O Estado dá máis tempo para o pago da débeda do Porto da Coruña se Concello e Xunta mercan peiraos do centro da cidade

Pilar Parra, Puertos del Estado; Fernández Prado, Porto da Coruña; Ethel Vázquez, conselleira; e Juan Díaz Villoslada, concelleiro de Urbanismo © Autoridade Portuaria da Coruña

O Estado insiste en non condonar a débeda do Porto da Coruña e tan só flexibilizará o seu pagamento no caso de que Concello e Xunta paguen polos peiraos de Batería e Calvo Sotelo. Adiarase o pago, con máis tempo pero tamén máis intereses a abonar, de concretarse o "compromiso de compra" que as administracións local e autonómica prevén asumir nun convenio que asinarán nos vindeiros días xunto a Puertos e a Autoridade Portuaria coruñesa. 

Un acordo que estará limitado ao 15% do total de terreos portuarios que serán desafectados nos vindeiros anos, aos 65.000 metros cadrados de Batería e Calvo Sotelo, os máis achegados ao centro, deixando aínda para máis adiante a nai do año: os 377.000 de San Diego e o peirao petroleiro, ao pé dos barrios de Oza e dos Castros. 

Peiraos de Batería e Calvo Sotelo, na Coruña © Autoridade Portuaria da Coruña

Segundo as catro administracións reunidas este luns, Batería e Calvo Sotelo pasarán a pertencer nun 75% ao Concello e nun 20% á Xunta, ademais dun 5% que manterá o Porto e no convenio establecerase un réxime de pagamentos ao Estado por este solo público ata 2035. A cambio, Puertos del Estado alongaría no tempo as cotas dunha débeda de 200 millóns que aínda ten coa entidade etatal. Un compromiso, dixo Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria, para "suavizar o financiamento", que a tal hora, e dependendo, rolda os 4,5 millóns de euros a abonar cada ano. 

Batería e Calvo Sotelo pasarán a pertencer nun 75% ao Concello, nun 20% á Xunta e nun 5% ao Porto e establecerase un réxime de pagamentos ao Estado ata 2035.

Non haberá condonación, reclamada por unanimidade polo pleno municipal en numerosas ocasións --a última vez o pasado xoves--, pero tamén o Parlamento de Galicia ou a Deputación da Coruña. O Porto terá que pagar eses 200 millóns de débeda pola construción do porto exterior e só mudan os prazos e, en consecuencia, os intereses a pagar, que serán maiores. 

Desde 2011, a Autoridade Portuaria pagoulle máis de 40 millóns a Puertos del Estado, só en intereses, xa que aínda non se empezou a amortizar nada do crédito contraído co Estado. O Porto da Coruña pechou 2020 con 5,8 millóns de perdas e Puertos, con varios millóns de beneficio. Mentres, outro crédito co Banco Europeo de Investimentos segue a pagarsa, aínda que amortizándose todos os anos. 

"Avogamos pola condonación pero somos conscientes, somos realistas, sabemos que é moi difícil que vaia adiante", asume o concelleiro de Urbanismo

A demanda da condonación da débeda ou unha "axuda equivalente" foi verbalizada por todos os partidos, pero outra cousa é a práctica. Reclámase que se aplique na Coruña o mesmo que en Valencia, onde o Executivo central de Pedro Sánchez perdoou 350 millóns ao Consorcio creado para organizar a Copa América de Vela de 2007. Puerto, que acordou a demora dos cobros das cotas do préstamo ata 2035, negouse sempre e argumenta que aquela foi unha condonación a un consorcio integrado por varias administracións, onde a participación do Porto de Valencia era escasa. Advirten da imposibilidade desa alternativa porque afectaría á Autoridade Portuaria da Coruña, que por lei está obrigada a autofinanciarse.

"Avogamos pola condonación pero somos conscientes, somos realistas, sabemos que é moi difícil que vaia adiante", asumiu este luns Juan Díaz Villoslada, represenante do Concello na reunión. Insistiu naquel bosquexo do plan para ordenar os terreos portuarios no que tampouco se aludía a perdón ningún da débeda

Porque este pagamento que farán o Concello e a Xunta por estes dous peiraos interiores só vai cubrir unha moi pequena parte da débeda. Os terreos taxáronse en 20 millóns pero esa cantidade terá que ser revisada antes de que sexan mercados. 

Peirao de San Diego, no porto da Coruña © Autoridade Portuaria da Coruña

Faltaría, ademais, abordar a urbanización duns peiraos en pleno centro da Coruña, pero sen beirarrúas, sen iluminación abonda, sen medidas de seguridade... Da reunión só sae unha estimación de 100 euros por metro cadrado de custo (serían máis de 6 millóns de euros), unha cifra que, segundo o Porto, pagaríase en proporción á posesión de solo de cada administración. Para o Concello, o tema non está pechado e xa reclama que a Xunta asuma "un esforzo investidor" dado que se ofrecera a asumir o 51% da urbanización cando, en 2018, Feijóo propuxo investir 20 millóns para adquirir a maioría dos peiraos. A oferta, aclara a Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas, xa non está vixente.

San Diego, a nai do año

Os acordos, aínda por afinar, refírense, en todo caso, a unha zona nas que "non vai haber vivenda", como asegurou Prado. "Imos chegar cos xardíns ao mar", destacou quen avoga por ter "canto antes un proxecto" para poder acceder a fondos. O Concello, pola súa banda, aposta por un plan director que inclúa tamén a zona 2, a de San Diego. 

Desde a Autoridade Portuaria e a Xunta pretenden negociar todo o que teña que ver con Batería e Calvo Sotelo exclusivamente co goberno local, que, no entanto, xa convocou para este mércores unha xuntanza na que se incorpora Adif (pola extensión de terreo que ocupa en San Diego) e tamén a Deputación. 

É alí, en San Diego, onde está a clave de todo. Unha zona onde o Concello, pola súa elevada extensión, ve posibilidades tanto para os diferentes equipamentos reclamados por entidades sociais como para a actividade económica portuaria pero tamén para vivenda de protección oficial e a prezos asequibles. Mentres, Marea, BNG, Podemos e diferentes colectivos advirten da "privatización" dos terreos. 

Agora, e ante as negociacións para Batería e Calvo Sotelo, as diferenzas tamén son evidentes. A Marea Atlántica asegura que votará en contra de calquera protesta que non supoña a condonación da débeda, ao igual que afirma o BNG. 

Vista aérea do porto da Coruña © Porto da Coruña

"Ponse sobre a mesa un acordo que lastra as arcas municipais ata 2035 e do que volven a estar ausentes os peiraos de San Diego e Petroleiro, onde se concentran a maior parte dos metros cadrados do porto interior", di a Marea, que acusa os dous partidos de querer. "ter unha foto preto do centro para o cartel das eleccións de 2023".

No último pleno municipal, pola contra, Villoslada lembrou que as xuntanzas administrativas que se veñen realizando entre as administracións implicadas no futuro do Porto desde o 23 de febreiro, "cando a alcaldesa Inés Rey convocou a todas tras 17 anos para abirr un novo diálogo, non son xogos de espello, son oportunidades reais de acadar solucións”. E engadiu que a superación definitiva dos convenios de 2004 e das súas consecuencias urbanísticas que derivaban dos mesmos, aínda viixentes, "non é unha teoría abstracta, senón un compromiso". O que será tratado na reunión deste mércores. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.