Tras ano e medio bloqueado o Sergas volve permitir o cambio entre Povisa e a sanidade pública

Hospital Ribera Povisa en Vigo © Ribera Salud

O cambio voluntario entre o hospital concertado de Ribera Salud e o sistema público, con reiterada perda de doentes para Povisa, comezou en 2014 ligado ao anterior concerto, pero a demora en renovalo deixou sen esa posibilidade desde outubro de 2024

O Sergas volve abrir desde este xoves e durante un mes a posibilidade de que os pacientes do sistema público de saúde do Morrazo, Val Miñor e o oeste da cidade de Vigo elixan se queren que a súa asistencia especializada se preste no hospital privado concertado Povisa, do grupo Ribera Salud, ou no complexo hospitalario público (Chuvi) que ten como principal centro o Álvaro Cunqueiro. 

O cambio voluntario de hospital estaba bloqueado desde outubro de 2024, hai ano e medio, pola lentitude da Consellería de Sanidade en renovar o concerto con Povisa logo dunha década de progresiva fuxida de pacientes dese hospital. O novo período de cambio voluntario chega despois da polémica xurdida o pasado decembro ao coñecerse as ordes do grupo Ribera de rexeitar atender pacientes nun hospital concertado madrileño para así gañar máis cartos.

A posibilidade de cambiar de hospital de referencia entre Povisa e o Chuvi cunha periodicidade anual incluíuse no concerto co hospital privado que o Sergas asinou en 2014, na súa cláusula 1.2, que foi desenvolvida nunha resolución do Sergas publicada no DOG o 11 de setembro daquel ano. Nela estableceuse para aquel primeiro ano que o prazo de cambio voluntario estenderíase desde aquel mesmo día ata o 30 de novembro, durante case dous meses, mentres que en anos seguintes sería un mes, do 1 ao 30 de novembro.

Así foi varios anos, ata que en 2019 houbo unha modificación do concerto que entre outras cuestións mudou o momento anual fixándoo "no mes de maio". Con variacións de datas, pero sempre cun mes de prazo, o Sergas seguiu abrindo ese período anual de cambio voluntario entre Povisa e o CHUVI na primavera ou no outono. Pero en 2025 non o fixo. O último período de cambio de hospital abriuse entre o 1 e o 30 de outubro de 2024.

Tras anos de progresiva perda de pacientes en Povisa, Ribera Salud afronta agora as polémicas revelacións de El País de ordes do grupo para aumentar beneficios en detrimento dos pacientes dun hospital madrileño

O anterior concerto con Povisa asinouse en setembro de 2014 por oito anos prorrogables dous máis, polo que a Xunta era coñecedora de que remataría como moito en 2024 e debía negociar antes un novo. Porén, o Goberno galego demorou esa renovación e en setembro do pasado ano tivo que prorrogar o anterior concerto de xeito excepcional para que a poboación non quedase desatendida ata asinar un novo, o que non fixo ata o 11 de abril deste ano. Un novo acordo con cambios considerables.

Se no anterior concerto o Sergas pagaba a Povisa unha contía fixa por paciente adscrito, no novo pasa a pagar por actuacións médicas efectivamente realizadas. Así, se co anterior sistema o Sergas viña pagando, segundo o Consello de Contas, uns 80 millóns ao ano, co novo a propia Xunta estima que vai pagar 97,4 millóns ao ano. Un aumento dos cartos públicos que chega malia que os pacientes asignados a Povisa veñen reducíndose desde os 135.000 que tiña en 2019, cando o hospital vigués foi mercado polo grupo Ribera Salud, aos 110.555 que había a 31 de marzo deste ano, segundo a Xunta.

O conselleiro delegado de Ribera Salud, Pablo Gallart, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en setembro na Coruña © Ribera Salud

Segundo o Sergas, ese novo concerto, que non fixo público, contemplou que o período de cambio voluntario de hospital se producise "unha vez transcorrido un ano do inicio da execución do contrato", que comezou o 12 de abril do pasado ano. Así que agora, un ano despois, e logo da demora do propio Sergas en renovar o concerto, ábrese o período de cambio voluntario.

As persoas interesadas no cambio poden solicitalo cubrindo un formulario no seu centro de saúde e presentando un documento de identidade, ou na web do Sergas

Atendendo ao publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), as persoas interesadas simplemente deberán cubrir un formulario no seu centro de saúde e presentar un documento de identidade. Tamén se poderá facer de xeito dixital na web do Sergas. Os centros de saúde atinxidos son os de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar, Coia, Bouzas, Coruxo, Navia, Pintor Colmeiro, Olimpia Valencia, Rosalía e Beiramar. 

A desactivación o pasado ano do prazo anual de elección de hospital produciuse ao tempo que Ribera Salud, propietario de Povisa, se situou no centro da polémica polas sucesivas exclusivas que publicou El País sobre ordes da dirección do grupo a un hospital madrileño para que reducise atencións aos pacientes para así ter máis beneficios. Unha polémica que pode acrecentar a fuga de pacientes que xa viña rexistrando Povisa. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou que "en Galicia non temos ese problema" porque os hospitais galegos de Ribera Salud "están supervisados" polo Sergas.

Centro de saúde de Baiona, un dos que están adscritos a Povisa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.