250 cirurxías e 12.300 consultas suspendidas polo impacto da folga médica que o Sergas reduce ao 20%

Persoal médico nun hospital galego CC-BY-SA Xunta

A primeira das xornadas de folga convocadas por organizacións médicas provocaron a paralización de 13.200 procesos asistenciais en Galicia, segundo informou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que "urxiu" o Ministerio de Sanidade a "dialogar" sobre o Estatuto Marco propio que pretenden os facultativos para "acabar" co paro. 

Malia que a propia Consellería reducira o seguimento desa folga ao 18,2% na quenda de mañá na sanidade galega —unha incidencia que este mércores elevou ao 21,25%—, Gómez Caamaño advertiu do "impacto" que catro días de folga poden "supoñer en tempos de espera para os pacientes" e resumiuno na afectación deste pasado martes. 

O paro do pasado martes supuxo, segundo detallou, a suspensión de máis de 250 cirurxías, 625 probas non realizadas, 6.900 consultas hospitalarias canceladas, así como que se suspendesen 5.400 consultas de atención primaria.

O conselleiro Gómez Caamaño, no centro, durante a reunión telemática cos xerentes das áreas sanitarias CC-BY-SA Xunta

O conselleiro, xunto ao xerente do Sergas, José Ramón Parada, e ao director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, mantivo un encontro de traballo telemático cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga estatal contra a "reforma do Estatuto Marco promovida polo Goberno central".

Caamaño "urxe" o Goberno central a "dialogar" sobre o Estatuto Marco e a que "seguir o exemplo" da súa Consellería para deter a folga

Segundo Caamaño, o forte impacto que na actividade asistencial tivo o paro de onte agárdase que sexa maior este mércores, no que cifra o seguimento en máis do 21%, arredor do 27% en atención hospitalaria e do 6% na atención primaria. 

Xa que logo, e malia que o Sergas reduce a arredor do 20% de media a porcentaxe de persoal médico que secundou a folga nestes dous días, a Consellería advirte dunha afectación importante que a obriga a "traballar para a reorganización asistencial necesaria para atender e reprogramar a actividade suspendida o antes posible". 

Así, Caamaño insistiu na súa "preocupación" polo impacto no "normal desenvolvemento" da actividade nun "momento do ano especialmente complexo, no que a asistencia está condicionada polas festas do Nadal e pola vaga de gripe que está en claro ascenso". 

Ademais, advertiu que xa pediu ao Ministerio que "seguise o exemplo" da súa Consellería e "tentase negociar cos representantes dos traballadores para evitar este paro médico en toda España", en referencia ao acordo que en atención primaria logrou con parte dos sindicatos e organizacións, pero que non impediu un paro de tres días cuxo seguimento reduciu ao mínimo entre acusacións de "manipulación" dos datos. 

Intervención cirúrxica nun hospital do Sergas CC-BY-SA Xunta

"A ministra prefire alentar a conflitividade laboral sen ter en conta as consecuencias en termos de espera para os pacientes, xa que ao final quen padece as consecuencias deses paros son as comunidades autónomas e os pacientes que atenden os sistemas sanitarios públicos autonómicos", dixo Caamaño. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.