O 21 de maio de 2013 constituíase en Santiago o Comité de Coordinación Aeroportuaria, un órgano auspiciado polo Ministerio de Fomento que, participado tamén por concellos e a Xunta, presentábase como a vía para aprobar a gran materia pendente de harmonizar as tres terminais galegas, toda vez que as principais forzas políticas manteñen fóra da axenda a posibilidade de suprimir algunha delas. Ese mesmo día o Goberno galego iniciaba os trámites para contratar a elaboración dun "plan estratéxico do sistema aeroportuario galego", cuxa compra formalizou en xullo por case 30.000 euros. Un ano despois, o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo desenténdese desa coordinación por boca do propio presidente.
A elaboración dese estudo, encargada mentres Fomento traballaba noutro de semellantes características, supuxo o cumprimento dunha promesa electoral dos conservadores, que no seu programa electoral de 2012 prometeron traballar para o "funcionamento conxunto e coordinado dos tres aeroportos de Galicia". A compra, canalizada a través da axencia Turismo de Galicia, xustificábase como unha vía para "garantir a viabilidade do sistema aeroportuario a base dunha operación coordinada" de Lavacolla, Alvedro e Peinador. O propio Feijóo defendeu daquela a contratación a preguntas da prensa argumentando que o seu Goberno precisaba "formarse" e "informarse" antes de participar no devandito Comité: "Parece razoable que se alguén forma parte dunha comisión leve formación especializada ao respecto", sinalaba.
De xeito paralelo a eses movementos en San Caetano Fomento presentou o resultado da súa diagnose. O departamento de Ana Pastor propuña, a grandes trazos, manter un sistema aeroportuario 'a tres' no que, como "enfoque inicial", a terminal compostelá estivese centrada en voos turísticos internacionais mentres que A Coruña e Vigo se especializasen en viaxes de negocios, esencialmente dentro do Estado. "Cando teñamos ese documento ímolo estudar con moito detalle" e "en base a esa avaliación, faremos un pronunciamento e un posicionamento por escrito", dixo daquela Feijóo.
Declaracións mentres o tráfico cae
Todos estes cruzamentos de declaracións, estudos e xuntanzas, prodúcense nun contexto de caída continuada do tráfico de pasaxeiros nas tres terminais galegas, caída que no caso de Alvedro e Peinador comeza en 2007 e en Lavacolla, en 2011, ano no que o conxunto dos aeroportos galegos chegou aos 4,5 millóns de pasaxeiros mentres que o Sá Carneiro do Porto, principal competidor, superou el só os 5,3 millóns de persoas, segundo datos de Aeroportos de Portugal.
Aínda que os datos de Aena Aeropuertos correspondentes aos primeiros meses de 2014 falan dunha levísima recuperación -en xuño, por exemplo, as terminais galegas gañaron 26.000 pasaxeiros a respecto do ano anterior- se a fotografía se tira cunha maior perspectiva obsérvase que a caída é pronunciada e continuada, coa única excepción do discreto repunte da Coruña, que finalizou 2013 con 839.000 pasaxeiros mentres que rematara 2012 con 828.000. Lavacolla, pola súa banda, logrou o ano pasado 2,07 millóns de pasaxeiros (en 2011 tiña 2,5 millóns) e Peinador quedou nuns históricos, por baixos, 678.000 viaxeiros e viaxeiras.
Feijóo: "A competencia é do Goberno de España, que a exerza"
Neste contexto e mentres os aeroportos galegos ofrecen os billetes máis caros de todo o norte peninsular, Feijóo obvia o informe encargado polo seu propio Goberno e, a preguntas da prensa, asegura que a súa "proposta" é "coñecida" e non dende "hai trimestres", senón dende "hai anos, dende que chegamos en 2009". Ese "plantexamento", di, pasa pola "imprescindible coordinación dos aeroportos". "Pedímosllo ao ministro respectivo [José Blanco], dixo que os coordinaría el e non o fixo", o mesmo que "o actual Goberno da nación", cuxa ministra, Ana Pastor, "dixo tamén que asumiría a coordinación e teño que dicir que non están coordinados". A competencia, evidencia, "é do Goberno de España", polo tanto, "que a exerza", conclúe.