En 2007 o Sergas prevía que co futuro Álvaro Cunqueiro o centro privado pasaría a ser "complementario e de apoio ao CHUVI e non substitutorio", pero o Consello de Contas vén reflectindo como se foron incumprindo os obxectivos
En 2007, cando comezou a planificarse o que sería o novo hospital Álvaro Cunqueiro e os efectos que tería sobre todo o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), o daquela goberno de coalición na Xunta de PSdeG e BNG prevía que, non sen dificultades, permitiría poñer fin ao concerto con Povisa.
Iso non pasou e o Consello de Contas vén reflectindo en sucesivos informes como o hospital privado agora en mans do grupo Ribera Salud segue sendo "centro de referencia" para máis de 110.000 persoas de Vigo, Val Miñor e O Morrazo, malia que debía pasar a ser "complementario e de apoio ao CHUVI e non substitutorio". Un cambio no modelo de Povisa que foi reclamado o xoves nunha manifestación en Vigo, logo de que El País revelase que a propietaria do hospital, o grupo Ribera Salud, ordenou rexeitar pacientes nun hospital madrileño para gañar máis cartos.
Ademais dos informes anuais de fiscalización do gasto do Sergas, o Consello de Contas fixo en 2019 un informe específico sobre o concerto con Povisa. Nese informe lémbrase que, no marco da planificación do novo hospital de Vigo, "no ano 2007 o Sergas elabora o documento Plano de xestión e programa funcional do novo hospital de Vigo (NVH) no que se definen as directrices de configuración do sistema sanitario na área de Vigo e o sur de Galicia" para os anos seguintes.
Nesa planificación de 2007 o goberno de PSdeG e BNG prevía que co novo hospital en servizo "se reformularía a política sanitaria relativa ao sector concertado, que se configuraría como complementario e de apoio ao CHUVI e non como substitutorio".
Feijóo fixo o novo hospital a través dunha concesión pero un ano antes de inauguralo renovou en 2014 o concerto con Povisa por outros 10 anos e en 2018 melloroulle as condicións
Segundo Contas, "estes cambios implicarían (no escenario óptimo previsto) a redución do peso do sector privado do 22% ao 15% sobre o total de procesos, mantendo o volume de actividade do sector privado, sen se establecer referencias poboacionais para o sector concertado". Isto é, Povisa deixaría de ter adscrita de forma estable poboación concreta á que prestar todo tipo de atención sanitaria.
Aquela planificación, segue Contas, recollía "dúas alternativas de política sanitaria": "o mantemento do sector privado concertado co seu carácter substitutivo ou a súa desaparición, analizándose as vantaxes e desvantaxes das dúas opcións, e desaconsellando o modelo de xestión concertada daquel momento". Isto é, a planificación apostaba por rematar co concerto "substitutorio" de Povisa pero sen prescindir por completo dalgún tipo de concerto xa que a súa "desaparición total" tería "consecuencias negativas".
Eses efectos negativos de prescindir por completo de Povisa serían "a excesiva concentración de camas nun único centro", un sistema considerado obsoleto, e "a inexistencia dun 'colchón' para adaptar ás modificacións das variables de planificación" e "a eliminación dun elemento comparativo de xestión ('benchsmarking') para o sector público, xa que o sector concertado actúa tamén como amortecedor das ineficiencias do sector público".
Malia iso, a aposta era por prescindir do concerto "substitutorio" e manter Povisa como hospital "complementario". Así, a continuación elaborouse un Plan Director de Infraestruturas Sanitarias 2008-2013 no que se concretaban as camas totais que tería o CHUVI, 1.757, das que 1.414 estarían no novo hospital, "sen que se fixera referencia ningunha ao papel que se lle asignaría a Povisa", di Contas.
Porén, tras esas previsións de 2007 e 2008, en 2009 mudou o Goberno galego e o novo presidido por Alberto Núñez Feijóo mudou os plans. O novo hospital pasou a ser licitado en 2011 a través dunha concesión de colaboración público-privada, modelo de contratación ao que Contas atribuíu un sobrecusto de 470 millóns de euros a respecto dun concurso convencional. O mesmo Feijóo inaugurouno en 2015, un ano despois de que en 2014 a Xunta renovase por outros dez anos o concerto con Povisa como hospital "substitutorio" e non "complementario", segundo a terminoloxía de Contas.
O concerto non foi reducido pola apertura do novo hospital Álvaro Cunqueiro senón que polo contrario en 2018 a Xunta mellorou as condicións de Povisa tras esgrimir esta que tiña perdas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou a petición da empresa dicindo que debera ter en conta os seus custos "no momento de formular a súa oferta e subscribir o concerto" en 2014, pero o Goberno galego melloroulle igualmente as condicións e acordou que o hospital pasase a realizar "actividade adicional" á poboación que tiña adscrita. Aos poucos meses desa mellora do concerto Ribera Salud mercaba Povisa.
Hai un ano Contas volveu analizar en que quedaran os plans iniciais de redución do concerto con Povisa e concluíu que o Álvaro Cunqueiro non cumprira os seus obxectivos e "Povisa segue sendo centro de referencia"
Contas volveu analizar en que quedaran os plans iniciais de redución do concerto con Povisa no informe no que hai un ano puxo cifras ao sobrecusto do novo hospital público. Nesa nova análise sobre o Álvaro Cunqueiro, Contas conclúe expresamente que "coa construción do novo hospital de Vigo non se logrou acadar completamente os obxectivos fixados".
"O obxectivo fixado na memoria de xustificación da necesidade do contrato era acadar 2.000 camas no CHUVI, mentres que o maior número de camas instaladas no período fiscalizado foi de 1.366 camas no ano 2020", di Contas, que engade que "o mesmo acontece cos obxectivos fixados en canto ao número de instalacións, procesos asistenciais e redución do peso relativo co sector privado (Povisa)".
Noutro punto do mesmo informe Contas pon cifras e di que "no relativo ás obrigas [económicas] recoñecidas pola actividade de Povisa no período 2014-2021, tampouco se logra a redución do peso relativo fixada como obxectivo", e achega un cadro no que o pagamento medio ao hospital concertado neses anos, co novo hospital público xa funcionando, foi de 79 millóns ao ano.
Aquel concerto 2014-2024 rematou o pasado ano, pero o novo, asinado este ano, co Álvaro Cunqueiro en funcionamento desde hai unha década, prevé aumentar os cartos públicos destinados a Povisa a uns 97,4 millóns ao ano. "Povisa segue sendo centro de referencia", di Contas.