Inés Rey vén de cumprir dous anos á fronte do goberno municipal da Coruña. A primeira muller alcaldesa nun período democrático na Coruña fai balance dos dous primeiros anos de mandato, marcados irremediablemente pola COVID, que mudou todo aos oito meses da súa chegada á alcaldía. Unha pandemia, lembra, que deixou aínda máis ao descuberto a necesidade de revisar o ámbito competencial duns municipios que continúan a asumir labores doutras administracións, especialmente en crises como a que aínda golpea.
Como afrontou a pandemia o Concello e unha alcaldesa que acababa de chegar ao poder?
Tan só levabamos oito meses no goberno e os concellos, nun momento tan complicado, de incertezas e sen manual de instrucións, afrontámola sabendo que somos a administración máis achegada á cidadanía O primeiro foi facer fronte á emerxencia sanitaria e lograr que ninguén quedase atrás, tendo en conta que as consecuencias económicas ían ser moi importantes. E que aínda o serán. Lanzamos unha serie de medidas no ámbito social, como habilitar o pazo dos deportes de Riazor para toda aquela xente que se tiña que confinar e que non tiñan onde facelo, persoas sen fogar... Desde iso ata levar os deberes ás casas dos nenos porque a fenda dixital existe e faise moi presente nun momento así, onde se evidencian as desigualdades.
"Afrontamos a pandemia asumindo competencias que non eran nosas; seguimos facéndolle fronte sen axuda doutras administracións"
E logo chegaron as medidas aos sectores económicos máis afectados...
Artellamos un plan de rescate económico e social, o Presco, co que achegamos 13,2 millóns en axudas directas e con fondos propios, sen axuda de ningunha outra administración máis aló dos 1,2 millóns que achegou a Deputación meses despois. Fixémolo con competencias que non eran nosas pero que entendíamos que tiñamos que asumir. Combinamos a axuda social aos que peor o estaban pasando co mantemento da actividade municipal ordinaria nunha situación complicada da que, por fin, parece que estamos vendo algo de luz. Non somos alleos ás importantes consecuencias económicas que trae esta crise e á que os concellos seguimos facendo fronte, insisto, sen axuda doutras administracións.
Lembra algún momento no que se decatara da situación excepcional que viña?
Lembro que o 8 de marzo de 2020 estabamos na manifestación feminista sen ser conscientes de que catro días despois estaría todo pechado. Era unha sensación de irrealidade. O día 12 no Concello decidimos pechar toda a actividade municipal, tivemos que ir desinfectar por un brote en Feáns e ao pouco declarouse o Estado de Alarma. O seguinte luns saín traballar e estaba na rúa completamente soa, non crucei con ninguén en todo o percorrido cara a María Pita e era unha sensación de angustia e de certo temor, de non saber o que ía pasar. Foron días moi difíciles, duros e complicados... Pero xa foi.
"Non houbo concello ningún en Galicia que deixase tantos recursos propios en axudas directas pola pandemia; tampouco ningún do noso tamaño en España"
O primeiro Presco foi aprobado por unanimidade co apoio de todos os grupos municipais, ao igual que o segundo, cal foi a clave?
Que todos os grupos municipais tiñamos claro e estivemos de acordo en cooperar e designar recursos de emerxencia aos sectores que peor o estaban a pasar. Foron diferentes tipos de axudas en diferentes sectores para manter a frote a autónomos e pemes e un investimento importantísimo. Non houbo concello ningún en Galicia que deixase tantos recursos propios en axudas directas... E do noso tamaño en poboación, ningún en España. Foron moitos os municipios que logo chamaron para preguntar como fixeramos, para copiar o plan porque o inventamos aquí e non tiña parangón noutro sitio.
No entanto, houbo colectivos, como os de hostalería ou outros sectores, que criticaron a tardanza á hora de recibir as axudas ou mesmo que criticaron certo exceso de propaganda...
Teríame gustado que o Presco chegara en 24 horas a todo aquel que o precisase e o solicitase e é certo que a tramitación do primeiro Presco, porque insisto que non tiñamos manual de instrucións, nalgúns casos tardou. Tamén é certo que máis de 4.000 autónomos recibiron unha media de 2.000 euros en axudas directas e que fomos a primeira administración que deu axudas e que pagou en Galicia. Gustaríanos ter sido máis áxiles e que a tramitación administrativa e burocrática tivese sido doutro xeito, pero iso estámolo mellorando no segundo plan, onde abondará cunha declaración xurada. Nun primeiro momento a propia Intervención do Concello impoñía unha serie de condicionamentos que atrasaban as axudas... Eu sufría cando alguén se queixaba de que non lle chegaban as axudas ou que levaba meses agardándoas. Pasámolo mal pero chegamos a moita xente en pouco tempo.
Insiste en que foi un esforzo importante pero case en solitario. Botou en falta axuda doutras administracións?
Entendemos que o Concello ten que facer ese esforzo extra orzamentario, que é necesario, pero quero chamar a atención sobre o sós que estivemos os municipios durante esta pandemia. A Xunta recibiu millóns de euros en axudas directas do Estado e aos concellos non chegaron. As desinfeccións dos centros de saúde ou dos colexios públicos, de titularidade autonómica, fixéronse con cargo orzamentario aos municipios. Eu mesma pedín que a Xunta se fixese cargo polo menos da desinfección dos centros escolares e non recibín ningunha resposta positiva. Faltou sensibilidade cos concellos. A Coruña é un concello grande cun orzamento importante, pero hai moitos outros que non o son tanto e padecen as mesmas consecuencias económicas pola COVID que padecemos aquí.
"Os municipios estivemos moi sós durante a pandemia; a Xunta recibiu millóns de euros do Estado que non chegaron aos concellos. Faltou sensibilidade"
As queixas dos concellos sobre a asunción de responsabilidades impropias e a falta de axudas é unha constante.
Cando alcaldes de diferentes partidos coincidimos no diagnóstico, tal vez deberíase mirar como están as competencias e cantas impropias exercen os municipios para que os cidadáns reciban servizos públicos de calidade. Sentímonos moitas veces sós. Nesta pandemia, na Coruña recibimos o apoio económico da Deputación da Coruña, que ademais ten un programa de axuda á hostalería propio, pero non recibimos axudas da Xunta mentres nós estivemos a disposición de todas as autoridades en todo momento.
Faltou axuda da Xunta?
Hai que revisar a repartición de fondos. Insisto en que á Coruña non chegaron fondos para axudarnos a xestionar a pandemia e tivemos que tirar de recursos propios que retraemos de partidas municipais.
A pandemia trouxo un cambio de mentalidade, tamén no que ten que ver coa necesidade de espazos amplos e verdes ou de apostar por outra mobilidade. A COVID mudou as ideas da transformación futura da cidade ou só acelerou o proceso?
Estaba pensado pero a pandemia fixo que todo fose máis rápido. O avance na mobilidade sustentable, no aumento do espazo público e na primacía dos dereitos da cidadanía era algo que levabamos no programa electoral, pero todo se intensificou. Cando a xente empezou a saír da casa logo de semanas de confinamento, precisabamos espazos onde sentirnos seguros, algo que era complicado se as beirarrúas seguían sendo estreitas ou se as zonas para pasear non eran suficientes. Gañamos espazo público delimitando carrís no Paseo Marítimo, quitando espazo ao vehículo privado nos Cantóns ou deixando como definitivas algunhas peonalizacións temporais. Ademais, implantamos a cidade 30 antes de que fose obrigatoria ou fixemos zonas compartidas de uso de preferencia peonil en moitos barrios. O cambio de mentalidade, de necesidade de espazos abertos vai máis rápido do que iría se non chegase a pandemia, é así.
Na Coruña ese cambio semella aínda máis difícil tendo en conta a alta densidade de poboación e o importante volume de coches...
Somos unha península, de 38 quilómetros cadrados e con 247.000 habitantes... Moita xente nun espazo pequeno. Debemos pensar que queremos, se favorecer o vehículo privado ou a cidadanía e eu téñoo claro. Na Coruña vense moitas máis bicicletas que hai anos, máis patinetes eléctricos... E hai cambios na mobilidade pero tamén na mentalidade. Non hai tanto, con 18 anos querías sacar o carné e ter coche, pero a rapazada agora non pide coche e nin tan sequera apura polo carné. Entenden que hai outras formas de moverse e asumen os cambios dun xeito máis rápido.
"Non creo que a condonación da débeda do Porto sexa imposible, é cuestión de vontade política"
Nesa necesidade de espazo cobra unha especial relevancia o futuro dos peiraos cando se liberen todos os seus terreos. Por que esta parálise nas conversas entre administracións para decidir o seu futuro?
Parados estivemos 17 anos, ata que o pasado 23 de febreiro convocamos a todas as administracións implicadas para falar. Había que sentar e non erguerse ata chegar a acordos, poñer as luces longas e pensar que as solucións terán que servir para os que veñan despois. Non se poden vetar unhas administracións a outras dependendo de quen goberne. De aí saíron acordos importantes, como o desbloqueo para a licitación do tren a Lagosteira ou que, desde a esixencia da condonación da débeda do Porto, que mantemos, se procurase unha solución financeira. Conseguimos unha moratoria nos pagamentos mentres se busca esa solución definitiva e creouse unha comisión para redactar un novo protocolo porque todos coincidmos en que os convenios de 2004 xa non serven. Ese protocolo estará nos vindeiros meses e nel traballa a comisión técnica; calculo que entre final de verán e principios de outono.
A condonación da débeda parece imposible tendo en conta a actitude de Puertos del Estado.
Non creo que sexa imposible, é cuestión de vontade política e nós estamos negociando. Tamén parecía imposible o tren a Lagosteira e aí está. O que hai é que garantir a viabilidade da Autoridade Portuaria e esa conexión ferroviaria para que se poidan desafectar os terreos e estes volvan á cidade. Niso traballamos.
Desde a Marea, o BNG e numerosas entidades sociais advírtese ante a posible "privatización" do porto e a construción de vivenda nos terreos. É entendible o temor?
Hai que ter en conta a dimensión que ten o Porto da Coruña, que é complicada de albiscar. Estamos falando dunha cidade nova. Se hai anos na Coruña deseñamos a bahía por un lado, a do Paseo Marítimo, agora temos o reto de deseñar a outra banda. E aí temos que conxugar os intereses económicos do Porto, que é fundamental polos seus usos produtivos ou pola importante lonxa que temos, cunha extensión de terreo que dá para usos dotacionais, equipamentos necesarios, pero tamén para falar de vivenda.
"Non podemos enrocarnos en posicións demagóxicas; ningúen fala de privatizar o Porto, senón de que se poida promover vivenda pública a prezos asequibles"
Canta vivenda?
Non podemos enrocarnos en posicións demagóxicas. Ninguén está a falar de privatizar e construír unha burbulla inmobiliaria exacerbada. Estamos falando de que o solo sexa público e se poida promover vivenda pública a prezos asequibles para non expulsar da cidade a quen queira vivir nela. Hai 3.000 demandantes de vivenda pública e non hai oferta suficiente. As críticas veñen de posicións demagóxicas que tentan sacar rédito político e apelan a cuestións de hai moitos anos que non teñen base ningunha. A mellor política de vivenda é expulsar xente das cidades para que vaian vivir a concellos llimítrofes? Eu quero que a xente teña oportunidade de vivir na Coruña, en vivenda pública e a prezos asequibles.
Collen en San Diego todos os usos que se demandan ademais dun parque de vivendas?
A desafectación virá dentro de motios anos, pero por que non pensar en facer un urbanismo máis sustentable, que dea resposta ás necesidades de vivenda que hai? Iso non é incompatible cos usos que se defenden no porto. En todo caso, empecemos abrindo Batería e Calvo Sotelo para dar solucións de mobilidade, de aparcamento e para recuperar ese espazo tanto tempo pechado. Agradezo que o novo presidente da Autoridade Portuaria tamén vaia nesta liña tan demandada.
Feijóo propuxo que a Xunta mercase o 51% dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo pero vostede rexeitouno. Por que?
Esa proposta da Xunta, tal e como se propuxo, non a aceptamos. Non se trata de vir co cheque mercar, senón de cooperar. A colaboración institucional é fundamental. O Concello da Coruña vai poñer 22 millóns para o Novo Chuac pero eu non fun pedirlle a Feijóo o 51% ou o 30% da propiedade dos terreos. A proposta da Xunta non nos pareceu a correcta, pero estamos abertos a que se discuta e mesmo a pactar outra na que todos esteamos de acordo.
Malia a súa diferenza con Feijóo e coa Xunta, a súa actitude dista moito do alcalde da outra gran cidade de Galicia, Abel Caballero.
Somos persoas diferentes, con estilos diferentes, pero eu téñolle moito aprezo a Abel Caballero, un referente no munipalismo de Galicia e de España e cuns resultados electorais que o avalan. Só teño palabras de admiración e respecto para el, pero non entro a valorar o que se fai noutros concellos.
"Non aceptamos a proposta da Xunta para os peiraos; o Concello pon 22 millóns para o novo CHUAC e eu non fun pedirlle a Feijóo o 51% ou o 30% dos terreos"
Pero insisto, a súa actitude é moito menos belixerante.
Goberno unha cidade de 247.000 habitantes e a min votáronme sobre 37.000. Non goberno só para os que me votaron, senón para todos, e teño que buscar sempre o interese común e o crecemento da cidade. A recuperación do diálogo institucional coa Xunta e co Goberno central permite que poidamos falar de máis de 700 millóns en investimentos na Coruña a metade do mandato: do Novo Chuac, da estación intermodal, da ría do Burgo, do tren a Lagosteira, da pasarela de Pedralonga... A cooperación ten que primar e se eu me queixo de que moitas veces se nos deixa sós aos concellos é porque considero que é a nosa obriga acordar entre administracións.
Marea Atlántica e BNG quéixanse da súa falta de diálogo e do incumprimento de varios acordos para o mandato.
Nestes dous anos leváronse a pleno 111 asuntos, dos que se aprobaron 110, 43 deles por unanimidade. Ás veces, máis que as palabras, os números dan a mellor fotografía da realidade. Respecto profundamente o labor da oposición, que ten as discrepancias lóxicas co goberno, e nunha situación de pluralidade como a desta corporación estamos chamados a entendernos. O diálogo é constante e así o será ata o final, nomeadamente coa Marea e co BNG, cos que temos acordos de mandato e dos que estamos máis perto ideoloxicamente. A oposición é dialogante e o goberno, tamén. Asumo todas as críticas e trato de mellorar naquelas cuestións que poidan xerar algún roce ou discrepancia.
Unha das críticas de ambos partidos é a que lle atribúe "a volta ao urbanismo vazquista" e aí ambos sinalan como paradigma o futuro proxecto nas Percebeiras, ao que se opón a asociación de veciños de Labañou.
É curioso porque foi gobernando a Marea, sendo alcalde Xulio Ferreiro, cando se pactou o proxecto das Percebeiras, que quedou pendente de ser enviado á xunta de goberno. Daquela xa existía a asociación de veciños. O que nós fixemos foi rebaixar a edificabilidade e facela máis amable coa contorna. É un proxecto que tamén dará servizos a un barrio que precisa equipamentos e dinamización. Cadaquén fai oposición como considera.
Se hai algo que marcou tamén este mandato, polo menos no ámbito mediático, foi o caso Fuenlabrada...
Porque é fútbol, un deporte que levanta moitas paixóns e ten unha enorme relevancia...
Recibiu algunha crítica desde dentro do seu partido pola súa contundente posición naqueles días?
Non. Defendín a miña cidade e creo que o tiña que facer porque se puxo en risco por unha decisión, desde o meu punto de vista, neglixente. Permitiuse a viaxe do Fuenlabrada sabendo que había positivos e por unha serie de intereses futbolísticos e económicos que escapan do meu imaxinario. Fixen o que tiña que facer. A Coruña viña dun confinamento, estaba nun nivel baixo de contaxios e iniciaba a súa temporada estival. Fíxoselle un importante dano reputacional e provocouse que os ratios de incidencia e de contaxios subisen. E puido ser peor. Ademais, púxose en risco tamén aos propios futbolistas, que pagaron polas decisión doutros. Eu, como alcaldesa, era a autoridade sanitaria delegada da Xunta, que iniciou tamén un expediente sancionador. Fixemos o que tiñamos que facer.
"No caso Fuenlabrada houbo presións, intentáronme calar, pero non me arrepinto de nada. Volvería facer o que fixen e supoño que iso xa lles quedou claro a algúns"
Como lembra aqueles días?
Como unha tolemia absoluta, intervindo nalgunha tertulia radiofónica deportiva que era terrible... E con personaxes mediáticos que dirixen estas cousas que están aí...
Sentiu presión por parte dalgún estamento?
A presión chegou. A min intentóuseme calar, evidentemente, non o vou negar. Foron días complicados pero mantívenme sempre firme e non dei ningún paso atrás. Tiña claro que había que reclamar a quen tivese algún tipo de responsabilidade naquela decisión. Supoño que cando un presiona e non ten o efecto desexado, deixa de presionar. Non ía facer nada distinto do que fixen e non me arrepinto de nada. Volveríao facer as veces que fixese falta; supoño que iso xa lles quedou claro a algúns.
Como ve o futuro do PSdeG a curto prazo?
Empezan os procesos congresuais no vindeiro outono e a partir de aí haberá remodelacións nas diferentes direccións en toda España a través dos congresos nas autonomías, tamén en Galicia. Ese é o proceso que hai que seguir. Non falo das cuestións internas do PSdeG porque creo que esas cousas débense falar, precisamente, nos órganos internos, por respecto ao partido e aos militantes.
Entrará Inés Rey na Casa Cornide sendo esta xa patrimonio público?
Non sei se entrarei eu ou a seguinte ou o seguinte alcalde, tanto ten porque non teño a necesidade de ser eu, pero si temos a de reclamar a propiedade e continuar coa recuperación e reparación da memoria democrática. O Pazo de Meirás é un exemplo do que se pode e debe facer e a Casa Cornide é o seguinte paso. Aínda que moitos anos despois, ten que chegar esa reparación e recuperar o que foi espoliado ao pobo, arrebatado aos seus lexítmos propietarios por unha familia que entendía España como súa. Cómpre a reparación a tantas vítimas e pelexaremos xudicialmente para recuperar o inmoble.