O chamamento á manifestación do vindeiro sábado 17 de maio, impulsado por Queremos Galego, foi apoiado por representantes de BNG, PSdeG, Alternativa dos Veciños, Compostela Aberta, Sada maioría, Movemento Salceda e Apin, que amosaron a súa disposición "para aplicar os acordos comúns, amplos e que unen ao conxunto do pobo galego"
Alcaldesas, alcaldes e concelleiros e concelleiras de corporacións municipais de varias localidades de Galicia sumáronse este sábado en Compostela á declaración Concellos coa lingua galega, promovida pola plataforma Queremos Galego. O chamamento á mobilización do próximo sábado 17 de maio foi apoiado por representantes de BNG, PSdeG, Alternativa dos Veciños, Compostela Aberta, Sada maioría, Movemento Salceda e Apin, que amosaron a súa disposición "para aplicar os acordos comúns, amplos e que unen ao conxunto do pobo galego".
A presentación pública da Declaración, que se celebrou na alameda de Santiago, contou coa lectura do texto por parte de Tareixa Navaza. No acto, o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, salientou que "a emerxencia lingüística activou o pobo galego na reclamación do cumprimento e asunción dos compromisos aos que chegamos conxuntamente, con ampla participación, sen exclusións e sen vetos".
A manifestación convocada por Queremos Galego en Compostela saírá ás 12 horas da Alameda e acabará cunha grande foliada pola lingua na Praza do Obradoiro nunha "homenaxe masiva á lingua e a cultura popular que se mantivo viva na voz das cantareiras”.
A presentación pública da Declaración, que se celebrou na alameda de Santiago, contou coa lectura do texto por parte de Tareixa Navaza
Maceira lembrou a multitudinaria manifestación que tivo lugar o pasado mes de febreiro e afirmou que a sociedade galega "volverá amosar a súa postura común na defensa da lingua" o vindeiro 17 de maio, "día da nosa lingua, no que tamén arrancará o proceso social Lingua Vital para dotármonos de ferramentas que transformen a vontade de plena normalidade en realidade e garantías".
"A case 45 anos de conquista da oficialidade da súa lingua polo pobo galego, podemos afirmar que a causa da emerxencia lingüística está no incumprimento e boicot dos acordos por quen tiña que aseguralos no ensino, na administración, na xustiza, na saúde ou na cultura", denunciou o tamén presidente da Mesa.
No acto, o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, salientou que "a emerxencia lingüística activou o pobo galego" e dixo que "este 17 de maio ten que ser o que encarreire a todas as institucións galegas e nomeadamente á Xunta á irrenunciábel defensa e reposición da lingua"
Maceira afirma que, "perante a mobilización social que comezou en novembro, o Partido Popular viuse na obriga de mudar de aparencia", e recorda que "só o farán realmente se seguimos reaxindo con enerxía fronte a emerxencia lingüística".
Por iso, insiste en que "este 17 de maio ten que ser o que encarreire a todas as institucións galegas e nomeadamente á Xunta á irrenunciábel defensa e reposición da lingua que lle dá sentido". "Coa forza que se verá nas rúas o 17 de maio e coa vontade que hoxe manifestades de acompañala sempre, é posíbel mudar o rumbo", conclúe.
