cidade espazos que por unha razón ou outra perderon os seus usos iniciais. E isto debe facerse cunha visión estratéxica, integral, entendendo que son procesos moi longos, de moitos anos de duración. Polo camiño pódense incluír experiencias de testeo, probar determinados usos, e hai que avaliar se a resposta está sendo a correcta. Pode haber erros, pero se os plantexamentos son flexibles existirá a posibilidade de corrixir cousas despois de avalialas, sobre todo tendo en conta que vivimos nun mundo que constantemente está cambiando. En Bilbao en todo este tempo foron incorporándose moitas elementos diferentes: culturais, produtivos, ambientais, de funcionalidade urbana..., e isto fíxose incorporando a distintos axentes sociais da cidade.

"Un proxecto destas características debe facerse en coordinación coa visión estratéxica existente en relación ao conxunto da cidade e da contorna metropolitana"

Como analizas o proceso que se vai abrir na Coruña?

A Coruña ten a oportunidade de levar a cabo un proceso de transformación importante da cidade. Un proxecto destas características pode xerar beneficios sociais a curto, a medio e a longo prazo e debe facerse en coordinación coa visión estratéxica existente en relación ao conxunto da cidade e da contorna metropolitana.

Cales deben ser os tempos deste proceso?

A transformación dunha cidade é sempre un proceso a longo prazo. E é importante que haxa unha visión integral, estratéxica, que permita ir traballando no curto prazo, no medio prazo e no longo prazo. A reflexión e o debate son fundamentais, hai que pensar como isto se integra nunha visión máis ampla de cidade e de área metropolitana. Pero, ollo, tampouco podemos caer na parálise pola análise, como se di. O debate non debe impedir ir avanzando na renovación do espazo, sobre todo cando os espazos sofren unha degradación co paso do tempo. Por iso o urbanismo adaptativo aposta por comezar a intervir dende o primeiro momento.

"É importante incorporar distintos axentes, e facelo dende o comezo, para entender cales son as expectativas e necesidades que teñen os diferentes actores sociais"

Como debe ser, ao teu xuízo, o proceso de reflexión, debate e decisión? Como compaxinar a participación co traballo técnico e de voces expertas?

Neste tipo de proxectos é importante incorporar distintos axentes, e facelo dende o comezo, para entender cales son as expectativas e necesidades que os diferentes actores sociais teñen nun proceso de renovación urbana destas características. Hai tamén unha esixencia de transparencia do proxecto, que ademais permite enriquecelo na súa parte máis propositiva. Finalmente, é necesario que participe a cidadanía, axentes económicos e culturais, públicos e privados, pero tamén os técnicos municipais dos distintos concellos, para completar un bo diagnóstico da realidade. O diagnóstico ten que ser técnico, atendendo criterios de funcionalidade urbana e sostibilidade que poden ser cuantificados.

"Non podemos importar proxectos, temos que importar metodoloxías e formas de traballo"

Cando se quere deseñar unha transformación urbana como a que se propón na Coruña, está ben estudar as experiencias doutras cidades, pero isto non quere dicir que se poidan trasladar directamente, non é? Cada cidade ten as súas características, necesidades...

Non podemos importar proxectos, temos que importar metodoloxías e formas de traballo. Cando se estuda o que se fixo nestas cidades é importante entender como actuou e coñecer as aprendizaxes que se obtiveron. Hai particularidades que teñen que co territorio, coa historia socioeconómica dunha cidade e as ideas globais deben adaptarse ás realidades locais.

 

Jorge Arévalo © Paisaje Transversal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.