O novo marco normativo para todo o persoal da sanidade pública acordado entre o Ministerio e os sindicatos SATSE, CCOO, UGT e CSIF pon "fin as gardas de 24 horas como norma xeral", inclúe medidas de conciliación e de "estabilidade laboral", pero non concreta melloras retributivas como reclamaba a CIG-Saúde
Máis de tres anos de negociacións remataron este luns coa sinatura do novo Estatuto Marco do Sistema Nacional de Saúde, que regula as condicións laborais de todas as categorías profesionais necesarias para o funcionamento da sanidade pública en todo o Estado.
"Un acordo colectivo construído con mimo desde o diálogo social", salientou a ministra Mónica García, que firmou finalmente este acordo cos sindicatos do Ámbito de Negociación SATSE, CCOO, UGT e CSIF, pero non así coa CIG-Saúde, con representación neste ente como sindicato maioritario do sector en Galicia, e que non apoia o texto definitivo.
O novo marco normativo pon "fin as gardas de 24 horas como norma xeral, que se substitúen por gardas de duración inferior a 17 horas asociadas a descansos e libranzas obrigatorios". Ademais, segundo detalla o Ministerio, establece "unha xornada máxima semanal de 45 horas, inferior ao limiar europeo", e incorpora un "mecanismo de intervención" diante de "situacións de sobrecarga persistente" do persoal.
Entre os "avances", os sindicatos apuntan que no novo marco normativo "promóvese unha xornada laboral, en todas as modalidades, que posibilite unha mellor conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como a exención de realización de quendas durante o período nocturno a maiores de 55 anos, embarazadas, lactancia natural e redución de xornada para o coidado de fillos, sen diminución retributiva".
O Ministerio incide en que se "avanza" en "estabilidade laboral" mediante ofertas públicas de emprego periódicas e "límites á temporalidade", que se facilitarán os "concursos de traslados con convocatorias abertas e permanentes", e que se "actualiza a clasificación profesional, recoñecendo ademais o labor investigador e docente como traballo efectivo".
"Avalamos este acordo, sempre condicionado ao desenvolvemento do sistema retributivo, que este acordo adquire como compromiso ineludible", salientan SATSE, CCOO, UGT e CSIF
"Loitei por algunhas destas reivindicacións cando non era ministra, cando estaba nun hospital. Por iso sei perfectamente de onde vén o enfado, o cansazo e a sensación de inxustiza que acompañaron durante anos a moitos profesionais", asegurou Mónica García na presentación do acordo, que agora pasará polo Consello de Ministros antes de chegar ao Congreso.
Retribucións económicas
"Avalamos este acordo, sempre condicionado ao desenvolvemento do sistema retributivo, que este acordo adquire como compromiso ineludible", destacaron os representantes de SATSE, CCOO, UGT e CSIF na comparecencia deste luns xunto á ministra.
Os sindicatos asinantes do acordo trasladan que "se abrirá un proceso específico de negociación para a definición e desenvolvemento do novo marco retributivo", que tomará como "referencia inicial" propostas xa expostas na mesa do Ámbito.
O proceso negociador da parte retributiva desenvolverase de forma paralela ao trámite da norma, segundo detallan os sindicatos, e "deberá finalizar antes de que remate a tramitación parlamentaria, garantido así a súa aprobación e efectiva aplicación no Sistema Nacional de Saúde".
A falta de concreción da retribución no texto agora acordado é un dos motivos polos que a CIG-Saúde rexeitou pactar co Ministerio. "A ministra volveu propoñer adiar a cuestión das retribucións a un hipotético acordo futuro, que ademais debería ser ratificado polo Goberno, sen datas nin garantías sobre a súa aplicación. Para CIG-Saúde, esta proposta é inaceptábel, xa que suporía un simple cambio de nomenclatura sen efectos reais para o persoal", explica o sindicato galego.
"Non podemos aceptar unha clasificación profesional correcta só no papel, sen impacto real nos salarios", asegura Ana Lestón, da CIG-Saúde
A secretaria nacional de CIG-Saúde, Ana Lestón, lamenta que o texto acordado "non corrixe" a clasificación de categorías profesionais "mal clasificadas" e que, polo tanto, non están a ser retribuídas como lles corresponde. "Non podemos aceptar unha clasificación profesional correcta só no papel, sen impacto real nos salarios", defende, para explicar que estas actualizacións salariais dependerán dos Orzamentos estatais "sen datas nin garantías sobre a súa aplicación".
Así mesmo, Ana Lestón manifesta que a pesar de que o novo Estatuto Marco recolle tanto a xubilación parcial como a anticipada, estas "quedan supeditadas a futuros cambios legais dependentes da vontade doutros ministerios" e a "unha futura negociación dos coheficientes redutores".
Por outra banda, os sindicatos da Agrupación Profesional Por un Estatuto Médico e Facultativo (APEMYF), que reclaman ao Ministerio un marco regulador propio para médicas e médicos, manteñen o inicio da folga indefinida dunha semana de duración ao mes, comezando a semana do 16 ao 20 de febreiro, que en Galicia convocan O'Mega e Simega.