A Xunta segue sen querer dotarse de persoal especialista en trens malia que os seus gobernos levan anos opinando do AVE

Cargos políticos galegos nunha visita a unhas obras do AVE coa daquela ministra de Fomento Ana Pastor Dominio Público Xunta de Galicia

A Xunta, xa fose gobernada por executivos do PP ou da esquerda, leva anos opinando sobre cuestións ferroviarias, tanto apoiando como criticando actuacións do Ministerio de Fomento, que é quen desenvolve en Galicia esas competencias. Porén, faino só con posturas políticas ou con informes técnicos alleos, subcontratados a empresas externas, porque vén carecendo de xeito endémico de ningún persoal experto nesas materias. Malia esa eiva, que resta peso e credibilidade ás súas posturas tanto ante Fomento como ante á opinión pública (en xaneiro Adif emitiu unha inusual nota de prensa de rectificación pública da conselleira de Infraestruturas), o Goberno galego vén de convocar oposicións para cubrir 14 postos de enxeñaría con ningún ou mínimos requisitos de coñecementos en materia ferroviaria.

O Goberno galego convoca oposicións para 14 postos de enxeñaría e enxeñaría técnica con ningún ou mínimos requisitos de coñecemento na materia malia que carece de funcionariado específico

Este mércores o Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria de catro prazas de promoción interna e cinco de acceso libre para a especialidade de enxeñaría de camiños, canais e portos, e doutras dúas de promoción interna e tres de acceso libre para a de enxeñaría técnica de obras públicas. Para as primeiras prazas, dos 47 temas totais dos que serán examinados os aspirantes, só tres teñen relación co sector ferroviario e de xeito xenérico (sobre a lei do sector ferroviario de 2015, sobre as características técnicas dos ferrocarrís e sobre sistemas técnicos de explotación). Para as de enxeñaría técnica, dos 39 temas totais ningún ten relación co sector ferroviario. A Xunta limítase a esixir aos aspirantes “estar en posesión ou en condición de obter” os títulos respectivos de enxeñeiro ou enxeñeiro técnico, sen ningunha especialización concreta. Isto é, se tras as oposicións algunha das persoas que obteña praza é experta en materia ferroviaria, non será porque así o previse a Xunta, que tampouco o prevé na súa actual relación de postos de traballo.

A carencia lastra a posibilidade da Xunta de fiscalizar as actuacións en materia ferroviaria que se realizan en Galicia, segundo admiten varias das persoas que desde comezo deste século ocuparon a Dirección Xeral de Transporte ou Mobilidade

Esta carencia non é nova e vén lastrando a posibilidade do Goberno galego de fiscalizar tecnicamente as actuacións en materia ferroviaria que se realizan en Galicia, segundo admiten varias das persoas que desde comezo deste século ocuparon a Dirección Xeral de Transporte ou Mobilidade do Goberno galego, o departamento que debería asumir ese traballo dentro da Consellería de Infraestruturas. Segundo recoñecen fontes do máis alto nivel desa área do Goberno galego, o persoal propio do que dispón na actualidade non é suficiente nin para asumir as competencias sobre o transporte por estrada en plena reestruturación do mesmo. Salvo algún intento puntual e sen continuidade de formar na materia durante algún tempo a algún funcionario do departamento sen dedicación específica previa, as carencias en cuestións ferroviarias veñen levando á Xunta a recorrer a numerosas asistencias técnicas externas, estudos ou informes que, no caso de versar sobre ferrocarrís, cando as consultoras os entregan á Xunta non poden ser avaliados de xeito independente por ningún funcionario con coñecemento na materia. Esta situación fixo, entre outras cousas, que o Goberno galego acabase impoñendo dous funcionarios propios sen experiencia en materia ferroviaria como peritos da instrución xudicial do accidente de Angrois.

A especialización persoal de quen foi director xeral entre 2009 e 2013, Miguel Rodríguez Bugarín, levou á Xunta a presentar como informes técnicos os documentos en materia ferroviaria que elaboraba o propio cargo político

A maior capacidade de supervisión directa que nos últimos anos tivo o Goberno galego sobre as actuacións en materia ferroviaria en Galicia produciuse non por contar con funcionariado experto na materia senón pola propia especialización técnica de quen foi director xeral de Mobilidade entre 2009 e finais de 2013, Miguel Rodríguez Bugarín, catedrático na Escola de Camiños da Universidade da Coruña especializado en ferrocarrís. Era directamente ese cargo político quen elaboraba os informes que a Xunta presentaba como técnicos sobre a cuestión, no tempo que lle deixaban libre as súas responsabilidades noutras áreas do departamento. No resto dos últimos gobernos galegos (a experiencia previa do actual director de Mobilidade é en materia hidráulica), a supervisión das actuacións en materia ferroviaria veu recaendo en persoal de confianza non funcionario con coñecementos máis centrados en cuestións económicas ou legais que de enxeñaría.

Os daquela director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, e conselleiro, Agustín Hernández, nunha rolda de prensa de avaliación do AVE en 2011 Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.