As máis de 200.000 persoas anotadas nas listas de espera de medicina especializada no Sergas rexistran unha demora media duns dous meses, pero en trece servizos o atraso é superior a un trimestre
A publicación de datos de listas de espera adoita dirixir a atención mediática e política, sobre todo, cara ás cifras da demora cirúrxica, que no peche de 2025 foron no Servizo Galego de Saúde as máis elevadas do último trienio, segundo a información divulgada por Sanidade a mediados deste mes. Pero eses datos chegan con outros anexos, os que reflicten a espera oficial para acceder a unha consulta externa nalgún dos complexos hospitalarios do país, para ir ao especialista, lista que a 31 de decembro estaba composta por 205.248 persoas, case nove mil máis que un ano antes.
O dato medio xeral para toda Galicia situouse na contorna dos dous meses, 62,6 días. Supuxeron un lixeiro incremento interanual -o dato de finais de 2024 foi 60,8- nun contexto no que o Sergas se felicitou por rexistralo nun panorama marcado polas folgas médicas e tras un ano no que foron atendidas, resaltou o conselleiro Antonio Gómez Caamaño, 77.455 persoas máis ca en 2024.
Canda esa estabilidade xeral dos datos están tamén, así e todo, os indicadores dos servizos nos que as consultas externas marcan demoras medias moi por riba da media. Encabézanos, desta volta, os servizos de Neuroloxía na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e o de Oftalmoloxía na área de Lugo, cunha media de 126 e 123 días de espera, respectivamente.
O servizo con máis demora rexistraba hai un ano unha espera media duns 160 días e actualmente o máis atrasado está en 126
No caso das consultas neurolóxicas na área de Pontevedra ese indicador é o resultado dun incremento de apenas tres días en relación á espera media coa que pechara 2024. Mentres, os pacientes oftalmolóxicos da área de Lugo teñen que agardar agora case dous meses máis que hai un ano.
Canda estas dúas especialidades hai outra media ducia por riba dos cen días. Trátase dos servizos de Rehabilitación en Ourense e Ferrol, Neuroloxía e Anestesioloxía en Lugo e mais Psiquiatría e Alergoloxía na área de Vigo. Así e todo, as demoras máis elevadas do sistema tamén implican unha melloría relativa a respecto de hai un ano: se agora a especialidade con máis espera se sitúa en 126 días (Neuroloxía en Pontevedra), a finais de 2024 a que arrastraba máis demora, Cardioloxía en Lugo, achegábase aos 160 días -actualmente está nunha media de 81,5-.
Trece por riba dos tres meses
Estas especialidades coas demoras máis elevadas do Sergas forman parte dun conxunto de ata trece servizos nos que, dende a inserción oficial na lista de espera ata a consulta pasan, de media, máis de tres meses. Canda ás devanditas, as que superaban os cen días, tamén teñen esperas superiores ao trimestre tres servizos na área sanitaria de Lugo (Nefroloxía, Traumatoloxía e Uroloxía), un en Vigo (Traumatoloxía) e outro en Ferrol (Otorrinolaringoloxía).
Menos dunha semana
En varios servizos oncolóxicos á espera media é inferior a sete días
Na banda contraria destas esperas máis elevadas están as especialidades cuxas consultas hospitalarias destacan pola unha reducida demora ata situarse no remate de 2025 nunha media inferior a unha semana. Trátase de trece especialidades nas que destacan varias vinculadas cos tratamentos oncolóxicos.
Sempre segundo os datos oficiais do Sergas, o dato máis positivo é o das consultas externas de Oncoloxía Médica en Ferrol, onde segundo os datos oficiais non existían persoas en lista de espera no momento de pechar o ano. Outra especialidade en Ferrol, Dixestivo, presentaba unha demora dun só día e dúas en Lugo, Obstetricia e Oncoloxía Médica, apenas superaban os dous días.