O cambio voluntario entre o hospital concertado e o sistema público, con reiterada perda de doentes para Povisa, comezou en 2014 ligado ao anterior concerto, pero a demora de Sanidade en renovalo deixa sen esa posibilidade durante un ano e medio
Desde 2014 os pacientes dos centros de saúde do Morrazo, Val Miñor e centro-sur de Vigo que teñen por defecto como hospital de referencia o concertado Povisa, do grupo Ribera Salud, tiñan a posibilidade unha vez ao ano, durante un mes de prazo, de mudar a súa asignación ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), e viceversa. Porén, esa posibilidade foi desactivada polo Sergas este ano.
O último período de cambio foi en outubro de 2024 e este 2025, mentres a Xunta demorou a renovación do concerto de hai dez anos, non se abriu o mes habitualmente dispoñible de prazo para solicitar a mudanza. En varios centros de saúde afectados admiten non ter información fiable ao respecto e limítanse a transmitir á cidadanía que pregunta por esa posibilidae a súa "suposición" ou "esperanza" en que se abra un novo período en abril de 2026. Así o asegura a Consellería de Sanidade, que di que se reactivará un novo período de cambio o 12 de abril do vindeiro ano, cando remate o primeiro ano de vixencia do novo concerto con Povisa.
A posibilidade de cambiar de hospital de referencia entre Povisa e o CHUVI cunha periodicidade anual incluíuse no concerto co hospital privado que o Sergas asinou en 2014, na súa cláusula 1.2, que foi desenvolvida nunha resolución do Sergas publicada no DOG o 11 de setembro daquel ano. Nela estableceuse para aquel primeiro ano que o prazo de cambio voluntario estenderíase desde aquel mesmo día ata o 30 de novembro, durante case dous meses, mentres que en anos seguintes sería un mes, do 1 ao 30 de novembro.
Así foi varios anos, ata que en 2019 houbo unha modificación do concerto que entre outras cuestións mudou o momento anual fixándoo "no mes de maio". Con variacións de datas, pero sempre cun mes de prazo, o Sergas seguiu abrindo ese período anual de cambio voluntario entre Povisa e o CHUVI na primavera ou no outono. Pero neste 2025 non o fixo. O último período de cambio de hospital abriuse entre o 1 e o 30 de outubro de 2024.
Tras anos de progresiva perda de pacientes en Povisa, Ribera Salud afronta agora as polémicas revelacións de El País de ordes do grupo para aumentar beneficios en detrimento dos pacientes dun hospital madrileño
O anterior concerto con Povisa asinouse en setembro de 2014 por oito anos prorrogables dous máis, polo que a Xunta era coñecedora de que remataría como moito en 2024 e debía negociar antes un novo. Porén, o Goberno galego demorou esa renovación e en setembro do pasado ano tivo que prorrogar o anterior concerto de xeito excepcional para que a poboación non quedase desatendida ata asinar un novo, o que non fixo ata o 11 de abril deste ano. Un novo acordo con cambios considerables.
Se no anterior concerto o Sergas pagaba a Povisa unha contía fixa por paciente adscrito, no novo pasa a pagar por actuacións médicas efectivamente realizadas. Así, se co anterior sistema o Sergas viña pagando, segundo o Consello de Contas, uns 80 millóns ao ano, co novo a propia Xunta estima que vai pagar 97,4 millóns ao ano. Un aumento dos cartos públicos que chega malia que os pacientes asignados a Povisa veñen reducíndose desde os 135.000 que tiña en 2019, cando o hospital vigués foi mercado polo grupo Ribera Salud, aos algo máis de 110.000 do último ano.
O Sergas non fixo público o texto do novo concerto, só a súa adxudicación, polo que non é posible saber como recolle a posibilidade de cambio voluntario de hospital. Praza.gal puido comprobar que en varios centros de saúde adscritos a Povisa a resposta que recibe a cidadanía que se interesa polo cambio de hospital é que este ano nin o houbo ni o haberá. "Imaxinamos, tampouco estamos seguros, que pode abrirse sobre abril do ano que vén" ou "din que se faría o próximo ano en abril" son algunhas das respostas recibidas.
O Sergas asegura que reactivará a posibilidade de cambiar de hospital o 12 de abril do vindeiro ano, cando remate o primeiro ano de vixencia do novo concerto con Povisa que a propia Xunta demorou
A resposta oficial que dá Sanidade a Praza.gal é que o novo concerto mantén a previsión dun período de 30 días para poder cambiar de hospital que se activará "por primeira vez, unha vez transcorrido un ano do inicio da execución do contrato, polo tanto, o 12 de abril de 2026". Isto é, o novo período de cambio non se abrirá ata ano e medio despois do anterior período de outubro de 2024, sen dar esa posibilidade en 2025, porque a Xunta tardou en renovar o concerto que sabía que vencía o 31 de agosto do pasado ano e non incluíu no novo concerto a posibilidade de adiantar o período de cambio voluntario. Se no concerto iniciado o 1 de setembro de 2014 a posibilidade de cambio de hospital foi activada só dez días despois, desta volta non se contempla ata pasado un ano do novo concerto.
Na súa resposta Sanidade tamén lembra que os pacientes que están actualmente asignados a Povisa poden cambiar de hospital fóra do prazo previsto "solicitando o cambio de médico de familia a outro centro de saúde". Á inversa, pacientes que se incorporen aos centros de saúde asignados a Povisa, poden elixir o hospital de referencia no momento de elección do seu médico de atención primaria.
Sanidade non aclara se a demora ten relación co escándalo arredor de Ribera Salud
A desactivación este ano do prazo anual de elección de hospital prodúcese ao tempo que Ribera Salud, propietario de Povisa, está no centro da polémica polas sucesivas exclusivas que vén publicando El País sobre ordes da dirección do grupo a un hospital madrileño para que reduza atención aos pacientes para así ter máis beneficios. Unha polémica que pode acrecentar a fuga de pacientes que xa viña rexistrando Povisa.
Sanidade non respondeu á pregunta de Praza.gal sobre se a desactivación do período de cambio deste ano ten algo que ver co escándalo arredor de Ribera Salud. Hai uns días o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou que "en Galicia non temos ese problema" porque os hospitais galegos de Ribera Salud "están supervisados" polo Sergas.