A lingua é vital para Galiza

Manifestación convocada por Queremos Galego o 17 de maio de 2025 CC-BY-NC-SA Ana G. Liste

Co convencemento de que a emerxencia lingüística é reversíbel, reclamámoslle á Xunta, máxima responsábel da política lingüística en Galiza, e ao conxunto de poderes públicos, que mudasen de actitude e se comprometesen co seu deber de promover a normalización do noso idioma

Os datos sobre uso do galego que o IGE fixo públicos en outubro do 2024, certificaron a situación de emerxencia lingüística que numerosas entidades sociais, agrupadas en torno á plataforma cidadá Queremos Galego, viñan denunciando reiteradamente. Non se podía esperar outra cousa da exclusión do galego de tantos espazos da vida social e as limitacións ao seu uso.

Co convencemento de que a emerxencia lingüística é reversíbel, reclamámoslle á Xunta, máxima responsábel da política lingüística en Galiza, e ao conxunto de poderes públicos, que mudasen de actitude e se comprometesen co seu deber de promover a normalización do noso idioma garantindo o dereito a vivir nel e cumprindo todos os acordos tomados e asumidos colectivamente.

Mais tamén nos propuxemos asumir a propia responsabilidade, a colectiva e a de cada entidade social no seu ámbito, porque é moito o que podemos facer e asumir fóra do desleixo da Xunta e porque esa tamén é a maneira de obrigar os gobernos a asumir o seu deber respecto ao idioma galego.

Así, o 25 de novembro de 2024 unha multitudinaria asemblea ratificou puntos mínimos e medidas urxentes asumidos amplamente por organizacións políticas, sindicais, culturais, de pais e nais, veciñais, deportivas, colexiais... para mudar o rumbo do galego. O 23 de febreiro a praza do Obradoiro foi un clamor unánime a favor da concreción práctica dunha alternativa real para o noso idioma que se expresaría de novo o 17 de maio, en que se deu a coñecer o proceso social Lingua Vital. 

O 14 de marzo a plataforma cidadá Queremos Galego presentará o Protocolo Lingua Vital, o resultado do traballo conxunto entre entidades sociais plurais e diversas xunto a persoas procedentes de todos os ámbitos da vida social, que debateron sobre máis de 1300 propostas

No entanto, a Xunta só actou para contestar o movemento social. Nun primeiro momento facendo ver unha suposta intención de viraxe, desenmascarada pola súa propia opacidade, unilateralidade e acción gubernamental contra calquera avance na normalización. Nos 16 meses que pasaron desde que coñecemos os datos do IGE a Xunta non só incumpriu o único compromiso adquirido publicamente, o do autopacto pola lingua antes de rematar o 2025. Neste mesmo tempo, aproveitou para legalizar a eliminación do coñecemento de galego para formar parte das listas de contratación pública, abrir a porta a deixar de usar o galego na TVG, boicotar a oficialidade do galego no UE, rexeitar a adhesión de Galiza á UNESCO, aprobar unha lei de Intelixencia Artificial excluínte co idioma, aprobar uns orzamentos que destinan ao galego un 40% menos que os últimos do PP de Fraga, impeden a aplicación do PXNLG, non prevén recursos para a tradución ao galego de programas como Atenea ou que persisten nos recortes á actividade normalizadora nos centros. Aliás, promoveu campañas en castelán nos centros educativos, mantivo o decreto contra o galego no ensino, o uso do castelán como lingua por defecto nas webs públicas e continuou o maltrato á edición en galego e o desprezo á música en galego en festivais sostidos con fondos públicos. Por suposto, retiroulle calquera autonomía ao IGE para nunca máis os datos poren a súa política en evidencia, en relación á lingua ou a calquera cuestión obxecto de estudo estatístico. Un novo recorde de tempo na agresividade do PP e da Xunta contra o seu propio idioma. 

Non ficamos impasíbeis. Para asegurar o futuro para o galego activámonos para definir medidas claras para actuarmos e avanzar. Non puideron impedir que entre todas e todos desactivásemos a bomba de Altri. Non poderán impedir que xuntas e xuntos, co noso compromiso diario, construamos un outro camiño para o idioma de Galiza.

Temos toda a disposición para reaxir perante a deserción da Xunta e dirixirmos a nosa enerxía colectiva a garantir os obxectivos comúns, asegurando o dereito de uso do galego e o deber de correspondelo con presenza e disposición en todos os ámbitos, responsabilizándonos conxuntamente de facelo efectiva

O 14 de marzo a plataforma cidadá Queremos Galego presentará o Protocolo Lingua Vital, o resultado do traballo conxunto entre entidades sociais plurais e diversas xunto a persoas procedentes de todos os ámbitos da vida social, que debateron sobre máis de 1300 propostas achegadas por asembleas comarcais e colectivos de todo tipo, para avaliar e cumprir os obxectivos comúns fixados no PXNLG de 2004, a lei Paz Andrade e outros documentos internacionais como a Carta europea de linguas rexionais e minorizadas ou a Declaración universal dos dereitos lingüísticos. 

Este protocolo definirá o que debemos reclamar dos poderes públicos e eles deben corresponder mais tamén asumir a propia responsabilidade para asegurala sempre coa nosa acción, recuperar espazos e gañar falantes. Precisamos feitos e que se cumpran e concreten todos os acordos nacionais e internacionais a favor do galego.

Non será sinxelo, nin inmediato. Mais temos toda a disposición para reaxir perante a deserción da Xunta e dirixirmos a nosa enerxía colectiva a garantir os obxectivos comúns, asegurando o dereito de uso do galego e o deber de correspondelo con presenza e disposición en todos os ámbitos, responsabilizándonos conxuntamente de facelo efectivo. A emerxencia lingüística require compromisos amplos. E se todo saír ben?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.