Abel Caballero confirma ao sector hostaleiro que o seu goberno asume a implantación do tributo turístico, limitado pola Xunta a un intervalo de 1 a 2,5 euros por día cun máximo de cinco xornadas
Vigo tamén implantará a taxa turística. O tributo que o Goberno galego do PP accedeu a permitir tras anos de resistencia está a piques de comezar a ser cobrada no Concello que máis pulou por el nos últimos anos, o de Santiago, entra na recta final para ser aplicado na Coruña e, nun futuro próximo, tamén estará vixente na cidade máis poboada do país.
A principios deste mes a nova directiva da Asociación de Hostelería de Vigo (Ahosvi) expuxo ao alcalde da cidade as súas principais demandas. "Convoqueinos hoxe para dicirlles que creo que é bo que dende o ámbito hostaleiro, hoteleiro, de apartamentos e pisos turísticos se contribúa á cidade a través dunha taxa turística", anunciou este mércores Abel Caballero.
Pouco despois de anunciar que Vigo tamén imporá límites ao disparado negocio dos pisos turísticos cunha nova ordenanza ao respecto, Caballero sinala que a súa pretensión é iniciar agora un período de "diálogo" co sector para deseñar unha taxa "razoable e aceptable" que, en calquera caso, estará limitada pola norma coa que a Xunta permitiu cobrala. O imposto galego sobre as estadías turísticas naceu, por iniciativa do PP, como un tributo cun desconto ao 100% sobre que os concellos poden impoñer "recargas" dentro dos límites máximos fixados pola Xunta, de 1 a 2,5 euros por día e persoa cun límite de cinco xornadas.
"A alguén que paga cen euros por un hotel non lle preocupa pagar un euro e medio", subliña o alcalde vigués ao desbotar efecto "disuasorio" ningún dunha taxa que chega coas cifra de pisos turísticos disparada na cidade
O réxime de exencións ou o destino dos ingresos -o 80%, a eidos relacionados co turismo- están tamén condicionados polo Goberno galego para implantar unha taxa que, admite Caballero, está "xeneralizada" nas "grandes cidades turísticas". Ao contrario do sostido durante anos polos populares, o alcalde vigués amósase convencido de que aprobala non terá efecto "disuasorio" ningún: "A alguén que paga cen euros por un hotel non lle preocupa pagar un euro e medio" adicional, ilustra nun contexto no que o propio sector turístico, sinala, se verá "beneficiado" pola existencia da taxa.
O aínda demorado camiño ata a implantación da taxa turística principia nun momento no que o panorama do sector da cidade vén marcado polo auxe dos pisos turísticos, cuxas case 7.000 prazas xa superaron en 2024 as arredor de 5.000 que, segundo datos oficiais de Turismo de Galicia recollidos polo IGE, ofrecen os hoteis vigueses. Tamén atinxirá a un mercado á alza, o dos cruceiros, con máis de 200.000 turistas facendo escala no porto olívico durante o pasado 2024.
Dende a oposición municipal o BNG lembra, tras coñecer o anuncio do alcalde, que xa o pasado ano propuxo "estudar esta medida no camiño de avanzar nun modelo de turismo sustentábel para que Vigo non fique reducida a un parque temático para o excursionismo de masas". Neste sentido, a formación reclamara elaborar un estudo ao respecto da man da Universidade de Vigo.