Desde hai case dúas décadas, A Coruña segue á espera de concretar como levará a cabo unha transformación urbanística que mudarará para sempre a urbe. "É unha cidade nova", advirte a alcaldesa Inés Rey sobre a magnitude dos terreos do porto que quedarán liberados co traslado da súa actividade ao porto exterior de Punta Lagosteira, cuxa conexión ferroviaria --clave en toda a operación-- prevé estar rematado en 2026 grazas ao financiamento europeo.
O pasado 23 de febreiro, e logo de 17 anos sen avances, a rexedora convocou en María Pita todas as administracións implicadas no futuro dos peiraos, que se comprometeron a redactar en seis meses un novo convenio que substitúa os aprobados en 2004. Aqueles cos que, en tempos de boom inmobiliario, pretendíase pagar a construción da dársena exterior vendendo a inmensa maioría dos terreos dos peiraos a promotoras inmobiliarias para a construción de milleiros de pisos, ademais de centros comerciais e hoteis. Prevíanse ata 4.000 vivendas en San Diego.
Ninguén defende xa aquel convenio, que debera ser substituído por outro cuxa proposta o Concello prevé que estea lista entre finais de verán e principios de outono. Mentres, e tras coñecerse que a Autoridade Portuaria da Coruña perdeu outros seis millóns de euros no pasado exercicio, o seu presidente, Martín Fernández Prado, recoñece unha parálise nas conversas entre as diferentes administracións para definir o futro dos peiraos e os recursos económicos que o Porto pode obter para pagar a débeda.
O Porto da Coruña perdeu en 2020 seis millóns de euros mentres Puertos del Estado pechaba cuns beneficios de máis de 50
Son máis de 300 millóns pola construción da dársena exterior, 200 deles procedentes dun crédito outorgado por Puertos del Estado e polo que ingresa, en intereses, unha importantísima cantidade nas súas contas: 40 millóns xa do total de 70 pagados polo Porto coruñés.
Ademais, e segundo os datos de 2020 coñecidos a pasada semana, a Autoridade Portuaria ingresou nese ano 6,6 millóns de euros menos que en 2019, cunhas perdas de 5,8 millóns nunhas contas acompañadas dun informe na que a Facenda estatal advirte de que "seguen sen concretarse medidas para solucionar o financiamento da Autoridade Portuaria". As perdas no Porto coruñés contrastan co resultado global de Puertos del Estado, cuns beneficios superiores aos 50 millóns de euros.
Con todo, na última reunión da comisión interadministrativa, que reúne a Concello, Ministerio de Transporte, Xunta, Puertos, Autoridade Portuaria e Adif, o goberno municipal entregou un borrador de protocolo no que non se alude a condonación ningunha da débeda, unha petición que Marea Atlántica e BNG, pero tamén Xunta e Concello, reclamaron sempre.
O borrador do protocolo que se negocia para a "reordenación do espazo portuario" non fai alusión á condonación da débeda que reclaman todos os partidos
A condonación da débeda ou unha "axuda equivalente". En definitiva, que se aplique na Coruña o mesmo que en Valencia, onde o Executivo central de Pedro Sánchez perdoou 350 millóns ao Consorcio creado para organizar a Copa América de Vela de 2007. Pero Puertos del Estado, que acordou a demora dos cobros das cotas do préstamo ata 2035, negouse sempre.
Argumenta que aquela foi unha condonación a un consorcio integrado por varias administracións, onde a participación do Porto de Valencia era escasa. E advirten da imposibilidade desa alternativa porque afectaría á Autoridade Portuaria da Coruña, que por lei estaría obrigada a autofinanciarse.
Marea e BNG acusan o Concello de renunciar implicitamente á condonación da débeda malia que a propia alcaldesa asegura que esa opción aínda é posible e que depende da "vontade política" nas conversas entre administracións.
No entanto, nada se di desa posibilidade no Proxecto de protocolo de constitución do grupo de traballo interadministrativo e de declaración xeral de intencións para a reordenación do espazo portuario interior da Coruña, que é como se denomina o último documento sobre o que se traballa, ao que tivo acceso Praza.gal, presentado polo goberno municipal na última reunión entre administracións e que desde a oposición reclamouse xa varias veces.
Nel, advírtese da "considerable débeda financeira" que a Autoridade Portuaria ten para a amortización, ata 2050, dos préstamos procedentes do Banco Europeo de Investimentos (130 millóns) e de Puertos del Estado (200 millóns). E ante os que debe responder "en virtude da regra de autosuficiencia económica-financeira dos portos de interese xeral" e de acordo ao convenio asinado entre este organismo e o Porto da Coruña en 2011.
"Dada que os ingresos ordinarios da Autoridade Portuaria da Coruña non son suficientes par responder á citada débeda financeira, é urxente buscar unha solución á viabilidade económica e financeria desta que teña en conta o valor social que a transformación dos espazos portuarios pode achegar", especifica o documento, que lembra que varias veces o pleno municipal aprobou e consensuou mocións que reclaman que o futuro dos peiraos se basee na titularidade pública dos terreos "como principio rector básico para garantir a accesibilidade cidadá a estes, de forma compatible coa necesidade de obtención dos recursos establecida para o financiamento do Porto Exterior".
Non se fai alusión á esixencia de condonación da débeda que tamén foi aprobada de forma unánime polo pleno municipal, pero tamén no Parlamento de Galicia e mesmo na Deputación da Coruña. Pero si se advirte da necesidade da "busca de alternativas á situación financeira" do Porto, que se faría mediante a creación dunha entidade pública na que se integrarán todas as administracións implicadas e que se encargará da xestión futura dos terreos desafectados.
Será neste ente público, segundo a proposta do documento, onde se levaría a cabo a "análise de mecanismos económicos-financeiros para a execución dos proceso de reurbanización dos espazos desaafectados".
O documento prevé a "análise de mecanismos económicos-financeiros para a execución dos proceso de reurbanización dos espazos desafectados"
Ideas pero ningunha proposta concreta para solucionar o grave problema e atranco económico do Porto, máis alá da alusión á futura urbanización dos terreos e da intención de "determinar os usos e intensidades que se localicen nos espazos desafectados", atendendo sempre, segundo o texto, á "sustentabilidade ambiental e social" de todas as intervencións e das "actividades produtivas e non produtivas que se localicen" nos peiraos.
No documento, malia que queda moito tempo para que se desafecten, alúdese xa ás posibilidades dos peiraos de San Diego, case 380.000 metros cadrados que quedarán liberados dun total duns 445.000. Unha zona onde o Concello, pola súa elevada extensión, ve posibilidades tanto para os diferentes equipamentos reclamados como para a actividade económica portuaria pero tamén para vivenda de protección oficial e a prezos asequibles.
O Concello nega a "privatización" dos peiraos da que alertan Marea, BNG e varias entidades sociais e aposta por vivenda de protección oficial en San Diego. A alcaldesa coida que a condonación da débeda segue sendo "cuestión de vontade política"
"Non hai privatización ningunha", explica Inés Rey, logo de que a plataforma Defensa do Común, co apoio de Marea, Podemos, BNG e ata 70 entidades celebrasen unha manifestación o pasado 31 de maio alertando desa posibilidade. Nela, reclamaron que os peiraos conserven a titularidade pública e acollan zonas verdes, actividades portuarias non contaimantes e diferentes equipamentos, ademais de rexeitar a construción de vivendas. "Non podemos enrocarnos en posicións demagóxicas; ningúen fala de privatizar o Porto, senón de que se poida promover vivenda pública a prezos asequibles", sinalou a rexedora pouco despois nunha entrevista con Praza.gal, na que reiterou que non cre "que a condonación da débeda do Porto sexa imposible", porque "é cuestión de vontade política".
Para Calvo Sotelo e Batería, cuns 65.000 metros cadrados e en pleno centro da cidade, a única proposta concreta á marxe da súa progresiva apertura é a da Xunta, que se ofreceu a mercar o 51% dos peiraos, unha iniciativa rexeitada polo Concello, que non descarta un acordo que supoña outra alternativa consensuada entre as administracións.
Sexa como for, o documento sobre o que agora se debate prevé que o "equipo de traballo interadministrativo" para a redacción dun convenio marco que avance nas medidas consensuadas entre as diferentes administracións "deberá estar finalizado e asinado antes de que conclúa 2021".
Será a ocasión de que, dunha vez, se alcance un acordo entre administracións e forzas políticas para a integración dos peiraos na cidade e a viabilidade económica do Porto, visto que a posibilidade de condonar a débeda semella cada vez máis utópica.
Desde a Marea Atlántica, a súa portavoz, María García, xa anunciou que convocará a Comisión Especial do Bordo Litoral do Concello para pedir ao goberno municipal que dea conta das negociacións coa Xunta e o Estado para a elaboración dese protocolo que agora se debate. Para a formación municipalista, “a condonación da débeda é a única saída realista" xa que, lembra, "o 60% das perdas da Autoridade Portuaria da Coruña proveñen do pago de xuros a Puertos del Estado sen que comezase a amortizar nin un só euro do crédito”