"PSdeG-PSOE, Marea Atlántica e BNG acordamos sumar esforzos e construír unha maioría de carácter progresista e galeguista co obxecto de sacar adiante os orzamentos para o ano 2020". Así conclúe o documento rubricado este luns pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, coa voceira da Marea Atlántica, María García, e mais o seu homólogo do Bloque, Francisco Jorquera, que segundo afirmaron os tres desembocará, a comezos de 2020, na aprobación das contas públicas do municipio co voto a prol de 17 dos 27 edís da corporación.
Inés Rey: "A imaxe de tres grupos progresistas asinando un acordo orzamentario, un acordo de mandato, ten que ser a imaxe normal no escenario político. E non só a nivel municipal"
Tras a sinatura de senllos acordos de inicio do mandato do grupo que sustenta ao goberno coa Marea e o PSdeG, as tres forzas están a pechar un orzamento que roldará os 260 millóns de euros e fano cun pacto que, admite Rey, pretende ser tamén unha mensaxe política. "Estas imaxes inéditas téñense que converter en normalidade; a imaxe de tres grupos progresistas asinando un acordo orzamentario, un acordo de mandato, ten que ser a imaxe normal no escenario político". E ten que selo, agrega, "non só a nivel municipal".
Á espera de coñecer as magnitudes exactas do orzamento, que pasarán pola vindeira Xunta de Goberno Local, a rexedora afirma que terán un carácter "netamente progresista" e reforzarán "tanto o investimento como o gasto social. Neste ámbito, subliña, inclúese a gratuidade das escolas infantís municipais incluído en anteriores pactos coa Marea. A voceira da que foi formación gobernante ata o pasado xuño, María García, sinala precisamente esta medida como mostra de que as contas "servirán para mellorar a vida da xente".
"A cidadanía deunos un mandato claro, de entendernos e chegar a acordos, e hoxe estamos a cumprilo", subliña a edil da Marea. Nun sentido semellante expresouse Jorquera na comparecencia conxunta, na que subliñou a "unanimidade" nas bases do BNG local para dar o voto favorable. "O que máis nos preocupaba non eran as fotos, era facer posíbel un acordo que fose bo para a cidade; e teño que dicir que estamos satisfeitos co resultado", conclúe o nacionalista.
Os eixos das contas e reacción do PP
Alén da interpretación do pacto por parte de cada forza, PSdeG, Marea Atlántica e BNG sinalan que as "bases políticas e programáticas" do seu acordo pasan por eixos como a "dinamización económica", o "benestar social" e a "mobilidade urbana", as "políticas de igualdade" e, ao tempo, a "defensa dos intereses da cidade" ante os gobernos galego e central. Baixando ao concreto, avanzan, as contas contemplarán medidas como a ampliación das partidas do servizo de Axuda no Fogar ou da renda social municipal ou de políticas de igualdade.
O acordo contempla medidas como a gratuidade das escolas infantís ou a "reforma global do mapa das liñas de autobús urbano"
Asemade, aseguran prever máis investimentos nos barrios da cidade, reforzar a rede de centros cívicos ou unha reformulación "global" do "mapa das liñas de autobús urbano" para "aumentar as frecuencias nos barrios peor comunicados" e "nos principais nodos de actividade diaria". "Redeseño de vías, prazas, parques e rotondas" priorizando a circulación peonil ou "reforzar o compromiso das políticas municipais coa cultura e a lingua galega" son outros dos aspectos que destaca o acordo.
Segundo avanza a alcaldesa da Coruña, o proxecto de Orzamentos empezará o seu trámite "nos vindeiros días" na Xunta de Goberno Local. A falta do peche dos "últimos documentos administrativos", di, o inicio e levalos a pleno extraordinario "no inicio do ano".
O que para as tres formacións asinantes do acordo este é un exemplo de pacto progresista, para o PP local, en plena transición tras a dimisión da que ata agora era a súa voceira, Beatriz Mato, este é un pacto escuro e froito da "chantaxe", en verbas do concelleiro Roberto Rodríguez. Segundo Rodríguez, antigo alto cargo da Xunta nos tempos de Mato como conselleira, este non merece ser denominado "pacto á coruñesa", senón máis ben "pacto á siciliana", en referencia á mafia.