A coordinación dos tres aeroportos galegos seguirá a esperar. A reunión que este xoves mantiveron en Santiago representantes do Goberno central, a Xunta e os concellos da Coruña, Santiago e Vigo saldouse sen achegamentos nas posturas que veñen mantendo cada unha delas. Nela o Goberno galego reclamou a elaboración dun estudo sobre o impacto que terá o AVE sobre os aeroportos, análise que supostamente a Xunta xa realizara en varias ocasións anteriores e que evidencia novamente a incapacidade do departamento autonómico de Mobilidade, centrado no transporte por estrada e con carencias notables en materia ferroviaria ou aérea.
A Coruña e Santiago anuncian que abandonarán o comité de rutas se o Goberno galego non achega fondos e Vigo reclama 23 millóns
Á reunión deste xoves anunciaran a súa asistencia tanto a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, como o delegado do Goberno, Santiago Villanueva, pero a última hora, ao ter coñecemento de que os concellos estarían representados por concelleiros e non polos seus alcaldes, enviaron a outros cargos inferiores. Así, foi o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, o cuarto que pasa por ese posto desde que goberna Feijóo, quen anunciou que antes de que a Xunta se implique máis na xestión dos aeroportos galego precisa contar cun estudo sobre o impacto neles da próxima chegada do AVE, á vista de que o 30% das conexións galegas son con Madrid.
Estudos similares foron anunciados en sucesivas ocasións desde polo menos a etapa do bipartito (a propia conselleira socialista de Política Territorial, María José Caride, fixera a súa tese doutoral sobre os efectos do AVE na intermodalidade). Posteriormente, o presidente Feijóo leva repetindo de xeito periódico en discursos a necesidade de que Galicia aproveite a chegada do AVE e reformule outros modos de transporte. En 2013 a Xunta chegou a anunciar a contratación dun plan estratéxico do sistema aeroportuario galego ao tempo que Fomento elaboraba un documento similar. Pero nada se soubo do seu contido.
A Xunta subvencionou durante varios anos rutas aéreas ao principio do mandato de Feijóo pero agora di que non se debe pagar ás compañías privadas
Pola súa banda, os concellos de Santiago e A Coruña reclamaron á Xunta unha maior implicación na coordinación e mellora das conexións dos aeroportos galegos e lembraron que son as administracións locais, malia carecer de competencias, as que están a encargarse da cuestión. Por iso, avanzaron que deixarán de acudir ás reunións do Comité de Rutas se a Xunta non se implica economicamente. Ao tempo, o Concello de Vigo puxo sobre a mesa a súa reclamación do que considera unha débeda histórica de 23 millóns de euros da administración autonómica con Peinador.
O Goberno galego xa avanzou que non contempla achegar cartos para a mellora das rutas aéreas dos aeroportos galegos xa que entende que non se debe subvencionar ás aeroliñas. Porén, a Xunta si subvencionou liñas aéreas durante varios anos ao principio do mandato de Feijóo.