Un modelo educativo piloto e voluntario co galego como lingua vehicular. Esa foi unha das propostas fundamentais da xornada “Educación e socialización”, coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) puxo en marcha o proceso Un país coa súa lingua. Foro participativo.
Unha medida piloto, como explica o CCG, "que posibilite unha liña de ensino voluntaria na que o galego teña máis presenza, que se desenvolva con carácter experimental, de modo voluntario e consensuado entre todos os axentes implicados (familias e centros) coa finalidade de ser implementada para compensar a menor presenza social do galego".
A xornada sobre educación e socialización do foro do CCG sobre lingua propón un modelo educativo piloto e voluntario no que o galego sexa vehicular
Foi, así, a primeira mesa do foro a que apuntou á implantación deste "proxecto piloto de enriquecemento lingüístico co galego como lingua vehicular". A iniciativa parte do obxectivo compartido de que o ensino debe "garantir a adquisición de competencias lingüísticas —e, polo tanto, posibilidades de usos— equivalentes en galego e castelán, algo que non se estaba a producir segundo as últimas cifras publicadas na Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego realizada polo Instituto Galego de Estatística".
Ana Iglesias, experta e docente en conciencia lingüística e didáctica da lingua, indicou que “os expertos sinalan que experiencias previas noutros lugares e as escasas aplicadas en Galicia dan resultados moi positivos, tanto desde o punto de vista lingüístico, coma no rendemento académico”. A medida piloto proposta tería carácter experimental, implantaríase de modo voluntario e consensuado nos centros de ensino que acorden poñelo en marcha e só para as familias que voluntariamente queiran participar nel.
“Os expertos sinalan que experiencias previas noutros lugares e as escasas aplicadas en Galicia dan resultados moi positivos"
Deste xeito, explica o CCG, outórgalles aos centros maior autonomía e ás familias a posibilidade de "escoller como se educan os nenos e nenas". Aos 3 ou 4 anos avaliaríanse os primeiros resultados de adquisición de competencia e posibilidade de usos lingüísticos, para así facer unha valoración obxectiva de vantaxes, desvantaxes, fortalezas ou debilidades deste modelo. A medida, ademais, permitiría "canalizar a demanda de familias que desexan un modelo que mellore as competencias lingüísticas bilingües ou un maior peso do galego no ámbito educativo", tal e como figuraba na recente enquisa promovida pola Xunta de Galicia sobre Percepción social do galego.
No marco da xornada tamén se abordaron outras propostas como a recuperación do programa Preescolar na casa. Ademais, púxose énfase en reforzar a presenza do galego en ámbitos escolares non lexislados polo decreto, que son competencia das asociacións de nais e pais (ANPAS) como o plan madruga, o comedor escolar, as saídas académicas, as actividades extraescolares e as asociacións deportivas.
O foro propuxo tamén recuperar Preescolar na casa, reforzar o galego nas actividades extraescolares ou mellorar o orzamento dos equipos de dinamización
Unha campaña publicitaria positiva que permita ver os beneficios de criar en galego, mellorar notablemente as condicións e o orzamento dos equipos de dinamización da lingua dos centros de ensino, así como coordinar a súa xestión e ofrecerlles formación específica son outras das medidas concretas que se achegaron no marco desta sesión.
Estas propostas xurdiron ao fío de iniciativas que Rosa Moreiras, Ana Iglesias ou Alberto Pombo expuxeron ao inicio da sesión, como Aquí tamén se fala, o proxecto Apego, ou Modo Galego, Actívao!, que están a funcionar con éxito en Galicia.
Por outra banda, a presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na inauguración do foro que se abre "un debate para propiciar consensos no marco do noso labor asesor e consultivo". "Pedimos que todo o país estea unido en favor da súa lingua”, dixo. Pola súa parte, a vicepresidenta do CCG e coordinadora do proceso, Dolores Vilavedra, explicou que en outubro haberá un documento final "con propostas concretas de aplicación inmediata”.
O foro continúa o 20 de marzo, cunha mesa coordinada por Alba Nogueira e co título Administración, xustiza e servizos públicos.