Durante varios meses, a plataforma cidadá Queremos Galego levou a cabo o proceso social Lingua Vital, na que entidades e colectivos sociais, culturais, sindicais ou veciñais, entre outros, de toda Galicia debateron e recolleron achegas co obxectivo de "reconducir a situación da lingua galega" e "mudar o seu rumbo".
Queremos Galego convoca en Santiago unha asemblea aberta para presentar as conclusións do proceso 'Lingua Vital'
A través de grupos de traballo sectoriais, numerosas agrupacións e persoas a nivel particular debateron durante semanas sobre o incumprimento dos acordos e leis que deberían garantir o avance na normalización do galego (Plan Xeral de Normalización, Lei Paz Andrade, Carta Europea das Linguas ou a propia Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos) para propor "accións concretas" que comprometan a colectivos sociais, institucións e administracións na súa execución a partir de acordos unánimes.
Foron case 60 as entidades sociais (57 en total, co apoio de 396 colectivos) as que participaron neste proceso do que saíu o protocolo de actuación Lingua Vital, documento elaborado por máis de 100 persoas activas nos ámbitos dos dereitos lingüísticos, a calidade da lingua, servizos públicos, ensino, sociedade e economía, medios de comunicación, novas tecnoloxías, cultura e acción exterior. Un informe elaborado a partir das máis de 1.300 achegas e propostas procedentes das asembleas convocadas en todas as comarcas.
O protocolo de actuación que se presentará foi elaborado por máis de cen persoas a partir das máis de 1.300 achegas nun proceso no que se implicaron case 60 entidades sociais
Logo de todo o traballo, as conclusións do proceso Lingua Vital serán presentadas por Queremos Galego este vindeiro sábado 14 de marzo nunha asemblea aberta que se celebrará na Praza da Quintana de Santiago ás doce do mediodía. O acto, como explicou o voceiro da plataforma cidadá, Marcos Maceira, "marcar un punto de inicio para que entidades sociais, concellos, deputacións e a propia Xunta teñan claro que medidas cómpre desenvolver".
Será o resultado dun proceso "amplo, plural e participativo na procura de solucións efectivas para o idioma procuradas a través do encontro e a colaboración para reverter a emerxencia lingüística, co convencemento absoluto de que é reversíbel e de que existe moito futuro para o noso idioma", como destacara a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas.
O documento propón fomentar un galego de calidade, a súa normalización en todos os servizos públicos, instauralo como vehicular no ensino ou a derrogación do decreto do plurlingüismo
O protocolo que será presentado este sábado, aprobado definitivamente o pasado 7 de febreiro, propón, entre outras medidas, avances normativos para a oferta positiva e a extensión e información sobre dereitos lingüísticos, a necesidade de fomentar unha lingua de calidade, a consolidación do galego como a lingua normal, predeterminada e plenamente operativa en todos os servizos públicos, a derrogación do decreto contra o galego no ensino xunto a un calendario de aplicación de medidas para facer do galego a lingua vehicular. Tamén o apoio institucional e social ao uso e promoción do galego nos territorios de lingua galega situados fóra da comunidade autónoma, así como accións destinadas a afondar nos vínculos coa lusofonía.
"Máis presións aos poderes públicos"
As propostas chegan nunha época, como destaca Queremos Galego, de "emerxencia lingüística" e ano e pouco despois de que os últimos datos do IGE certificasen o devalo no uso do galego a todos os niveis. Así, desde a plataforma lémbrase que desde aquela eliminouse o coñecemento de galego para entrar nas listaxes de contratación pública, abriuse a posibilidade de que a TVG deixe de usar o galego e a Xunta rexeitou a oficialidade do galego na UE ou a entrada de Galicia na UNESCO, entre outras iniciativas.
“A presentación do protocolo abrirá unha nova etapa na que as entidades sociais aumentarán a presión aos poderes públicos coa súa propia actuación con medidas claras e definidas colectivamente”, asegura Marcos Maceira respecto do acto do vindeiro sábado.
"Este protocolo definirá o que debemos reclamar dos poderes públicos e eles deben corresponder mais tamén asumir a propia responsabilidade"
O resultado dunha iniciativa froito, como explicou Maceira neste artigo en Praza.gal, do convencemento da necesidade tamén de "asumir a propia responsabilidade, a colectiva e a de cada entidade social no seu ámbito". "Porque é moito o que podemos facer e asumir fóra do desleixo da Xunta e porque esa tamén é a maneira de obrigar os gobernos a asumir o seu deber respecto ao idioma galego", explica.
"Este protocolo definirá o que debemos reclamar dos poderes públicos e eles deben corresponder mais tamén asumir a propia responsabilidade para asegurala sempre coa nosa acción, recuperar espazos e gañar falantes. Precisamos feitos e que se cumpran e concreten todos os acordos nacionais e internacionais a favor do galego", conclúe Maceira.