O TSXG avala un xuíz que reprochou "que un cidadán que vive nunha contorna rural poida terminar resultando de menor dereito que outro que o fai nunha cidade" logo de analizar unha incorrecta atención no PAC do Barco de Valdeorras
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar o Sergas a indemnizar con preto de 52.000 euros a un home que perdeu por completo a visión dun ollo logo de non ser correctamente atendido no Punto de Atención Continuada (PAC) do Barco de Valdeorras. No proceso xudicial a Xunta argumentou "falta de medios persoais e materiais" no PAC como xustificación da súa atención sanitaria insuficiente, pero a xustiza respondeulle que esa alegación non é razoable.
A sentenza agora feita pública ratifica por completo outra sentenza previa de hai un ano dun tribunal de instancia de Ourense. Nela analízase o caso dun home que en xuño de 2021 acude ao PAC do Barco de Valdeorras logo de sentir un corpo estraño no seu ollo dereito mentres traballaba rozando unha finca. No PAC diagnostícanlle úlcera corneal e danlle colirio antibiótico.
Medio día máis tarde o home volve novamente a urxencias, agora ao Hospital Comarcal de Valdeorras, con cefalea e dor ocular. E desta volta, ante a sospeita de perforación corneal, derívano ao servizo de Oftalmoloxía, onde se confirma ese problema tras facerlle unha radiografía que constata a presenza dun corpo estraño no ollo. O home é derivado ao Complexo Hospitalario de Ourense e é operado á mañá seguinte, pero desenvolve unha infección e malia diversos tratamentos posteriores acaba perdendo a visión do ollo.
No proceso xudicial a Xunta esgrimiu a falta de medios no PAC como xustificación de que prestara ao home toda a atención médica que podía. Pero a xustiza non o ve así. O primeiro xuíz que analizou o caso, e que agora é avalado polo TSXG, dixo que "o que non parece razoable é que se alegue que non se dispuña de máis medios para xustificar unha exploración netamente insuficiente cando estes medios si que existían, quizais non no Punto de Atención Continuada pero si no Hospital do Barco de Valdeorras e, no seu defecto, no Complexo Hospitalario de Ourense aos que debeu ser derivado de forma inmediata".
O maxistrado mesmo reprocha ao Sergas "que un cidadán que vive nunha contorna rural poida terminar resultando 'de menor dereito' que outro que o fai nunha cidade que dispón de hospital con acceso a determinados medios materiais e de oftalmólogo de garda en urxencias".
A xustiza desbota a alegación do Sergas da falta de "medios materiais e persoais, que sen dúbida o paciente non ten por que soportar na súa contra"
Esa sentenza de primeira instancia é avalada agora polo TSXG que considera que definiu "correctamente" o incumprimento da praxe debida nun caso así malia a alegación do Sergas da falta de "medios materiais e persoais, que sen dúbida o paciente non ten por que soportar na súa contra", incide o tribunal.
O TSXG conclúe ratificando a sentenza de primeira instancia e indemnización do home con 51.700 euros polas súas secuelas permanentes e prexuízos moral e estético.