Son Goku inspira a Queremos Galego: á rúa o 23F por unha "lingua vital"

Celia Armas e Marcos Maceira, intervindo na presentación da manifestación de Queremos Galego convocada para o 23 de febreiro, este 29 de xaneiro en Santiago © Eva Fernández Prieto / Queremos Galego

"Do mesmo xeito que Rosalía inaugurou o rexurdir da lingua galega na literatura, o día do seu nacemento comezará o rexurdir do noso idioma co compromiso e implicación do pobo galego"

Tras o éxito de convocatoria do acto co que o pasado novembro reclamou "un cambio de rumbo" na política lingüística e despois dunha xeira de plenarios por todo o país, Queremos Galego volve á rúa. Farao cunha manifestación nacional en Santiago nunha data simbólica, o Día de Rosalía. Un 23 de febreiro para o que a plataforma se inspira no que foi todo un referente na normalización lingüística para varias xeracións: Son Goku.

Baixo o lema Lingua vital xa!, que remite inevitablemente á onda vital do protagonista das Bólas Máxicas, Queremos Galego explica que quere "animar a cidadanía a transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora". Esa forza, manteñen, pretende "reaxir" fronte ao que, temen, pode ser "un pacto do enterro do galego", en referencia á reformulación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega lanzada pola Xunta.

Presentación da manifestación de Queremos Galego, este 29 de xaneiro de 2025 en Santiago © Eva Fernández Prieto / Queremos Galego

"Do mesmo xeito que Rosalía inaugurou o rexurdir da lingua galega na literatura, o día do seu nacemento comezará o rexurdir do noso idioma co compromiso e implicación do pobo galego", mantén a coordinadora da plataforma, Celia Armas. Para facilitar a participación na mobilización, avanzan, organizarán un servizo de autobuses cara a Compostela dende diversas localidades.

A plataforma anima a cidadanía "a transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora" mentres teme que a Xunta mude a revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua "nun pacto do enterro do galego"

A manifestación, explican, chegan nun contexto marcado pola revisión do PXNLG e, consideran, tamén polo propio efecto do acto de Queremos Galego en novembro. Tras ese encontro, explica o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, o conselleiro de Cultura e Lingua "accedeu por fin" a recibir a organización, que "amosou a súa disposición a colaborar na reactivación" do Plan. Pero tamén "pediu que a Xunta amosase compromiso" cuns "puntos mínimos e urxentes".

Esa reclamación estará tamén presente na manifestación do 23F e pasa por eliminar "restricións ao galego no ensino", "asegurar a oferta positiva en todos os servizos públicos e privatizados" ou "potenciar o papel normalizador da CRTVG". Pero, lamentan, coidan que a intención última do Goberno non é "avaliar o cumprimento" do Plan e "actualizalo onde for preciso", senón "deseñar un novo Plan á medida de Rueda, para derrogar a oficialidade formal do galego".

"Non só non están a traballar para eliminar as liñas vermellas, senón que están impoñendo outras novas", coida Maceira, que sinala como mostra máis evidente a inminente aprobación "dunha lei que abre a porta a que a TVG deixe de usar a nosa lingua". Para un eventual "pacto perverso de rendición e morte do idioma" que "non conten connosco", advirte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.