Sanidade culpa o Estado de que poboación galega sexa a menos satisfeita coa súa Atención Primaria

Mobilizacións de persoal médico no centro Olimpia Valencia de Vigo, o conselleiro de Sanidade este martes no Parlamento e resultados do Barómetro CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: O'Mega / Xunta

A pasada semana o Ministerio de Sanidade fixo público os datos correspondentes a 2025 do Barómetro Sanitario, o estudo elaborado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas que anualmente avalía o grao de satisfacción da cidadanía coa atención á súa saúde. Vén sendo frecuente que a Xunta bote man deste inquérito para destacar que, en xeral, a poboación galega está satisfeita e valora a atención do Sergas.

O Barómetro Sanitario volve rexistrar que valoración xeral do sistema está en Galicia por riba da media, pero reflicte a crise nos centros de saúde

Nesta ocasión a valoración xeral do sistema sanitario non saíu mal parada en Galicia (unha media de 6,30 sobre 10 fronte a unha media estatal de 6,02) e a preferencia pola sanidade pública fronte á privada en caso de padecer un problema de saúde supera o dato global do Estado (72% fronte a 59%). Pero o resultado non foi tan favorable nun dos ámbitos máis tensionados do sistema, a Atención Primaria, no que a poboación de Galicia aparece como a menos satisfeita, con algo menos dun 73% de persoas que a valoran como "boa" ou "moi boa". E para a Xunta a culpa é, como en tantos outros ámbitos, do Goberno de España. 

Estes resultados e a reacción da Xunta aos mesmos chegan nun contexto, o dos centros de saúde, no que aos habituais factores de presión asistencial e escaseza de persoal se vén engadindo dende principios de marzo a folga indefinida convocada polo sindicato O'Mega que, segundo datos do Sergas, provocou xa cancelación de 69.182 consultas ata primeiras horas deste día 24.

A porcentaxe de valoracións da Primaria como "boa" ou "moi boa" queda no 72,3% fronte ao 80% da media estatal e a nota media que a poboación galega pon ao servizo é a cuarta máis baixa entre as autonomías

Concretamente, o dato de respostas que avalían a Atención Primaria en Galicia como "boa" ou "moi boa" situouse neste Barómetro Sanitario no 72,3%. Está lonxe da media estatal (80,4%) e aínda máis dos territorios coa poboación máis satisfeita coa atención que recibe nas consultas de medicina de familia: Cantabria e Euskadi, por riba do 89%.

No referido á nota media que a poboación pon á Atención Primaria, o dato galego non é o peor pero si dos máis cativos: un 6,15, só por diante de La Rioja e Extremadura (6,12) e mais Andalucía (5,61). A mellor valoración é a de Cantabria (7) seguida de Murcia (6,80), como amosa o gráfico que acompaña estas liñas. 

Tras un significativo impacto mediático destes datos, este pasado luns a Consellería de Sanidade respondía cun comunicado á prensa centrado en responsabilizar da situación ao Goberno de España. A comezar por "lembrar" que "un dos principais problemas que están a afectar a todo o sistema nacional de saúde e que están a impactar de xeito brutal na asistencia aos pacientes son o déficit de profesionais en determinadas especialidades e a folga de facultativos contra o Estatuto Marco promovido polo Goberno central".

A Consellería acusa o Ministerio de "centrar os seus esforzos en agravar os problemas" pero, ao tempo, apunta aos "datos especialmente sólidos" sobre a alta confianza da poboación galega na sanidade pública fronte á privada

Sostén o departamento que dirixe Antonio Gómez Caamaño que o Ministerio de Sanidade está a "centrar os seus esforzos en agravar os problemas" co devandito Estatuto Marco, que "provoca unha espiral de folgas extraordinarias que impacta de xeito directo no acceso dos cidadáns á sanidade pública". Os propios convocantes, caso do sindicato médico O'Mega, veñen lembrando que se mobilizan contra a normativa estatal, pero tamén polas condicións de traballo que dependen directamente do Servizo Galego de Saúde.

Así e todo, a Consellería considera que "cómpre remarcar" que no propio Barómetro Sanitario "Galicia segue a situarse por riba da media estatal na satisfacción" co conxunto do sistema. E ademais, subliña, "hai datos especialmente sólidos" sobre a "confianza" da poboación no Sergas ao continuar "entre as comunidades nas que máis se elixe a sanidade pública cando se pode optar", o que para o Goberno galego "desmonta por si só o discurso de quen quere presentar un sistema cuestionado pola cidadanía". "En Galicia, cando hai que escoller, a xente segue escollendo sanidade pública", conclúen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.