A plataforma convoca un "gran acto aberto" para o 17 de novembro en Santiago baixo o lema 'Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego'
"Botan a culpa do desastre ás familias e agora tamén á inmigración". O voceiro da plataforma Queremos Galego e presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, lamenta deste xeito algunhas das primeiras respostas da Xunta á publicación, a pasada semana, dos datos do IGE que acreditan que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia, que o uso do idioma retrocede en todo o país, sobre todo nas áreas urbanas e un devalo especialmente acusado entre a infancia e a mocidade.
O colectivo coida que os números da oficina estatística pública poden lerse en termos de "emerxencia lingüística" e por iso volve chamar á mobilización. Á cita danlle forma de "gran acto aberto a todas as entidades e persoas interesadas na defensa da lingua" para o vindeiro 17 de novembro en Santiago. Trátase, din, de xuntar forzas baixo o lema Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego para esixir "actuar sobre a expulsión e exclusión do galego de todos os ámbitos da vida social, intensificada nos últimos 15 anos.
Lamenta Maceira que o Goberno responda aos datos sinalando o "ámbito privado", xustamente onde "non está a súa capacidade de actuar". "A lingua é un feito social" e a Xunta "ten que actuar onde ten competencia, no espazo público, coa política", evidencia para reclamar mudanzas en eidos coma "no ensino, na administración, nos servizos, no consumo, na xustiza, no audiovisual, na saúde". Aí onde "hai necesidade de galego, porque está ausente".
"A Xunta ten que actuar onde ten competencia, no espazo público, coa política", subliñan para reclamar a aplicación do Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade hai vinte anos como "base para recuperación do galego en todos os espazos"
"Só pedimos que o galego estea en todo e para todo", sintetizan nun contexto no que, din, as accións gobernamentais levan quince anos indo en sentido contrario. "O decreto contra o galego no ensino", a "modificación da lei da función pública" para evitar que cando menos un dos exames de cada proceso selectivo tivese que realizarse en galego ou "a desaparición da programación infantil ampla e actualizada da TVG" son algúns dos principais exemplos, ao seu xuízo.
Neste contexto, Queremos Galego reclamará no acto do día 17 que "toda persoa que queira vivir en galego poida facelo sabendo que conta co amparo das institucións". A "solución", coidan, está en "reactivar o gran acordo nacional pola lingua" que xa existe, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado hai agora vinte anos. Esa, coida Celia Armas, coordinadora da plataforma, ben pode ser "a base para a recuperación e rehabilitación do galego en todos os espazos se a Xunta amosase a máis mínima vontade por aplicalo".
Neste sentido, Queremos Galego agrega que o acto do 17 de novembro pretende tamén facer ver que "reverter esta situación é posíbel" se existe "compromiso". "Entre todas e todos podemos rectificar a historia e garantir futuro para Galiza e o galego", agregan para animar a acudir ao evento e, previamente, a secundalo a través do seu sitio web.