A espera cirúrxica é a maior en tres anos no Sergas, que culpa as folgas e o Goberno de España

Gráficos coa evolución das listas de espera por área sanitarias, sobre unha imaxe dunha operación no Álvaro Cunqueiro de Vigo CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza.gal

As persoas incluídas na lista de espera cirúrxica estrutural -tecnicamente, a "atribuíble á organización dos recursos dispoñibles", que exclúe pacientes coma os que se negan a ser derivados á privada- do Servizo Galego de Saúde finalizou 2025 cunha demora media de 72,8 días que se elevan a 73,9 no caso de non incluír na media o hospital privado-concertado Povisa. É o dato máis elevado dos últimos tres anos e mantén os indicadores xerais aínda máis lonxe dos acadados antes da pandemia da COVID-19 cando caeran ata 54 días e medio.

A demora media para unha operación sobe ata os 72,8 días; son 5,7 máis que hai un ano e o conselleiro atribúeo aos "paros de facultativos no mes de decembro contra o Estatuto Marco"

A Consellería de Sanidade presentou este 12 de marzo os datos correspondentes ao peche do ano pasado e fíxoo con dous argumentos fundamentais. Un, o incremento no número total de operacións realizadas polo Sergas ao longo do ano: 207.409 que supoñen 2.580 máis que en 2024. E outro, a atribución do "aumento dos tempos de espera" a "principalmente, os paros de facultativos do mes de decembro contra o Estatuto Marco", isto é, ás folgas contra unha decisión dependente do Goberno de España, mobilizacións que non obstante os convocantes dirixen tamén ás políticas sanitarias da Xunta.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, os devanditos 72,8 días de media supoñen incrementar o dato do primeiro semestre, algo menos de 70 días. E supón subir aínda máis en relación ao peche de 2024, cando a demora media se situou en 5,7 días menos que agora.

O incremento dispárase case 20 días na área de Santiago, que eleva o seu total ata 92, a maior demora de Galicia

Por áreas sanitarias o maior incremento interanual da demora media para acceder a unha operación cirúrxica é a de Santiago-Barbanza. Cunha suba de 18,5 días chega aos 92, o que a sitúa tamén como a que presenta un dato de espera máis elevado entre as sete áreas nas que se organiza o sistema sanitario público galego.

O seguinte maior incremento é o da área de Vigo, con nove días e medio máis que a finais de 2024. Os datos increméntanse por riba da semana adicional de demora tamén en Ferrol e en Lugo e só dúas áreas melloran os seus datos: faino minimamente a da Coruña-Cee -queda en 78,2 días de media, o segundo peor dato de Galicia- e de maneira máis significativa a de Ourense, con 61,1 días, unha diminución de 8 días.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, desliga este incremento da xestión do seu departamento e atribúea integramente á "incidencia das folgas". Asegura Caamaño que "a 30 de novembro o tempo medio de espera para unha cirurxía era inferior ao mesmo período do ano anterior en 1,1 días e finalmente pechouse decembro con 5,7 días máis". Eses datos non son públicos, o cal fai incomprobable a afirmación do titular do departamento sanitario do Goberno galego, que acompaña esta avaliación cun "chamamento" á ministra de Sanidade, Mónica García, para que "escoite, dialogue e chegue a acordos cos médicos"

Case 50.000 persoas a agardar

As operacións de prioridade 1, "as que non poden agardar", aténdense nunha media de 20 días, 3,1 máis que doce meses antes

De volta aos números, no remate do ano pasado cumpría esperar máis e tamén había máis pacientes a agardar: un total de 49.554 en lista estrutural, 1.219 máis que doce meses antes. O incremento tamén se reflicte ao debullar os datos por prioridades: os tres niveis definidos en función, fundamentalmente, da gravidade da patoloxía.

As operacións de prioridade 1 -as "que non poden agardar", resume o conselleiro-, para as que a lexislación estatal fixa un tope de 30 días, teñen agora como demora media 20,2 días, 3,1 máis que doce meses antes. As de prioridade 2 -non máis de 90 días para non incumprir a lei- elévanse a 72,9 días (6,1 máis) e as de prioridade 3 chegan a 75,7 días (5,8 máis).

Neste sentido, as operacións de prioridade 1 realizadas durante 2025 foron por segundo ano consecutivo máis de 27.000. Foron, concretamente, 27.560, case duascentas menos que en 2024 pero 2.563 máis que en 2023.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.