A receita do Sergas para minguar as folgas: contar a quen ten imposible secundala

Persoal sanitario, fronte a un centro de saúde en Monforte pola folga na atención primaria CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

A finais de novembro, as tres xornadas de folga convocadas na atención primaria por CIG-Saúde e O'Mega —apoiadas por asembleas de médicos e algunhas sociedades científicas e organizacións profesionais— volveron ter un seguimento moi dispar segundo quen fixese a avaliación. 

Mentres os sindicatos advertían dun "importante seguimento" da folga, o Sergas reducíao a cifras extremadamente baixas e mesmo a nulo nalgunha área sanitaria

A central nacionalista —sindicato maioritario no Sergas— advertiu dun "importante seguimento" dos paros e das protestas "numerosas" que tiveron lugar en diversos puntos de Galicia, mentres que profesionais sanitarios, especialmente persoal médico, gabábanse dun amplo apoio aos paros. 

No entanto, os datos facilitados pola Consellería de Sanidade non concordaban en nada nin coas declaracións sindicais, nin co balance de moitos profesionais de maneira particular. Tampouco coas imaxes de persoal sanitario concentrado ás portas de centros de saúde e dos PAC. Máis ben ao contrario, os números só denotaban o rotundo fracaso da convocatoria. Porque as táboas que o Sergas usa para contabilizar o seguimento, algunha delas comprobada por Praza.gal, inclúe entre o persoal que non vai á folga traballadores ausentes ou en servizos mínimos; profesionais que teñen imposible secundala. 

Concentración de persoal sanitario en Foz pola folga na atención primaria CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

Segundo as cifras facilitadas polo Sergas, en ningunha das seis quendas da folga —de mañá e tarde cada un dos tres días— se superou o 7% do seguimento no conxunto de Galicia, sendo a mínima porcentaxe a do 3,5% na tarde do día 27. 

Ademais, e segundo estes mesmos datos, na área de Ourense, por exemplo, teríanse dado en varias ocasións seguimentos que roldaron o 1%, mentres que na de Lugo, A Mariña e Monforte, na tarde do mércores 26 e do venres 28, non tería feito folga ninguén, sempre tendo en conta os comunicados oficiais do Sergas. 

CIG-Saúde e asembleas de médicos acusan o Sergas de "manipular" os datos; O'Mega advirte que as cifras que ofrece "non son reais"

CIG-Saúde acusou a Consellería de Sanidade de "manipular os datos, facilitando cifras de participación sen discriminar o persoal que non pode facer folga e mesmo incluír no cálculo de porcentaxes as persoas traballadoras en ausencia xustificada". O'Mega, pola súa banda, falou de "datos non reais", advertindo tamén de que o Sergas fixo os cálculos "sobre to total do persoal". 

A Asemblea de Médicos de Familia da Área Sanitaria da Coruña, pola súa banda, acusou tamén a Xunta de "manipulación" cos datos e achegou os seus propios cálculos, sinalando que o seguimento real no conxunto da atención primaria na área sanitaria na primeira xornada de folga chegara ao 18%. e que no caso do persoal médico rozara o 60%. O'Mega, pola súa banda, tamén advertiu de que entre os e as facultativas desta mesma área o seguimento do paro fora dun mínimo do 60% e que podía achegarse ao 75%. 

Persoal sanitario mobilizado en Vigo pola folga na atención primaria CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

Todos alertaron de que os cálculos do Sergas fanse sobre o total de profesionais, incluíndo as ausencias xustificadas (baixas, permisos ou vacacións) e aqueles traballadores en servizos mínimos que, aínda apoiando os paros, non poden exercer o seu dereito á folga. O'Mega engadiu outra casuística, os de persoal médico en prórroga que no caso de secundar a protestas pode perder as condicións retributivas mensuais ou anuais acordadas. 

Preguntada por estas acusacións, a Consellería de Sanidade remitiuse ás declaracións do conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, que asegurou que o seu departamento recibe os datos das diferentes áreas sanitarias "e comunícaos, simple e sinxelamente". 

O Sergas calcula a porcentaxe de seguimento da folga sobre o total de profesionais, incluíndo os que están de baixa ou vacacións e os que están obrigados a traballar por servizos mínimos

"Cando unha cifra non interesa sempre se di que se manipula; a cifra é a que é, non entendo por que ten que haber esa discrepancia", dixo, para engadir noutra xornada que o que "si parece manipulación" é "querer dar por feito que unha persoa que está de mínimos ou que está de días libres, ou de vacacións, apoia a folga". 

Sindicatos e organizacións médicas advirten, pola contra, do inexacto e inxusto que é contabilizar como persoas que non secundan a folga aqueles que xa non teñen que acudir ese día ao seu posto de traballo por estaren de vacacións ou de día libre. 

Mobilización de persoal sanitario na Coruña pola folga na atención primaria CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

Unha táboa das que emprega o Sergas para cuantificar o seguimento da folga nunha das áreas sanitarias, á que tivo acceso Praza.gal, confirma ese modus operandi. Neste caso, e nunha das quendas de tarde durante os paros, Sanidade especifica que do total de 25 médicos de familia no cadro de persoal, un deles está ausente de maneira xustificada e 22 están incluídos nos servizos mínimos fixados. Xa que logo, quedan dous profesionais con posibilidade real de facer folga e un deles secundouna, pero as contas da Xunta indican que o seguimento foi do 4%, ao calcular a porcentaxe sobre o total: un facultativo de entre os 25. 

Unha das táboas que o Sergas usa para contabilizar o seguimento da folga amosa como Sanidade inclúe entre quen non apoia a folga a traballadores ausentes ou en servizos mínimos

Así figurou nos datos oficiais feitos públicos aquel día. Fontes sindicais e coñecedoras do procedemento levado a cabo explican que o lóxico sería que o Sergas "indicase que a participación foi do 50% porque unha das dúas persoas que podía facer folga fíxoa". Ademais, explican estas mesmas fontes, "moitas das persoas en servizos mínimos tamén estaban en folga, polo que a participación podía ser moi superior". Pero a Xunta inclúeas sempre no mesmo lado: o dos que non seguen as protestas. 

Esa circunstancia é tamén detallada por profesionais médicos que apoiaron e secundaron a folga, nalgún caso ausentándose na súa xornada, pero que noutros tiveron que cubrir os servizos mínimos, especificando que farían o labor mínimo exixido por estar en paro. Aínda así, explican, foron contabilizados como persoal que non seguiu a convocatoria dos sindicatos. Mesmo participando nas concentracións de protesta. 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, co presidente Rueda o pasado abril en San Caetano CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

"Enorme enfado"

"A maioría dos profesionais que secundaron a folga tiveron que facer servizos mínimos; apoiaron os paros e as reivindicacións pero non foron contabilizados como tal, o que provocou un enorme enfado, especialmente entre o persoal médico, que viu como as súas protestas foron infravaloradas", explican as mesmas fontes, que van máis aló. "Non sabemos se a Consellería é consciente de que estes mesmos médicos e médicas aos que logo vai pedir voluntariedade para cubrir as eivas do sistema son os que se están vendo maltratados e nin tan sequera tidos en conta polo Sergas", engaden, advertindo de que o "clima favorable" que Sanidade debería buscar para o futuro da atención primaria "non é posible actuando así". 

O caso desta área sanitaria é só un máis dos que se deron noutras durante a contabilización do seguimento da folga. Malia que o persoal médico semellaba maioritariamente de acordo coa folga, xa fose con servizos mínimos ou ausentándose do traballo, as cifras que facilitou a Consellería daban a entender que o apoio era practicamente nulo. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.