A folga médica por un estatuto propio volve virar contra o Sergas en Galicia

Persoal médico en Galicia, mobilizado por un estatuto propio CC-BY-SA Simega

Logo de que na mesa de negociación do estatuto marco para o persoal sanitario os sindicatos SATSE-FSES, CCOO, UGT, CSIF e CIG-Saúde (que aínda mantén grandes diferenzas) anunciasen nas últimas semanas importantes avances, os sindicatos e as organizacións médicas seguen mobilizándose en contra do Goberno central. Reclámanlle un estatuto propio e diferenciado do resto dos profesionais, á marxe do acordo xenérico que se está a negociar. 

Sindicatos e organizacións médicas convocan folga este mércores e xoves para reclamarlle un estatuto propio ao ministerio e a mellora nas condicións laborais ao Sergas

Logo de varias manifestacións e xornadas de folga nos últimos meses, a Agrupación Profesional Por un Estatuto Médico e Facultativo (APEMYF) —que agrupa organizacións médicas das diferentes autonomías— convocou dúas novas xornadas de paro en todo o Estado para este mércores 14 e para o xoves 15

O'Mega e Simega son as dúas entidades que en Galicia chaman á folga a máis de 10.000 profesionais —un milleiro de facultativos licenciados e máis de 9.000 médicos e médicas— nun paro que no país "ten unha nova fronte". 

Mobilización de persoal médico en Galicia por un estatuto propio CC-BY-SA O'Mega

Así o aclara O'Mega, que se define como o sindicato médico maioritario en Galicia, que explica que á protesta convocada a nivel estatal "para exixir ao Ministerio un estatuto propio que permita a médicos e facultativos negociar as súas propias condicións laborais" únese outra demanda. A que fan ao Sergas para que abra "unha negociación que permita dignificar as condicións laborais dos profesionais da sanidade pública". E baixo a ameaza de que o paro vire en "indefinido" se a Xunta "continúa negándose a negociar cos representantes dos facultativos". 

"Ademais de exixir do ministerio a retirada do proxecto de estatuto marco, os médicos reclaman á Xunta a diminución da carga laboral para garantir aos usuarios unha asistencia de calidade sen menoscabar o dereito dos facultativos ao descanso e á conciliación do traballo coa vida persoal e familiar", explica O'Mega. 

Porque as organizacións médicas teñen reclamacións adicionais e propias, diferentes ás que os sindicatos de clase defenden para todos os profesionais sanitarios. Así, e aínda que o ministerio reduciu a 17 horas as gardas que son obrigatorias para a maioría, as entidades médicas reclaman que sexan voluntarias, unha opción que o Goberno de España ve inviable no caso de querer garantir o servizo. 

Máis de 10.000 profesionais están chamados á folga en Galicia por O'Mega e Simega

Tal e como detalla O'Mega, o persoal médico reclama o recoñecemento da carreira profesional computando o total de anos traballados ou unha xornada laboral de 35 horas, demandas que a nivel estatal inclúen activar unha xubilación anticipada ou ser encadrado nunha categoría laboral superior á do resto de profesionais. 

Á Consellería de Sanidade, desde Galicia, demándanlle que abra unha negociación para "actualizar as condicións laborais e retributivas dos médicos de Urxencias e de toda a atención primaria". SImega, pola súa banda, reclama ao Sergas que desenvolva xa de maneira completa o novo modelo para os centros de saúde e os PAC, "cumprindo os compromisos da Xunta que levaron á desconvocatoria da folga" nese ámbito. Tamén a regulación das gardas localizadas ou a aplicación do acordo de urxencias hospitalarias no que ten que ver coa xornada e as retribucións, entre outras reivindicacións. 

Representantes de O'Mega e Simega, nunha mobilización ante o Ministerio de Sanidade CC-BY-SA O'Mega

Impacto en decembro

As dúas xornadas de folga convocadas para este mércores e xoves son a continuación das levadas a cabo o pasado mes de decembro e cuxo seguimento O'Mega cifrou no 86% do persoal médico en Galicia, aínda que a Xunta reducírao a menos do 25%. Con todo, o Sergas recoñeceu o importante impacto duns paros que en catro días causaron a suspensión de 1.086 cirurxías, 2.917 probas diagnósticas, 27.800 consultas hospitalarias e 27.218 consultas de atención primaria.

Ademais da folga, para estes dous días hai convocadas concentracións a partir das 11 da mañá nas entradas dos principais hospitais públicos galegos e nos centros de saúde, ademais dunha manifestación en Compostela o mércores ás 18 horas que sairá desde a Alameda. 

Médicos reclaman un estatuto propio e diferenciado do resto de profesionais sanitarios, unha opción que rexeita o ministerio

O persoal médico volverá demandar un estatuto propio, unha reivindicación á que se opoñen os sindicatos de clase e o Ministerio de Sanidade, que advirte de que suporía fragmentar os dereitos dos profesionais sanitarios e que alega que a inclusión dun capítulo específico no texto xeral sería dabondo para o recoñecemento dos seus dereitos. 

Ademais, como denuncian o resto de centrais sindicais e advirte o ministerio, as organizacións e sindicatos médicos que reclaman un texto diferenciado non están na mesa de negociación, senón que negocian a través dunha mesa de folga que non ten lexitimidade para redactar un novo estatuto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.