"Usurpáronlle o posto por animadversión persoal": o Sergas é condenado por afastar un xefe de servizo

Complexo hospitalario de Pontevedra, onde ocorreron os feitos © Concello de Pontevedra

Un xulgado considera que o cesamento debeuse a un "funcionamento anormal moi grave, groseiro, intolerable" e que a actuación da Xunta "non foi razoada nin razoable"

O poder xudicial divulgou este mércores unha sentenza que condena o Sergas a indemnizar con 10.000 euros por dano moral a un antigo xefe do servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra que foi apartado do seu posto de xeito inxustificado e "por pura animadversión persoal dalgún dos seus superiores, para poñer no seu lugar a alguén con menos méritos e capacidade, amañando para tal fin o procedemento selectivo convocado". 

Sentenza que condena o Sergas por dano moral por "usurpar" o posto dun xefe de servizo "por pura animadversión" CC-BY-SA Praza Pública

Tras ser cesado do seu posto, o demandante recorreu á xustiza que lle deu a razón e considerou que no seu caso producírase unha "desviación de poder incompatible coa imparcialidade e obxectividade". E con eses pronunciamentos xudiciais na man reclamou á Xunta unha indemnización por dano moral que o Goberno galego lle denegou. Así que tivo que volver recorrer á xustiza e agora a sección do contencioso-administrativo do Tribunal de Instancia de Pontevedra, praza 1, dálle a razón nunha sentenza con data deste martes 10 de marzo. 

O maxistrado considera que coa súa actuación o Sergas causou un dano moral ao demandante e destaca que "as sentenzas que anularon o cesamento puxeron en evidencia un funcionamento anormal moi grave, groseiro, intolerable", así como que a actuación da Xunta "non foi razoada nin razoable". 

Símbolo da xustiza CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza reflicte que cesaron o afectado "para poñer no seu lugar a alguén con menores méritos e capacidade, amañando para tal fin o procedemento selectivo convocado"

"O dano consiste, en esencia, na frustración padecida ao ver que, a pesar de prestar servizo nunha Administración pública que en materia de persoal se ten que rexer polos principios de mérito e capacidade, usurpáronlle o seu posto e degradárono, por pura animadversión persoal dalgún dos seus superiores, para poñer no seu lugar a alguén con menores méritos e capacidade, amañando para tal fin o procedemento selectivo convocado", di a sentenza, que salienta que todo iso sucedeu "na etapa final da súa carreira profesional, tras varias décadas de prestixioso exercicio profesional no máximo nivel de responsabilidade do servizo". 

A sentenza non é firme, pois é susceptible de recurso de apelación ante o TSXG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.