0 Gardados para despois

Adif desmonta a estratexia de Xunta e PP de culpar a oposición dun novo atraso do AVE

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Adif, a empresa pública encargada de construír o AVE a Galicia, vén de emendar a argumentación da Xunta e do PP segundo a cal as obras poden sufrir novas demoras se os partidos da oposición non facilitan a aprobación dos orzamentos do Estado para este 2018. Todo o contrario. Segundo unha inusual nota distribuída este luns polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, os seus fondos proceden doutras fontes “independentemente da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, dispondo ademais dunha capacidade de endebedamento que lle concede unha marxe suficiente de independencia ao respecto" das contas estatais.

A nota de prensa enviada este luns por Adif aos medios de comunicacións emitiuse apenas vinte e catro horas despois de que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, relacionase nunha entrevista na Cadena Ser, os prazos do AVE galego coa aprobación dos orzamentos estatais. Vázquez pediu “responsabilidade” dos grupos da oposición para que axuden a aprobar o orzamento do Goberno central de Mariano Rajoy, responsabilizándoos así dos posibles atrasos da obra en caso de non facelo. Porén, a resposta de Adif é unha rectificación en toda regra desa estratexia do PP galego de culpar á oposición.

A empresa pública dependente de Fomento emenda o Goberno galego e ao PP e di que as obras en marcha na liña á Meseta non dependen da aprobación dos orzamentos do Estado

A nota de prensa de Adif tamén aclara que o parón que sufriran as obras en 2016, durante o tempo en que o Goberno central estivo en funcións mentres Mariano Rajoy non logrou a súa reelección polo Congreso grazas á abstención do PSOE, se debeu a “problemas técnicos” que Fomento “conseguiu desbloquear en 2017”. Uns problemas que, segundo a resposta que agora dá Adif por iniciativa propia aos populares galegos, estarían ligados coa imposibilidade do Goberno en funcións de resolvelos pero non coa inexistencia duns orzamentos do Estado, como agora di a Xunta para culpar igualmente á oposición.

Un tren Avant circula polo viaduto do Ulla / Ministerio de Fomento

Na mesma xornada en que a compañía pública confirmaba, a través do Boletín Oficial do Estado, que anula definitivamente dous contratos da liña de alta velocidade Galicia-Madrid comezados a tramitar hai case sete anos, aínda en tempos do PSOE, toda a oposición vía na postura da Xunta pouco máis ca "escusas". O PP galego e o propio Alberto Núñez Feijóo, advertía dende En Marea Luís Villares, "non defenden os intereses" do país ante o Goberno do sue propio partido porque "non mandan, non valen nada" e esa "insignificancia" ten consecuencias tamén neste ámbito.

En Marea, PSdeG e BNG ven o PPdeG e o Goberno galego instalados na "escusa" para xustificar novos "atrasos inevitables"

"Se non saben gobernar, que convoquen eleccións; entre outras cousas para rematar as infraestruturas", reclama Villares, que non obstante advirte de que a prioridade da súa formación segue a ser a articulación ferroviaria interna do país, a conexión do interior co eixo atlántico e liñas pendentes como a de Ourense a Lugo. Nun sentido semellante exprésase o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para quen Feijóo e a conselleira non fan máis que "buscar escusas para desatender a súa responsabilidade e falla de compromiso e eficacia nas demandas de infraestruturas fundamentais para Galicia.

Horas antes de seren corrixidos pola empresa dependente do Goberno central, os populares galegos teimaban en que o atraso orzamentario demorará as obras

A xuízo da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, as palabras de Ethel Vázquez veñen poñer "a venda antes que a ferida" para "atrasos inevitables", toda vez que a anunciada como data de remate dos traballos, 2019, vai sufrir "atrasos inevitables". "É evdiente -di Pontón- que o problema non está en se se aproban ou non os Orzamentos do Estado", senón que "vén de vello, e é que o PP, con orzamentos aprobados, non executou os investimentos necesarios". "Estamos vendo -conclúe- un exemplo máis de a onde nos conduce a irrelevancia política e a subordinación de Feijóo".

Mentres, poucas horas antes de que o propio Adif os corrixise, os populares galegos seguían a responsabilizar a oposición de eventuais atrasos. Fixérono a través do seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, quen asegura que "todo o que sexa non aprobar uns orzamentos" do Estado para 2018 "poderían atrasar aínda máis" as obras do AVE, "do mesmo xeito que todas as demais obras que o Estado está realizando en toda España".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.