"Só queremos reunirnos co xerente da área sanitaria e o director do hospital para falar das listas de espera reais e como abordar a súa diminución", explica a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza
"Só queremos reunirnos co xerente da área sanitaria e o director do hospital para falar das listas de espera reais e como abordar a súa diminución". A voceira da Plataforma en defensa da sanidade pública da comarca da Barbanza, Marián Rodríguez, resumía deste xeito o pasado 23 de abril, tras a primeira noite de peche no hospital de Ribeira, as razóns da súa mobilización. Unha semana despois, tras a sétima noite, nada mudou e advirten: "Seguiremos aquí ata que se dignen a falar connosco".
Pasaron xa, explican, máis de 800 días "dende que solicitamos por primeira vez reunirnos co xerente de área e o director do hospital". E a ausencia de respostas para "reclamar transparencia nas listas de espera e axilización das mesmas" levou a plataforma a decidir un peche que, a xuízo do Sergas, non está xustificado. "Fala de que dende unha visión rigorosa e baseada en datos obxectivos" existe unha "xestión resolutiva", explica a plataforma, citando as respostas oficiais.
Sostén a veciñanza mobilizada que "aos datos oficiais, polo menos os que se fan públicos", fáltalle "unha parte moi importante, a das segundas consultas e a das probas diagnósticas solicitadas nelas" que "en ocasións supoñen unha demora de máis dun ano". "Estes son datos obxectivos que puidemos ver nas pantallas dos móbiles dalgunhas persoas que se achegaron ao noso peche estes días, abrindo a aplicación e-saúde dos seus móbiles. Sabemos que non se trata de casos illados", explican.
"Non nos vale que o señor director reciba media ducia de pacientes cada día para tratar de axilizar os seus casos mentres nos estamos aquí, levado pola presión da nosa presenza"
No que atinxe á espera cirúrxica, explican, o balance máis recente de Sanidade sitúa a agarda no hospital ribeirense por baixo dos seis meses. "Pero hai que ter en conta que iso fai referencia ao tempo que as persoas levan agardando dende que se determina que deben ser operadas" e "sabemos que cando se decide intervir o paciente leva xa meses ou anos de vía crucis para conseguir primeiro unha cita co seu médico de familia, a continuación co especialista hospitalario, despois para probas diagnósticos, e por último as que mais demoran teñen, a da revisión co especialista hospitalario. Demoras que se suman a demoras mentres a nosa saúde se deteriora".
Neste contexto, lamentan, "néganse a recibirnos e non queren dialogar connosco". "O director -engaden- díxonos que so recibiría queixas individuais" e "pensamos que iso é un parche" para un "problema estrutural". "Non nos vale que o señor director reciba media ducia de pacientes cada día para tratar de axilizar os seus casos mentres nos estamos aquí, levado pola presión da nosa presenza", "queremos avances reais no noso hospital" e por iso "agardamos que cambien de opinión, entren en razón e nos reciban", conclúen.