Sanidade valorou negativamente o seu traballo sen xustificalo e atribuíulle ausencias cando realmente estaba noutro servizo médico sen que se lle indicase o contrario
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que condena o Sergas a readmitir a un médico interno residente (MIR) ao que avaliou negativamente e despediu como represalia por reclamar en varias ocasións dereitos laborais. A sentenza considera que Sanidade non xustificou as valoracións negativas do traballo do MIR e mesmo que lle atribuíu ausencias cando realmente estaba noutro servizo médico sen que se lle indicase o contrario.
Segundo a sentenza agora feita pública, con data do 30 de marzo de avanzada por La Voz de Galicia, o MIR comezou a prestar servizos en cirurxía cardiovascular no hospital de Santiago en maio de 2023. En xuño dese ano presentou unha denuncia ante Inspección de Traballo "pola asignación de gardas e outras condicións de traballo". E en marzo de 2024 presentou unha denuncia ante a Axencia de Calidade do Sistema Nacional de Saúde.
En maio de 2024, na avaliación que se fixo do seu primeiro ano de traballo, "obtén unha cualificación negativa por insuficiencia de aprendizaxe". Avaliación negativa que se repite uns meses despois supoñendo a extinción do seu contrato en setembro.
A sentenza do TSXG salienta que "existen varias reclamacións ou denuncias da parte demandante en conexión temporal coa decisión extintiva pola súa avaliación negativa". Nesa situación, era o Sergas o que "tiña que acreditar unha xustificación obxectiva e razoable" para o despido. Pero non existe esa xustificación.
O tribunal di que non se concreta "cales son as razóns desa insuficiencia de aprendizaxe, a cal parecería estar vinculada coas faltas de asistencia que se sinalan". "Pero os feitos probados tampouco concretan en que días tiveron lugar esas faltas de asistencia coa finalidade de poder valorar a proporcionalidade, e a xustificación ou non, da decisión", engade a sentenza. É máis, a sentenza di que "as supostas faltas de asistencia consisten, en realidade, en que o traballador 'durante os meses de xuño e xullo de 2024 permaneceu en cirurxía vascular e non no servizo de cirurxía cardiovascular'".
O Sergas atribuíu ao MIR unha "actitude totalmente negativa", pero o TSXG di que o fixo "tamén sen unha mínima concreción" que permita desvincular esa valoración das súas denuncias previas
O TSXG di que "non parece que foran tanto as faltas de asistencia ao seu traballo, como o desempeño nun servizo en principio non axeitado, pero iso sen que conste nos feitos probados que a demandada (Sergas) sinalase ao traballador entre os meses de xuño e agosto de 2024, cando tivo lugar o período de desempeño controvertido, que estaba a traballar nun servizo non adecuado".
Igualmente o Sergas atribuíu ao MIR unha "actitude totalmente negativa", pero o TSXG di que o fixo "tamén sen unha mínima concreción desa actitude, que permita considerar a mesma para desvincular a decisión extintiva dos indicios de vulneración da garantía de indemnidade".
Por todo isto, o TSXG declara a nulidade do despedimento e dita a readmisión inmediata co pagamento dos salarios deixados de percibir e unha indemnización por danos de 7.501 euros.