Inés Rey destitúe do goberno da Coruña a secretaria xeral do PSOE local

© Concello da Coruña

Crise de goberno na Coruña. A alcaldesa, Inés Rey, destituíu a última hora deste martes a secretaria xeral do PSOE coruñés, Eva Martínez Acón, como responsable de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, que marchará así do executivo local. 

Inés Rey aparta do goberno local a Martínez Acón, secretaria xeral do PSOE coruñés e afín a Gonzalo Caballero

Afín ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, a destitución de Martínez Acón é xustificada desde o goberno local pola súa falta de lealdade coa alcaldesa ou a escasa dedicación aos labores no executivo, pero agocha tamén unha crise máis fonda que nunca marchou de todo no socialismo coruñés. 

Eva Martínez Acón, secretaria xeral da Agrupación Socialista Coruñesa CC-BY-SA PSdeG-PSOE

Nunha carta que dirixiu á militancia, Martínez Acón culpa do seu cesamento á reclamación das achegas económicas que o PSOE ten estipuladas para que os cargos electos destinen á agrupación local que, asegura, está nunha "situación económica crítica" e que puxo en problemas mesmo o pago do alugueiro da sede. 

A edil decidiu manter a acta e seguirá acudindo aos plenos, pero sen soldo nin dedicación, mentres que a maior parte das súas competencias pasarán ao concelleiro de Educación, Chero Celemín, e outras a Diana Cabanas. 

O goberno local xustifica o cesamento na nula dedicación da edil, que atribúe a súa marcha á reclamación das achegas dos cargos electos á agrupación local

A crise no goberno local recibiu as críticas da oposición. Desde a Marea Atlántica cren que a destitución de Martínez Acón é unha mostra máis de que o executivo está "atrapado nunha guerra interna entre as familias do PSOE" e afectado pola "febleza" e a "nula cohesión interna". Ademais, consideran que o cesamento é "un recoñecemento de que a área de Emprego está completamente paralizada, xusto cando o seu labor sería máis necesario".

O BNG, pola súa banda, cre que esta nova crise "aumenta a inestabildiade no Concello, xusto no momento no que menos o necesita a cidade", mentres que o PP acusa o goberno local de estar "descentrado enpelexas internas e axustes de contas". 

A destitución de Martínez Acón chega pouco despois de que a concelleira Mónica Martínez, que se presentou ás eleccións locais por Ciudadanos, deixase o partido, pasase ao grupo mixto e se incorporase ao goberno local como responsable de Deportes

Marea Atlántica e BNG votaron a favor dunha moción do grupo municipalista que reclamaba o cumprimento da última sentenza do Supremo para o cesamento inmediato da edil, que é considerada "tránsfuga" por ambos os dous partidos, que facilitaron cos seus votos a chegada de Inés Rey á alcaldía. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.