O Sergas sinala o ministerio por unha folga médica que obriga a suspender centos de intervencións

Mobilización de persoal médico ás portas do CHUO en Ourense CC-BY-SA O'Mega

A folga médica deste mércores e xoves contra o Ministerio de Sanidade para reclamar un estatuto propio — convocada por O'Mega e Simega en Galicia, onde tamén reclaman ao Sergas melloras nas súas condicións laborais— comezou cun seguimento do 20% de media nos centros sanitarios públicos do país. 

O Sergas cifra no 20% o seguimento medio da folga, que sobe do 26% nos grandes hospitais

Son os datos que ofreceu a Consellería de Sanidade sobre o paro na quenda de mañá, cun seguimento dispar segundo o centro, ao elevarse por riba do 26% nos grandes hospitais do Sergas, roldar o 16% nos comarcais e non pasar do 6% nos centros de saúde

Por áreas sanitarias, o paro foi secundado por el 16,8 % do persoal médico no CHUAC; el 24,6 % no CHUS; o 22,3% no complexo hospitalario de Ferrol; o 24% no de Lugo; o 27,8% no CHUO de Ourense, ao igual que en Pontevedra, mentres que no CHUVI de Vigo case alcanza o 36%. 

Mobilización de persoal médico ás portas do CHUS en Ourense CC-BY-SA O'Mega

Malia estas cifras moderadas, que os sindicatos médicos sempre elevan pola polémica contabilidade que fai o Sergas dos datos, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, advertiu do "impacto" da protesta a nivel estatal, aproveitando para reclamarlle á ministra Mónica García que arranxe un problema que, dixo, ela "creou cunha reforma que xera un gran rexeitamento entre os profesionais". 

O conselleiro sinala o ministerio pola folga malia que os sindicatos convocantes reclaman tamén ao Sergas melloras nas súas condicións

O conselleiro insistiu en sinalar o Goberno de España e en reclamarlle que busque un acordo cos médicos, mesmo amosando sintonía con este persoal na súa demanda dun estatuto propio e diferenciado do resto de profesións sanitarias. E fíxoo malia que a folga en Galicia non é só contra o ministerio, senón tamén contra o Sergas. 

Mercedes Tallón, portavoz do sindicato O'Mega, lembrouno ás portas do CHUAC, asegurando que as mobilizacións buscan que o Goberno central ofreza un "estatuto propio" que os "represente, recoñeza e axuste unhas xornadas totalmente abusivas", pero que tamén sinalan o Sergas para que se "posicione" e mellore as condicións dunha profesión onde hai, advertiu, "moito descontento e fuga de talento". 

O Sergas recoñece o "impacto" da folga en plena vaga de gripe e enfermidades respiratorias, que obrigou a suspender máis de 200 intervencións

Con colapso e saturación nas Urxencias e longas listas de espera, a folga médica aumenta a presión sobre a sanidade de Galicia. Así, Gómez Caamaño recoñeceu que este paro obriga a suspender parte da actividade dos hospitais e centros de saúde, afectando, polo tanto, ao desenvolvemento dos servizos asistenciais. En concreto dixo que, na mañá deste martes, xa se suspenderan 205 intervencións cirúrxicas

Mobilización de persoal médico no CHUAC da Coruña CC-BY-SA O'Mega

Ademais, o responsable sanitario incidiu en que a folga chega en plena vaga da gripe e das enfermidades respiratorias, cos servizos sanitarios tensionados, como adoita acontecer por estas datas.

Gómez Caamaño lembrou ademais que, nos catro días de folga médica de decembro contra o Estatuto Marco, suspendéronse preto de 60.000 atencións médicas en Galicia, das que arredor de 1.100 cirurxías tiveron que ser reprogramadas case todas nese mes, pero impactando nos tempos de acceso da cidadanía a operacións, probas e consultas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.