Sanidade aclara expresamente ás empresas interesadas que nin sequera para as cirurxías de alta complexidade será preciso contar máis que cunha unidade de reanimación
A finais de agosto o Sergas, incapaz de asumir con medios propios a lista de espera cirúrxica existente na área sanitaria de Ourense, sacou a concurso un contrato marco para subcontratar con centros sanitarios privados diversos tipos de intervencións. Achega arredor de 10 millóns de euros ao ano.
Agora, no marco dese procedemento de contratación, Sanidade vén de aclarar expresamente ás posibles empresas interesadas que "non é obrigatorio ter UCI para presentar a súa oferta" nin sequera para os casos de cirurxías de alta complexidade. Bastará con que teñan unha sala de reanimación.
O Sergas dividiu o concurso para subcontratar parte da asistencia sanitaria na área de Ourense en cinco lotes: cirurxías de media e baixa complexidade, cirurxías de alta complexidade, logopedia, procedementos de especial diagnóstico e terapéuticos e neurorehabilitación de dano cerebral.
O Sergas tamén permite que as cirurxías de alta complexidade da área de Ourense se realicen en centros privados de Vigo
No caso das cirurxías máis sinxelas, a logopedia e os procedementos de especial diagnóstico e terapéuticos o Sergas establece que "os centros sanitarios deberán localizarse dentro da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Porén, para os lotes de cirurxías complexas e neurorehabilitación sinala que "ante a falta de oferta asistencial xunto cos tempos de desprazamentos, os centros sanitarios poderán estar localizados no ámbito territorial da Área Sanitaria de Vigo"
Co concurso público xa en marcha Sanidade recibiu unha consulta dun posible licitador solicitando que aclarase "se é ou non obrigatorio ter UCI para presentar oferta". Ao que a consellería responde que "non é obrigatorio ter UCI para presentar a súa oferta, pois tal e como está recollido nos pregos que rexen esta licitación, tanto para o lote 1 como para o lote 2 di: Deberá dispor unha sala de Reanimación, Unidade de recuperación postanestésica ou unidade de coidados intensivos de anestesia (UCIA)".
Isto é, tanto para o lote 1 de cirurxías de baixa e media complexidade, que deben realizarse en Ourense, como para o lote 2 de cirurxías de alta complexidade, que poden realizarse en Vigo, o Sergas non esixe máis que unha sala de reanimación.
Ata este contrato marco agora en tramitación o Sergas viña subcontratando a dedo en Ourense desde hai anos diversas atencións médicas cos privados Centro Médico El Carmen e Cosaga. En 2022 con ese tipo de subcontratacións Sanidade gastou nesa área sanitaria uns 8 millóns de euros, "fundamentalmente, pacientes cirúrxicos para aliviar a presión sobre as listas de agarda", segundo o Consello de Contas.
Tanto as páxinas web deses dous centros médicos de Ourense como o Consello de Contas reflicten que ambos contan con UCI. Tamén dispón de UCI o principal hospital privado da área de Vigo co que o Sergas mantén concerto, Povisa.