O "grande impacto" das folgas e do 'non' ás 'peonadas" pon o Sergas en alerta

Intervención cirúrxica no CHUO © CHUO

"No actual contexto de mobilizacións promovidas polo colectivo médico en defensa dunhas condicións laborais dignas, acordes coa responsabilidade inherente ao exercicio profesional, e en coherencia cos fundamentos que sustentan a folga médica en curso, comunicamos formalmente a nosa decisión de cesar a partir do 16 de marzo a realización da actividade voluntaria de autoconcertación e actividade deslizada". 

Cirurxiáns, anestesistas e outros especialistas da Coruña, Ferrol e Burela únense á negativa a facer 'peonadas' en Pontevedra, Vigo e Santiago a partir do vindeiro luns

Con este texto ou semellantes, persoal médico e facultativo de numerosos servizos de cirurxía e anestesioloxía dos hospitais públicos galegos están a comunicar ao Sergas e á xerencia da súa respectiva área sanitaria a decisión de deixar de facer peonadas a partir da vindeira semana. Farano mentres se manteñan as mobilizacións e folgas convocadas polo sindicato O'Mega, a cuxas demandas se unen, e mentres a Xunta "non sente a negociar as condicións que permitan desconvocar" o último paro indefinido, que afecta desde o pasado día 2 de marzo a atención primaria e que obrigou a suspender xa arredor de 40.000 consultas. 

Protesta de persoal médico no centro integral de saúde Taboada Leal de Vigo CC-BY-SA O'Mega

Unha protesta, explica O'Mega, "non só para reivindicar do Ministerio de Sanidade un Estatuto Marco propio" para o persoal médico, en contra do xa acordado polos sindicatos con representación na mesa de negociación, senón "tamén para demandar da Xunta que abra unha vía de negociación que permita dignificar as súas condicións laborais" porque, lembran médicos e o sindicato, "Galicia ten as competencias exclusivas en materia de sanidade". 

O Sergas asume o "grande impacto nas listas de espera" que tería a protesta tendo en conta a suspensión de cirurxías, consultas e probas por mor de anteriores folgas

A aclaración non é baldía, xa que desde a Consellería de Sanidade insístese en que o aumento nas listas de espera nos últimos meses e a suspensión de milleiros de procesos asistenciais débense ao "paro contra o Estatuto Marco promovido polo Goberno central, que é o motivo principal desta nova medida de protesta dos facultativos". Non o único, xa que desde O'Mega advertiuse varias veces de que as mobilizacións en Galicia eran tamén contra o Sergas e a súa política sanitaria. 

Este pasado xoves, mesmo, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, atribuía o importante incremento do tempo de espera para a atención cirúrxica en Galicia ás folgas e ao Goberno de España.

O Sergas, en resposta a Praza.gal, recoñece que no caso de confirmarse a negativa a facer peonadas por parte de persoal médico desde este luns, provocaríase "un grande impacto nas listas de espera, máis tendo en conta a suspensión de cirurxías, consultas e probas diagnósticas por mor do paro contra o Estatuto Marco". "A Consellería está aberta ao diálogo para tratar de evitalo", engade, tras lembrar que o número exacto de profesionais que se uniu á protesta non se poderá coñecer en detalle ata que se leve a cabo. 

Escritos presentados por persoal médico advertindo da súa negativa a realizar 'peonadas' CC-BY-SA O'Mega

A medida de presión que está a levar O'Mega da man deste persoal mobilizado para retomar as negociacións e pór fin á folga na atención primaria é importante. Á postura de cirurxiáns e anestesistas de Pontevedra, Vigo, Santiago e O Salnés únense agora especialistas dos hospitais da Coruña, Ferrol e Burela, que xa comunicaron á Consellería que deixarán de realizar esta actividade voluntaria clave para reducir as listas de espera e desconxestionar unha sanidade pública saturada. 

Na protesta implícanse especialistas de Anestesia, Cirurxía Pediátrica e Xinecoloxía do CHUAC, anestesistas, urólogos, traumatólogos e cirurxiáns xerais e do aparato dixestivo de Ferrol, así como persoal dos servizos de Traumatoloxía, Anestesia, Oftalmoloxía e Uroloxía do Hospital da Mariña. Ademais, en Pontevedra, Vigo e Santiago, onde a protesta se limitaba a anestesistas, cirurxiáns e xinecólogos, uníronse á medida otorrinolaringólogos, neurocirurxiáns, traumatólogos ou cirurxiáns plásticos.

Malestar do persoal médico

A situación é preocupante xa que as peonadas son actividades extraordinarias voluntarias que realizan numerosos médicos do Sergas para reducir as listas de espera, especialmente en cirurxía, polas tardes e fóra do seu horario habitual ordinario. A decisión de negarse a realizalas chegou logo de que Gómez Caamaño, manifestase recentemente que eran estes labores extras os que permitían ao Sergas recuperar a actividade perdida durante a folga. "Isto desencadeou o malestar dos facultativos, que non queren converterse nun parche ás suspensións derivadas do dereito á folga", explica O'Mega.

Mobilización de CIG-Saúde ante Sanidade pola folga do 12 de marzo na atención primaria CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

"O mantemento das peonadas non pode seguir sendo unha solución permanente nin un mecanismo de compensación das suspensións derivadas do exercicio de dereito á folga", di o persoal médico nos seus escritos ao Sergas, no que aclaran tamén que a súa decisión "responde tamén a unha situación prolongada de sobrecarga asistencial, penosidade estrutural e discriminación retributiva e organizativa respecto doutros colectivos do ámbito sanitario". Por iso, engaden, exixen "medidas estruturais eficaces dirixidas a corrixir estas desigualdades". 

Se nada cambia, a partir do luns á folga indefinida na atención primaria impulsada por O'Mega unirase a negativa de ducias de médicos a realizar peonadas, o que incrementará máis a espera dos pacientes, quer no primeiro nivel asistencial, quer en cirurxía. 

Na primeira semana de folga na atención primaria, no 43% dos cupos a espera para unha consulta de medicina de familia supera os catro días

No caso da atención primaria, como recoñece o Sergas, a situación xa é mala. Con datos da primeira semana de marzo —e primeira da folga—, "a demora media para unha consulta de medicina de familia situouse no 57 % dos cupos que tiñan dispoñible unha cita en menos de catro días e no 40 % para citas en menos de 2 días". Xa que logo, no 43% dos cupos hai que agardar máis de catro días cando no que vai de paro indefinido xa se superan as 40.000 consultas suspendidas, case 4.400 nun só día, por exemplo, o pasado 10 de marzo. 

Mobilización da CIG-Saúde

Este pasado xoves 12 de marzo, á convocatoria de folga en atención primaria por parte de O'Mega uniuse á de CIG-Saúde, neste caso para todas as categorías profesionais, que reivindicou "medidas urxentes e reais para reverter a súa situación límite". 

CIG-Saúde convocou tamén folga este xoves reclamando medidas urxentes e reais para reverter a situación límite na atención primaria"

Nunha protesta ante a Consellería de Sanidade, a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, salientou que son as traballadoras e os traballadores quen está sostendo día tras día “co seu esforzo, a súa profesionalidade e o seu compromiso” a atención primaria. "Pero hai que abordar dunha vez por todas as axendas, as listas de agarda e cales son os recursos de persoal que ten que haber en cada un dos centros de saúde do país”, demandou.

Segundo o Sergas, o seguimento da folga convocada polas dúas organizacións roldou o 6%, con porcentaxes moi dispares segundo a área sanitaria: moito máis alta na da Coruña e Vigo e máis baixas na de Lugo ou Verín. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.